Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
O primeiro disco do grupo Arán mestura sons tradicionais irlandeses e galegos
Xénero:
| 21 / 3 / 2006Aínda que inicialmente este quinteto naceu co obxectivo único de dar concertos en vivo o seu percorrido dá agora un xiro ao presentar a súa primeira gravación, o disco “GalÉire”. Neste traballo os membros de Arán mesturan a partes iguais pezas tradicionais irlandesas con temas galegos. O grupo naceu a partir do dúo formado polo gaiteiro Antón Davila e Xosé Liz, mestre na Escola de Música Popular de Vigo; e eles uníronse o inglés Harry Price, ao violín, Suso Alonso nas percusións e Álvaro Iglesias no contrabaixo. No disco tamén contan con colaboracións como as de Pancho Álvarez, Barry McGrath e Helena Paz.
Máis información en La Opinión
O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”
Xénero:
| 21 / 3 / 2006O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.
Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca
O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo
Xénero:
| 21 / 3 / 2006A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.
Máis información no web da Fundación
Xosé Carlos Caneiro presenta nun disco os seus poemas recitados con acompañamento musical
Xénero:
| 21 / 3 / 2006Co disco “De bar en bar. Os poemas prohibidos” o multipremiado escritor de Verín, Xosé Carlos Caneiro volve a presentar en público a súa poesía, esta vez nun formato sonoro. Buscando o contacto directo da escrita co público Caneiro recita vintedúas das súas obras poéticas acompañado por Xosé Manuel Salgado á guitarra e Manolo Garrido á frauta. O autor non publicara nada desde a novela “Ámote” (Galaxia, 2003). O escritor pretende presentar o disco en directo con recitais por toda Galicia en bares e teatros, comezando o venres 24 en Ourense no Teatro Principal. O disco de Caneiro é o segundo deste tipo editado en poucos meses no país, despois do de “A caricia da serpe” con poemas de Lino Braxe.
Máis información en La Voz de Galicia
e na páxina da discográfica
Eloi Caldeiro promove a revista de información cultural Naz-on
Xénero:
| 10 / 3 / 2006O músico e empresario Eloi Caldeiro presentou hoxe o primeiro número da revista bimestral Naz-on. O compoñente de Brath e director da discográfica Sons Galiza dirixe esta iniciativa que ten como obxectivo cubrir todos os eventos culturais que está a ter lugar e toda a produción cultural do país. Segundo Caldeiro a revista, que xa está en quioscos e librarías, “nace para quedarse” e confirma a súa saída por un período inicial dun ano. Caldeiro apuntou a gran necesidade que ten a cultura galega de verse recollida nos medios de comunicación xa que “sen repercusión da actividade cultural é imposible manter un mínimo de profesionalidade”.
Máis información en Naz-on
O Concello de Ortigueira saca por primeira vez a concurso a programación do Festival Internacional do Mundo Celta
Xénero:
| 7 / 3 / 2006A elaboración do programa do vindeiro Festival Internacional do Mundo Celta, en Ortigueira, será cousa de quen gañe o concurso que, con este fin, acaba de convocar este concello. Cun orzamento de 119.000 euros, a empresa ou o particular que se faga coa concesión encargarase de organizar os concertos para o escenario principal do evento nos días centrais do festival, o oito e o nove de xullo. É a primeira vez que se opta por esta fórmula para organizar o evento.
Máis información no Diario de Ferrol e no web do festival
O gaiteiro Iván Costa interpreta todos os instrumentos e leva a produción no disco “Ávrego” editado por Cumio
Xénero: AUDIO
| 22 / 2 / 2006 +Con nome de vento das Rías Baixas “Ávrego” (Cumio, 2006) o gaiteiro Iván Costa presenta o seu disco en solitario, unha obra na que conxuga sete recompilacións con outras tantas composicións propias. Iván Costa foi alumno de Xosé X. Blanco Nogueira e de Nazario González “Moxenas”, e desde a súa mocidade conseguiu dar mostras de talento artístico acadando premios en Lorient ou nos certames Constantino Bellón e Solistas da Estrada. Agás nunha canción, A Gaita de Melchor, gravada en directo na Casa das Crechas en verán de 2002, no resto das cancións do disco el mesmo produce e interpreta todos os instrumentos ademais da gaita: zanfona, charrasco, pandeiro, tamboril, etc. O disco gravouse e mesturouse nos estudos Savik Sound de Caritel, en Pontecaldelas.
As empresas Mare e Zouma alíanse e crean Turma, un selo que abordará desde a xestión de artistas á edición de discos
Xénero:
| 20 / 2 / 2006Son dúas firmas dedicadas á música folk. Editan discos e levan a representación de artistas. Agora, Mare e Zouma alíanse para crear Turma. Este novo selo quere servir de plataforma para abordar proxectos de maior envergadura e apoiar os seus artistas. Os Cempés, Rosa Cedrón, Cristina Pato ou Quempallou son algúns dos nomes que se cubrirán ao abeiro desta iniciativa, que non eliminará a existencia autónoma de cada unha das empresas que a constitúen.
Máis información en La Opinión
A discográfica Ouvirmos presenta os selos Vir e Localizados para lanzar proxectos actuais
Xénero:
| 17 / 2 / 2006Logo de varios anos a desempeñar un intenso traballo de recuperación da nosa historia musical, a discográfica Ouvirmos dá un paso mais. A empresa acaba de anunciar o lanzamento de dous novos selos cos que quer potenciar traballos actuais. Deste xeito, Vir será o nome co que Ouvirmos quere desenvolver producións con grupos que pretendan manter o control dos seus proxectos. Por outra banda, Localizados potenciará produtos innovadores no noso panorama musical. Galegoz e Ecléctica Ensemble serán os encargados de abrir cada unha destas firmas.
Máis información no web de Ouvirmos e nos nosos arquivos
Lamatumbá presenta a reedición de "Lume" despois do seu éxito de vendas
Xénero: VIDEO
| 17 / 2 / 2006 +Vender tres milleiros de discos en oito meses nun mercado como o galego é o equivalente a obter un disco de ouro no mercado do conxunto do Estado. Con esta idea como motivo de celebración os ourensáns Lamatumbá presentaron na tenda de discos Gong de Santiago a reedición do seu disco “Lume (para que saia o sol)” arroupados por representantes da discográfica, Falcatruada, e da distribuidora, Discmedi. Os compoñentes do grupo brindaron con licor café polos seus seguidores e amigos que fixeron isto posible. A reedición inclúe a tradución das súas letras a outras linguas do Estado cun ánimo de proxección exterior no que tamén incidirán actuacións previstas en Andalucía, Cataluña e Euskadi. Os membros do grupo congratúlanse de poder amosar fóra que aquí hai outras propostas musicais ademais das xa coñecidas e consolidadas do folk. Outra das noticias que avanzaron nesta presentación foi a inclusión dun novo tema seu no espazo da TVG Xabarín Club. Un vídeo feito ao estilo Lamatumbá aparecerá agora na oferta musical dese contedor televisivo recuperado, un feito que o grupo celebra “como se nos tiveran posto unha medalla”.
Máis información en Vieiros
novidades discográficas
San Antonio
Los Eternos
Xeografías
Sofía Espiñeira
Escándalo no escuro
Amoebo
III
Grande Amore
Feira
De Ninghures