Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Arturo Rodríguez é Indomable

Xénero: Cantautor | 14 / 7 / 2016

incond_imperfecto_indomable.jpg

O músico Arturo Rodríguez faino todo. Voz, guitarra, bombo, harmónica e pandeireta compoñen o seu arsenal en Indomable, un proxecto unipersoal co que acaba de presentar o seu primeiro traballo. Incondicional e imperfecto achega oito temas de aires indie-folk acústico con ambientes naturais gravados e arranxos de piano da man de Sergio Delgado. Neste novo proxecto o creador afástase das súas experiencias en xéneros como a electrónica e do seu traballo como parte de El Cuerpo del Ritmo para se centrar en temas íntimos e melódicos, que gravou nos estudios Bruar da Coruña. Logo de presentar o disco no Playa Club da Coruña a finais do pasado mes de xuño, a xira está prevista a partir do vindeiro mes de setembro con paradas en Pontevedra, Laxe, Ferrol, Ourense, Vigo ou Baiona.

Linho do Cuco debuta en Discos da Máquina con Viva Viva!

Xénero: Folk | 12 / 7 / 2016

viva_viva_linho_do_cuco.jpg

Aínda que se anuncia con data de abril, e comezaron a presentalo na pasada primavera, non foi ata finais do pasado mes de xuño que saiu á venda Viva Viva!. Linho do Cuco presenta baixo o selo Discos da Máquina o seu cuarto álbum de estudio, no que a banda do Deza continúa a liña de exploración dos sons de banda de música desde as raíces folk: Desta volta, o octeto mesmo se atreve con achegamentos ao jazz e presenta tres temas cantados como grande novidade. Carlos Quintá, Benxamín Otero, Pablo Doval, Pablo Bernárdez, Xián Herrera, Miguel Touriño, Pablo Pardo e Marcos Pérez mesturan rumbas, mazurcas ou jotas sempre a manter un son bailable e festivo.

Heredeiros da Crus reeditan os seus catro primeiros discos

Xénero: Rock | 28 / 6 / 2016

not_26487.jpg

A banda de rock nacida no Barbanza en 1992 vive a súa segunda xuventude e exhibe músculo reeditando catro dos seus primeiros discos, todos do século pasado, que estaban esgotados e descatalogados ata agora. Un digipack reúne estas catro gravacións baixo a denominación 1992-1999 (Fol Música). Xunto cun póster da banda poderemos encontrar neste paquete o seu primeiro disco A cuadrilla de Pepa a Loba (1994) ; ¡¡Está que te cajas!! (1995); Des Minutos (1997) e Erecsiones munisipales (1999).

Chicharrón envía unha Postal no seu segundo traballo

Xénero: Indie | 28 / 6 / 2016

postal_chicharron.jpg

Con formación ampliada, a pasar de trío a quinteto, presenta Chicharrón Postal, o seu segundo álbum. Alberto Vecino, Diego Gende e Rubén Domínguez incorporan nesta ocasión a Mar Catarina aos teclados, que acadan un importante protagonismo, e a Xurxo Meis á batería. Deste xeito, a banda de Carballo mantén o seu carácter indie aínda que aposta por sons máis eléctricos nos doce temas que edita da man Prenom. Os estudios A Ponte de Tomás Ageitos acolleron a gravación deste proxecto. O álbum está dispoñible nunha edición limitada de 250 copias que sae nun cartafol de 7" con insert, postal da portada e funda protectora de plástico groso.O grupo está en plena xira de presentación do traballo.

Secho y los invisibles debutan con Xa fai un tempo

Xénero: Fusión | 27 / 6 / 2016

xa_fai_1tempo_secho_invisibles.jpg

Rock, pop, folk, toques de blues e fondo de cantautor. Secho y los invisibles manteñen a fórmula coa que están a traballar desde 2009 en Xa fai un tempo o seu primeiro traballo discográfico. Discos da Máquina presenta este álbum, no que a banda que lidera Sergio Castiñeiras aposta polo formato de cuarteto e o autor e cantante acompáñase de Benjamín Vázquez, Anxo Araujo e Roi Castaño. Temas íntimos e urbanos con toques de denuncia social danse cita neste traballo, que se gravou en Una Casa Cualquiera por Anxo Araújo. Logo de estrear o novo traballo na compostelá Casa das Crechas, o grupo continúa a súa xira de presentación con concertos por todo o país.

