Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

O Consello da Cultura presenta unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións

Xénero: Antiga | 27 / 4 / 2006

not_7856.jpg

Unha mesma partitura pode soar diferente en función de quen a interprete. E na música medieval aínda máis. Por iso, os que escoiten a reconstrución feita polo doutor en filoloxía románica, Antoni Rosell, para o Consello da Cultura de “As Cantigas de Santa María” poden quedar sorprendidos polo resultado. ¿Por que estas diferenzas? ¿Cales son as características desta nova versión?

O Festival Imaxina Sons presentará en Vigo unha grande orquestra galega de Jazz

Xénero: Jazz/Blues | 26 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Nada menos que dezaoito músicos integrarán a primeira grande orquestra de Jazz de Galicia, O Festival Imaxina Sons, de Vigo, presentará o vindeiro un de xullo esta proposta, que coordinan Abe Rábade, Alberto Conde, Roberto Somoza e Baldo Martínez. Logo da súa presentación a orquestra percorrerá diferentes cidades do país. O Imaxina Sons desenvolverase entre o quince de xuño e o dous de xullo e achegará a Vigo cincuenta concertos europeos.

Máis información en La Voz de Galicia en Faro de Vigo, e nos nosos arquivos

Os artistas finalistas nos Premios de la Música demandan políticas de apoio da Xunta ao sector musical

Xénero: Miscelánea | 20 / 4 / 2006

imaxe non dispoñible

Os finalistas galegos dos Premios da Música que convoca a Academia das Artes e as Ciencias da Música reunidos pola SGAE coincidiron en reclamar o apoio da Xunta ao sector musical en Galicia. Tanto Ramón García, de Milladoiro, como Xosé Lois Romero, de NGD, aludiron á importancia da dimensión económica do sector e a necesidade de sentir o apoio institucional. mesmo contemplaron a creación duns premios da música galega. Os candidatos a mellor canción en galego son Nova Galega de Danza, por “Alalá”; Xabier Díaz e Guillermo Fernández, por “Pedra de Sal”, e o grupo Mamá Cabra por “Tan só con leres un libro”. A eles hai que engadir as candidaturas nas categorías absolutas de Milladoiro co disco “25”, que compite ao Mellor Album de Música Tradicional e Amaro Ferreiro, que compite como Autor Revelación pola canción “Turnedo” interpretada por Iván Ferreiro. Tamén o músico de orixe ferrolá Carlos Jean é candidato pola banda sonora da película “Ausentes”. Os gañadores coñeceranse o vindeiro cinco de maio.

Máis información en La Voz de Galicia

Un CD e un concerto dan a coñecer a reconstrución musical das Cantigas de Santa María feita por Rosell

Xénero: Antiga | 19 / 4 / 2006

not_7856.jpg

“Galicia e as Cantigas de Santa María” é o nome do CD coa versión das famosas cantigas afonsinas feita por Antoni Rosell para o Consello da Cultura Galega. Pero é moitas cousas máis, un traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Formaba parte dun ambicioso proxecto que, como explicou o presidente do Consello da Cultura Galega na presentación do traballo, Alfonso Zulueta de Haz, “non se puido realizar ao non conseguir os apoios necesarios”. Daquel proxecto fallido salvouse este traballo de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegan unha interpretación das Cantigas diferente das que acostumamos a escoitar. Os que queiran escoitala en directo, teñen unha cita o vindeiro xoves, 20 de abril, ás 20:15 horas no Pazo de Xelmírez en Santiago.

Máis información no web do Consello da Cultura Galega e sobre as Cantigas de Santa María na nosa hemeroteca

Dios Ke Te Crew publica o álbum "Xénese", primeiro disco de hip hop integramente en galego

Xénero: Hip-Hop | 12 / 4 / 2006 + VINCULO

not_7828.jpg

Logo de levar uns anos a amosar o seu traballo por escenarios de todo o país, o grupo Dios Ke Te Crew acaba de presentar "Xénese", o seu primeiro álbum. O traballo, producido polo propio grupo en colaboración coa discográfica Falcatruada é o primeiro álbum de hip hop feito integramente no noso idioma.

