Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
María do Ceo presenta De Portugal a Galicia Fado
Xénero:
| 20 / 1 / 2016Un duplo CD marca o álbum número doce da carreira de María do Ceo. De Portugal a Galicia fado achega nun dos seus discos unha selección de clásicos da música portuguesa, mentres o segundo se dedica integramente a coñecidos temas desta banda da raia como Negra Sombra, Quen poidera namorala ou Lela entre outros. Gravado no estudio Edisco da Estrada, a cantante conta con colaboracións musicais como as de José Manuel Neto, Miguel Gonçalves, Filipe Pereira, Ricardo Morente ou Hector Martínez. O álbum preséntase en formato libro-disco a incluír as letras das cancións e unha introdución de Xesús Alonso Montero. O proxecto está autoeditado, e foi financiado mediante crowdfunding. A presentación oficial será o vindeiro 22 de xaneiro no compostelan Hotel Araguaney.
Dakidarría celebra 13 anos con De cuncas e de mar
Xénero:
| 19 / 1 / 2016Logo de catro LPs e un recompilatorio, Dakidarría presenta un novo proxecto discográfico que conmemora os seus 13 anos de traballo. De cuncas e de mar é un CD-DVD que recolle un concerto íntegro do grupo e que inclúe, no seu apartado audiovisual, unha serie de reportaxes sobre o día a día dos músicos. A banda achega quince temas nos que mantén a súa aposta pola fusión de ska, reggae e punk-rock sen concesións e cun son potente e conta con colaboracións de Boikot, Obrint pas, La Raíz, ZOO, García MC, Itaca band, SKA-P ou SOAK. Gravado por Santa Cruz Recording, o novo traballo sae á venda o vindeiro 29 de xaneiro nunha edición limitada da man de Maldito Récords. Dentro da xira de presentación, a primeira data confirmada no noso país é un recital o vindeiro 9 de abril na sala Super 8 de Ferrol.
Migallas busca o público mozo con Zaragallada
Xénero:
| 18 / 1 / 2016O grupo Migallas, transmutado en banda, muda de terzo no seu novo traballo e aposta por un público mozo e adulto. Logo de dous discos centrados nas crianzas, Zaragallada achega unha selección de temas nos que se mesturan pop, rock, ska, pasodobre, tango, rumba ou vals cun acompañamento que inclúe guitarras, acordeón, saxo, trombón, teclados ou baixo. Ademais da banda, participan no álbum nomes como Leandro Deltell (batería), Paulo Nogueira e Magoia Bodega (percusión tradicional), Maurizzio Polsinelli (piano) e Carmen Gallego (violín). O proxecto, que inclúe temas reivindicativos como O que hai que facer canda a cancións máis líricas, está editado por Inquedanzas Sonoras, e gravouse no estudio Casa de Tolos de Segundo Grandío.
Ouvirmos rescata o legado musical dos Carricoba
Xénero:
| 14 / 1 / 2016A música dos Carricoba é o título do novo libro-CD que acaba de presentar a editorial Ouvirmos. O volume, resultados das investigacións de Federico Vázquez de la Fuente recupera o legado de Emilio Carricoba e dos seus fillos Virgilio e Aníbal Carricoba Gay, músicos orixinarios de Ferreira de Pallares, Guntín. A través da biografía dos tres persoeiros percórrese a evolución sonora do século XX, desde as bandas de músicas ás concertinas e as orquestras sinfónicas. O volume incorpora un CD no que se poden escoitar nove das composicións destes tres músicos, interpretadas pola banda de música de Sarria.
