Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Chega ás tendas o último disco de Milladoiro, baseado en textos de Manuel María
Xénero:
| 6 / 2 / 2007"Unha estrela por guía" é o título do novo disco de Milladoiro, que é ao tempo o primeiro do grupo no que todos os temas contan con voces. Isto débese a que o proxecto musica poemas do falecido poeta chairego, Manuel María, na voz da cantante Laura Amado. Boa parte dos temas xa se puideron escoitar ao longo do pasado ano en diferentes homenaxes ao escritor en todo o país.
Máis información no La Voz de Galicia
Ouvirmos permitirá a descarga de discos ao teléfono móbil
Xénero:
| 31 / 1 / 2007A se adaptar aos novos tempos da industria discográfica, o selo Ouvirmos acaba de anunciar que o seu catálogo estará dispoñible para a descarga en teléfonos móbiles. Por un prezo entre 60 céntimos e 1,20 euros, os interesados poderán ter no seu aparello os temas do selo, cuxo pago se incluirá na factura telefónica habitual.
Máis información en La Voz de Galicia
Un concerto en Lugo lembra os corenta anos da Nova Canción Galega
Xénero:
| 29 / 1 / 2007Nova Canción Galega, o movemento musical organizado en Lugo en 1968 por Alonso Montero cumpría esta fin de semana corenta anos. E fíxoo do mesmo xeito que cando comezou, cun concerto na antiga Escola de Comercio, malia que esta vez sen a prohibición da policía. Os músicos de “Voces Ceibes”, “Fuxan os Ventos” ou “A Quenlla” recordaron cos seus concertos os corenta anos de vida da canción galega, o movemento en prol da dignificación da lingua como vehículo musical.
Máis información en El País
Telémaco saca novo disco e a polaca Paulina Ceremuzynska presenta un sobre as cantigas de amigo
Xénero:
| 24 / 1 / 2007Despois do anuncio das liñas de axuda e as novas directrices da consellaría de Cultura para a música, o sector segue dando que falar. Dunha banda, porque o dúo lucense Telémaco presentará “Terra”, o seu quinto disco que seguirá na liña da música electrónica. Da outra, a cantante polaca Paulina Ceremuzynska recupera 16 cantigas de amigos de outo poetas medievais galaico-portugueses. “E moiro-me d´amor. Cantigas de desexo e soidade” e o título do seu último traballo gravado pola Radio Galega e editado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Máis información sobre do disco de Ceremuzynska El País
Falece Cesáreo Rodríguez, considerado o grande mestre da gaita da diáspora galega
Xénero:
| 10 / 1 / 2007O camposanto da Chacarita, en Bos Aires, celebraba onte o funeral de Cesáreo Sánchez, que faleceu o pasado luns aos oitenta e catro anos de idade. Sánchez estaba considerado coma o grande mestre de gaita da diáspora galega, e ata o momento da súa morte impartía clases semanais de gaita. Ao longo da súa vida fundou e colaborou con diferentes agrupacións musicais na emigración.
Máis información en La Voz de Galicia; biografía do músico en galiciaconvos.com
Certames de Rondallas e Reiceiros coinciden con propostas desde Laza para recuperar os cantos de reis
Xénero:
| 8 / 1 / 2007Está claro que nos últimos anos estamos a vivir un rexurdir dos cantos de Reis. Este mesmo sábado fallábase en Boimorto o III Certame Galego de Xugadas de Reiceiros, que organiza este concello canda a Consellaría de Cultura. No encontro resultou vencedor o Grupo Axóuxere de Melide, mentres que o segundo foi para o dúo Xosé e Suso, de Toques. De terceiros quedaron Airiños da Peneda, de Redondela e mais a Cuadrilla de Cabrui. Con algo máis de experiencia, Vigo acolleu o XXVI Certame de Rondallas, no que resultou gañadora Helios, de Bembrive, entre as once participantes. A mesma formación fíxose tamén co premio do certame homólogo que se celebrou no Concello do Porriño. Para máis, en Laza o colectivo Amigos de Entroido estreaba sábado un coro que pretende recuperar os cantares de reis neste concello.