Máis información en Vieiros(en pdf), no web do grupo e no noso tema sobre Dios Ke Te Crew

Un novo proxecto leva a fusión musical ao Festival de Ortigueira

Xénero: Folk | 10 / 4 / 2006

not_7813.jpg

O acordo entre Estrella Galicia e o produtor Javier Limón permitirá a introdución dun novo espectáculo de fusión musical no Festival Celta de Ortigueira. "Galicia & outras músicas" é o nome deste proxecto que reunirá músicos folk coma Budiño, Uxía ou Leilía con intérpretes de xéneros do mais dispar, coma Jerry González, Niño Josele ou La Negra. O resultado poderá verse no propio festival o sete de xullo e será gravado para a súa posterior edición en disco.

Máis información en Vieiros e no web do Festival

A Cova Folk da Coruña pechou despois de catorce anos de actividade musical e hosteleira

Xénero: Folk | 23 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

Un dos locais destacados dentro do panorama da música folk en Galicia, A Cova Folk, pechou no pasado día de San Patricio as súas portas definitivamente. O pub é propiedade de dous dos membros do grupo Luar na Lubre, Bieito Romero e Pachi Bermúdez, e o próximo derrube do edificio no que está na Rúa do Orzán número 38 obriga á súa desaparición. Polo local, pioneiro no apoio ao folk, pasaron nestes anos figuras destacadas da música como Carlos Núñez , Susana Seivane, Milladoiro, Manu Chao , Paco Ibáñez membros de Capercaillie ou The Chieftains. Malia todo haberá unha certa continuidade xa que Romero e Bermúdez abrirán, a cen metros de alí na rúa Cordonería, un novo local de nome Espiral Folk.

Máis información en La Voz de Galicia

O primeiro disco do grupo Arán mestura sons tradicionais irlandeses e galegos

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2006

not_7704.jpg

Aínda que inicialmente este quinteto naceu co obxectivo único de dar concertos en vivo o seu percorrido dá agora un xiro ao presentar a súa primeira gravación, o disco “GalÉire”. Neste traballo os membros de Arán mesturan a partes iguais pezas tradicionais irlandesas con temas galegos. O grupo naceu a partir do dúo formado polo gaiteiro Antón Davila e Xosé Liz, mestre na Escola de Música Popular de Vigo; e eles uníronse o inglés Harry Price, ao violín, Suso Alonso nas percusións e Álvaro Iglesias no contrabaixo. No disco tamén contan con colaboracións como as de Pancho Álvarez, Barry McGrath e Helena Paz.

Máis información en La Opinión

O goberno galego financiará economicamente o programa “Cultura Quente”

Xénero: Miscelánea | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

O festival “Cultura Quente” contará este ano coa axuda do goberno galego. Segundo publica hoxe “Diario de Pontevedra” o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luís Bará, confirmou verbalmente ao concelleiro de Cultura de Caldas, Manuel González, que se implicará economicamente no festival. A programación do evento que se desenvolverá do 1 ao 16 de xullo, está practicamente pechada e xirará ao redor da emigración e da recuperación da memoria histórica.

Máis información no Diario de Pontevedra e sobre o festival na nosa hemeroteca

O grupo folk Milladoiro faise co premio anual da Fundación Otero Pedrayo

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2006

imaxe non dispoñible

A Fundación Otero Pedrayo acordou conceder o premio que leva o nome do escritor ao grupo Milladoiro "pola súa importante contribución ao desenvolvemento da cultura galega, así como pola proxección da mesma máis aló das nosas fronteiras". Milladoiro leva vinte e cinco anos de carreira dando a coñecer a nosa tradición musical.

Máis información no web da Fundación

<< Inicio / Anterior . 1351 a 1360 de 1415 . Seguinte \ Fin >>