Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Ardentía convida a avanzar na música tradicional con Adiante
Xénero:
| 5 / 6 / 2015Con portas na capa e convidando a pasar, Ardentía presenta o seu novo traballo. Adiante explora as posibilidades da música de raíz a amosar que pode ser "rica en matices, variada, amplia, complexa". Logo de 25 anos de carreira, o grupo achega unha colección de temas nos que se mesturan a tradición con composicións propias e aos que lles achega unha instrumentación que inclúe gaita, saxofon, acordeon, anfona, bouzouki, guitarra, contrabaixo, frauta, percusións e voces. O grupo presenta o novo álbum cun concerto esta noite na Gentalha do Pichel, en Compostela.
Uxía e Narf cantan xuntos as Baladas da Galiza Imaxinaria
Xénero:
| 2 / 6 / 2015Cantaron por vez primeira xuntos nunha xira por Sudamérica na primavera de 2014. O encontro deu nunha integración dos sons eléctricos de Narf coa voz de raíz de Uxía. Logo dunha serie de concertos por todo o país, o dúo entrou no estudo Asisí no outono pasado e presenta agora o resultado desta colaboración. Baladas da Galiza Imaxinaria presenta unha mestura de temas compostos para ocasión con reinterpretacións do repertorio dos dous músicos. As once cancións do álbum combinan letras de Rosalía, Castelao, Curros ou Federico García Lorca con temas como Alalá das Mariñas. O álbum preséntase de xeito oficial cun micro recital no Mercado de Abastos de Compostela na mañá do 3 de xuño. Un concerto no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 10 de xuño servirá de presentación do álbum.
Os Chichisos publican o seu primeiro disco aos 21 anos
Xénero:
| 29 / 5 / 2015Un disco totalmente artesán, elaborado de comezo a fin polos propios membros do grupo. Esta é a proposta que grupo de música tradicional Os Chichisos, de Pontevedra, presentan no seu Feito na casa. Por vez primeira logo de vinte e un anos de existencia, o conxunto lanzouse ao estudo de gravación para rexistrar dez temas, dos cales nove foron compostos polos seus membros. Polca dos Chichisos, María imos pra Mesía, O Alicornio ou Moinheira do rato Rabissaco som alguns dos temas que se inclúen no traballo. Gaita, requinta, acordeón ou clarinete acompáñanse de percusión tradicional nunha aposta polo son máis tradicional.
Ith lanza Forte, o seu primeiro traballo de estudo
Xénero:
| 26 / 5 / 2015Temas con guitarras potentes e potentes voces femininas con ecos de rock duro marcan o novo traballo de Ith. A banda de Mesía presenta Forte, o seu primeiro traballo de estudo logo de varias maquetas e un álbum ao vivo. A continuar a súa aposta polo pop-rock, o grupo achega trece novos temas en galego nos que destaca o traballo vocal de Lucía da Fonte. Canda a ela Gonzalo Suárez, Toxo, Miguel Iglesias e Miguel Folgueira completan o proxecto, que está a desenvolver diferentes concertos de presentación por todo o país. A vindeira cita será o seis de xuño no I Festival Folck Rock de Grixalba.
Carapaus retornan con Déixao andar...
Xénero:
| 13 / 5 / 2015Trece temas nos que se mesturan pezas populares como a Foliada de Trabanca ou os pasodobres dos Portelas e de Manuel Viqueira, con composicións de Emilio Lois e letras de Sabela Galbán, Gustavo Couto e Sés, que achega texto e música no Canto de Baltasar. Esta é a proposta do segundo disco dos Carapaus, que se presenta ao vivo o vindeiro 16 de maio na Sala Capitol ás 21:30.
Pablo Vidal Trío debuta con Jazz pagano
Xénero:
| 6 / 5 / 2015O Jazz Filloa acolle ás 10 desta noite a presentación de Jazz pagano o disco co se presenta Pablo Vidal Trío. A formación conta co propio Vidal ao contrabaixo, a quen acompañan Noli Torres na batería e Gabriel Peso a cargo do piano. O álbum, editado por Aldeaglobal sons, achega oito temas dedicados ao mar, e fai parte dunha tetraloxía que o grupo pretende completar no futuro. Canda aos músicos, pódese escoitar a voz de Uxía en O canto da serea e en Alalá das sereas onde se evidencia a intención de traballar nunha fusión entre jazz e tradición galega.
Zënzar vai polo dez con Camiñando entre serpes
Xénero:
| 5 / 5 / 2015Once novos temas de rock reivindicativo e poesía urbana. A banda decana do rock en galego, Zënzar, chega ao seu décimo álbum con Camiñando entre serpes. No novo traballo, gravado nos estudios de Javier Abreu, a banda achega un son máis directo que se gravou ao vivo. Temas como Cortina a versionar un poema de Díaz Castro, Nada que perder ou A xente fala adiantan un traballo que está xa dispoñible na rede e que conta coas colaboracións de José M. Ares á gaita e de Xenderal á voz e ao beatbox.
Esquíos dá no centro co seu novo traballo
Xénero:
| 4 / 5 / 2015O vindeiro 16 de maio a Sala Puticlú da Coruña acollerá a estrea do novo traballo de Esquíos. A diana somos tod@s achega once novos temas nos que o grupo aborda "o noso momento vital actual e que reflicten a nosa carraxe co que está a pasar a nivel político e social, que amosan o noso lado máis combativo tanto a nivel lírico coma musical". O Bonham estudios da Coruña foron o escenario no que o grupo se fechou durante dous días para darlle forma a un traballo marcado polas guitarras e as letras de denuncia marcan. A Praza da Feira (A Estrada), o día 17 e o Cachán de Compostela o 29 serán a vindeiras citas na xira de presentación da banda.
Abe Rábade celebra o Día do Jazz coa Real Filharmonía de Galicia
Xénero:
| 30 / 4 / 2015Programa de altura e orixinalidade esta noite no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela. Co gallo do Día Internacional do jazz, o trío Abe Rábade ofrecerá un concerto acompañado da Real Filharmonía de Galicia. As formacións interpretarán sinfonías de Aaron Copland e Kurt Weil na primeira parte. Na segunda, os asistentes poderán escoitar as pezas de jazz escritas para a ocasión por Abe Rábade, baixo o título de Tránsitos.
Riobó retorna con Quiral
Xénero:
| 24 / 4 / 2015Temas da tradición interpretados co virtuosismo do folk contemporáneo. Esta é a proposta na que afonda Riobó con Quiral, o seu segundo disco. Gaita, da man de Marcos Campos, frauta e requinta, con Fernando Pérez, a guitarra de Fernando Barroso, o bouzouki de Xosé Liz, e mais o violín de Begoña Riobó acompañan melodías que en moitos casos recollen o xeito de tocar das Rías Baixas. Nove temas instrumentais amosan o bo facer do quinteto, que comeza a finais deste mes de abril a súa xira de presentación.