As bases do certame de xugadas de reiceiros no web da Consellaría de Cultura;as rondallas en Faro de Vigo; a recuperación de cantares de Reis en Laza en Galicia Hoxe; máis sobre estes temas no noso tema
Nordestin@s dignifica as cancións populares mariñeiras cunha sofisticada fórmula de fusión co jazz
Xénero:
| 4 / 1 / 2007A unión libre entre Ugia Pedreira, Guadi Galego e Abe Rábade deu como resultado o concerto Nordestin@s, celebrado en setembro deste ano no Teatro Principal de Compostela e gravado neste disco do mesmo nome que agora se presenta como produto da man da discográfica Falcatruada. O repertorio, baseado na tradición das cancións mariñeiras “que ulen a mar e a taberna”e cunha posta en escena sinxela na que o trío dá todo de si coas voces das dúas cantantes e o piano de Abe Rábade, comezará agora unha xira invernal por sala e teatros de cidades, vilas e pobos. Guadi Galego subliñou a perfección do formato para unha xira invernal así como a súa vocación por chegar a pequenas vilas ademais de ao circuíto máis urbano. Este disco en directo, o primeiro na caso das dúas cantantes, reinterpreta con frescura as cancións populares, adaptadas nas súas letras e músicas, incorporando a fusión do jazz na sofisticación do piano de Rábade que “non tapa o que de popular teñen as cancións”, deixando claro o seu arraigamento na cultura do país.
Máis información en Nordestin@s
Críticos europeos salientan o traballo de Faltriqueira mentres Luar na Lubre inicia xira con apoio da Xunta
Xénero:
| 2 / 1 / 2007O ano comeza con novas sobre a proxección exterior da nosa música, especialmente do folk. Os críticos que elaboran a prestixiosa lista Worl Music Chart Europe cos mellores discos folk de 2006 destaban o traballo "Effecto" do grupo eumés Faltiqueira. Ao tempo, Luar Na Lubre anunciou a pasada fin de semana que vai iniciar unha xira internacional para a que conta co apoio da Consellaría de Industria. Venezuela, Arxentina, Cuba ou Brasil son algúns do países que visitará a formación, que quere servir para promover o turismo no nosos país. Finalmente, e xa fóra do folk, unha obra de Fernando Neira e Tito Lesende revela que oito discos galegos de pop-rock están na lista dos 201 mellores de todo o estado desde 1966. Os Resentidos, Siniestro Total, Andrés do Barro e Deluxe son algúns dos nomes do país que aparecen nesta lista.
Máis información noFaro de Vigo, en La Voz de Galicia e en El País
O quinteto de Xacobe Martínez Antelo presenta o seu primeiro disco
Xénero:
| 27 / 12 / 2006O contrabaixista Xacobe Martínez, un dos membros do trío Sumrrá, presenta estes días na Sala Nasa de Santiago o seu novo traballo “Isto é Jazz!!!” (Free Code Jazz Records). No disco Martínez actúa como líder do quinteto co seu nome á fronte, e achega nove cortes da súa propia composición nos que rende unha homenaxe ao trío de Thelonius Monk , Charles Migus e John Coltrane. Con Xacobe Martínez están no quinteto Pablo Castaño, saxo alto; Toño Otero, saxo tenor; Marcelino Galán, guitarra e Max Gómez na batería. Martínez manterá o quinteto en paralelo á súa actividade con Sumrrá cos que xa ten dous discos.
Máis información no web de Xacobe Martínez
Un concerto, un libro e un DVD achegan a Compostela o drama litúrxico Ordo Prophetarum
Xénero:
| 21 / 12 / 2006Por terceiro ano consecutivo, a Catedral de Santiago acollerá o trinta de decembro unha representación do "Ordo Prophetarum", un drama litúrxico medieval que achega a Asociación Actus co apoio da Consellaría de Innovación. Ao tempo, o Consello da Cultura Galega presentaba onte un DVD no que se recollía a actuación feita o pasado ano, canda a un libro que recolle o texto do drama en varias linguas.
Máis información en Galicia Hoxe e nos nosos arquivos