Músicas para a Semente achega a tradición aos máis novos
Xénero:
| 11 / 1 / 2016Con vistas a conseguir fondos para creación do seu espazo educativo en galego, Semente Trasancos presentaba este pasado mes de decembro Músicas para a Semente. Cinco cantareiras da comarca e catro músicos, con Alberte Maceiras na dirección musical participan nun álbum que achega unha selección de temas da tradición de Galicia e de Portugal para os máis novos. En total son dez cancións entre arrolos, cancións de Nadal e cantigas nas que predomina o acompañamento tradicional, aínda que non faltan instrumentos como o saxo tenor ou o ukelele. O álbum está a venda en distintos establecementos de Ferrol, Narón, Lugo, Compostela ou Vigo.
Sofía Espiñeira debuta con Alá onde agroman as herbas
Xénero:
| 4 / 1 / 2016Meses despois de se facer cos premios do público e do xurado no II Certame de Canción de Autor en Galego Concello de Teo, Sofía Espiñeira acaba de lanzar o seu primeiro álbum. Alá onde agroman as herbas achega nove temas nos que a autora integra influencias da música tardicional e transcende a perspectiva máis canónica da música de cantautor. A Arca da Noe, en Vilar de Santos, acollerá o vindeiro 12 de febreiro a próxima cita da artista.
Emilio Rúa lanza Querida alegría
Xénero:
| 29 / 12 / 2015O sexto disco de Emilio Rúa xestouse moi rapidamente. Mentres está a preparar un álbum de duetos para o que conta con destacadas figuras da canción estatal, o cantautor ourensán artellou Querida alegría, un disco financiado vía crowdfunding que presenta este trinta de decembro no Liceo de Ourense. O traballo mestura versións e temas orixinais con colaboracións como as de Daniel Minimalia, Kepa Junquera, Carlos Blanco, Xestreu ou Queixumes dos Pinos.
Os da Ría voltan co seu Disco Póstumo
Xénero:
| 28 / 12 / 2015Da man do crowdfunding e baixo o selo Pistacatro producións, o dúo músico-humorístico Os da Ría acaban de dar á luz o seu Disco Póstumo. Carlos Meixide e Tomás Lijó, tamén coñecidos como Arturito e Fabián presentan no seu segundo álbum sete nove temas nos que reinterpretan a música popular, do rock ás rancheiras, con títulos como Parrillada de amor, Unha nova Galicia ou Toma Cachondexo nos que a ironía é omnipresente. O álbum presentouse ao vivo no último Culturgal, e o dúo non aclarou se se trata realmente o seu traballo de despedida.
O dúo BellónMaceiras presenta Ten 10
Xénero:
| 22 / 12 / 2015Dez temas para conmemorar os seus dez anos de traballo na música. Esta é a proposta que fan Daniel Bellón e Diego Maceiras en Ten 10, o seu terceiro traballo discográfico. O dúo BellónMaceiras aposta por afondar na fusión da nosa tradición con músicas do mundo, e mesturan temas galegos con cancións doutras latitudes e algún tema propio. No proxecto, contan con colaboracións como as de Juan Cabe, María Moiséeva, María López , Miguel Lamas, Juan Tinaquero, Rafael Carracedo ou Oliver Wilson-Dickson. O álbum, autoeditado, pódese adquirir a través do web do dúo e presentouse o pasado 5 de decembro cun concerto en Fene, concello natal dos músicos.
Chegan Os Modernos con Dissimulem
Xénero:
| 21 / 12 / 2015Logo de percorrer durante varios anos a nosa xeografía a amosar o seu son de verbena dos anos vinte, a Orquestra Os Modernos presentou no pasado Culturgal o seu primeiro traballo discográfico. Dissimulem. A banda está composta por Xosé Tunhas na bateria, Joám Casas ao clarinete e gaita, Alonso Caxade co trombón, Martín Nogueira á trompeta, Paco Nogueiras a cargo do acordeón, Alberto Rodríguez como Contrabaixo e Íria Pinheiro no rol de cantante e diva. No seu repertorio, fox-trot, baião, bolero, habanera, corrido, rumba ou mazurca, a propor temas populares e versións de temas populares galegos. O álbum, gravado nos estudios A Ponte de Tomás Adeitos, foi autoeditado pola banda.