O sol dos Resentidos volve saír

Xénero: Rock | 20 / 6 / 2016

not_26465.jpg

A banda comandada por Antón Reixa comezou a súa volta de honra aos escenarios en 2012 para conmemorar os trinta anos da súa creación, froito daquilo foi o disco e posterior xira A tribo toda baila. A cousa non quedou aí e cando este ano se cumprían trinta anos da saída do seu disco máis celebrado “Fai un sol de carallo” a banda volveu xuntarse nun concerto o 2 de marzo no Teatro Principal de Ourense. Acompañados por A Lira Big Band de Ribadavia, Antón Reixa e os seus reinventaron o seu disco creando “Fai un sol de carallo-Suite”. Warner Music saca agora o disco gravado nesa ocasión en formato CD + DVD con todo o espectáculo. A través dos 26 temas deste disco redescóbrese a vixencia musical d’Os Resentidos no seu disco máis recordado por grandes éxitos como Sector Naval, Galicia Sitio Distinto, Sexo Macumba e Galicia Caníbal entre outros. Ademais do acompañamento da máis que centenaria banda A Lira o concerto contou coa colaboración de outros músicos como Ses, Sito Sedes ou Roberto Sobrado. A gravación preséntase como una homenaxe d’Os resentidos a todos os músicos populares de Galicia.

Roi Casal achégase ao Caribe con Son galego, son cubano

Xénero: Fusión | 27 / 5 / 2016

son_galego_son_cubano_roi_casal.jpg

O novo proxecto de Roi Casal trascende un simple lanzamento discográfico. Son galego, son cubano é un libro-CD que inclúe ademais o documental A Illa dos galegos. O filme explora, a través da elaboración do disco, as pegadas dos galegos na illa. O álbum conta con letras orixinais de Neira Vilas, no que foi un dos últimos proxectos nos que estaba a traballar cando faleceu e inclúe colaboracións de Pablo Milanés, Laritza Bacallao e Nando Casal. Temas como Caballero de París, Pinar del Río, Amor cubano ou Gres recollen vivencias e historias que Neira Vilas recolleu sobre o país. Dous concertos no Gran Teatro Alicia Alonso, antigo Centro Galego, serviron para presentar o proxecto na illa caribeña os días 27 e 28. A xira continuará ao longo deste verán por Galicia, con datas confirmadas xa en Cambados a coincidir coa Feira do Albariño de Cambados.

Electrolírica é a nova mutación de Xan Solo's

Xénero: Electrónica | 27 / 5 / 2016

electrolirica_xan_solos.jpg

Un xiro radical levou a Xan Solo de cantautor a músico electrónico. Baixo o nome de Xan Solo's, o negreirés presenta esta noite na compostelá sala Moon Electrolírica, Electrolírica. O novo proxecto que o músico desenvolve a dúo con Cristina Morquillas caracterízase por manter as letras intimistas do autor que agora se integran con melodías envolventes e que, segundo o grupo "evocan imaxes case cinematográficas". Segundo anuncian, nas súas actuacións Xan Solo's "pasan de cancións intimistas, poéticas e teatrais a desgarradoras e potentes instrumentacións creando diferentes atmosferas ao longo do espectáculo".

Zurrumalla continua de festa con Camiño por ti

Xénero: Folk | 25 / 5 / 2016

caminho_por_ti_zurrumalla.jpg

Tardaron once anos en publicar o seu primeiro álbum, pero semella que os vigueses de Zurrumalla están a lle coller o ritmo. Catro anos depois daquel O que había... e o que hai ve a luz Camiño por ti. O novo álbum, que se á luz da man de Inquedanzas Sonoras, achega dezasete temas de estilos variados a manter o estilo peculiar do sexteto, que mestura acordeóns, gaitas, perdusións e saxo nun son que anova a partir da nosa tradición. O álbum gravouse nos estudios A Lagharteira e Ancestral Estudios, por Isaac Millán. A banda anuncia a súa vindeira actuación o vindeiro 21 de xuño no Festival Benéfico da ELA en Cangas.

Fernando Barroso debuta en solitario con Intropía

Xénero: Miscelánea | 19 / 5 / 2016

imaxe non dispoñible

Logo das súas colaboracións con Luís Peixoto, Riobó, Coanhadeira, Os Cempés ou Assembly Point, Fernando Barroso lanza o seu primeiro álbum en solitario. O ferrolán dálle ás guitarras todo o protagonismo en Intropía, dezasete temas acústicos e instrumentais nos que contou con colaboracións como as de Xabier Díaz, Isaac Palacín, Xose Manuel Budiño, Begoña Riobó, Manuel Paino e Oscar Fernández, entre outros. Bouzouki, mandolinas, cavaquinhos ou violas portuguesas danse cita nunha exploración constante das posibilidades das cordas nun álbum que nace da "necesidade de voltar ás orixes. Reflexionar, crear e controlar o caos, para asignarlle un certo valor de beleza".

<< Inicio / Anterior . 561 a 570 de 1452 . Seguinte \ Fin >>