Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
Dezasete agrupacións musicais da Coruña editan cadanseu disco da man da Deputación e mais da Fundación Paideia
Xénero:
| 23 / 4 / 2007Unha gala no teatro Colón serviu para presentar os 17 novos CDs que publicaron outros tantos grupos da provincia da Coruña ao abeiro do programa Outro+Outro. Esta proposta, coordinada pola fundación Paideia e a Deputación da Coruña, permitiu a gravación e edición de dezasete discos, con tiraxes de mil exemplares cada un nos máis variados estilos.
Máis información no web da Deputación da Coruña
Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón
Xénero:
| 12 / 4 / 2007Cando xa transcorreron tres anos desde a publicación de “Ajrú” Mercedes Peón presenta o seu terceiro traballo discográfico “Sihá”. A cantante e compositora coruñesa presenta este sábado en Vigo o novo disco cun concerto no teatro García Barbón ao que seguirán outro o día 28 de abril en Bergondo e un en Barcelona o 11 de maio. O disco sae, como o anterior, baixo o seu propio selo Discotrompo e conta con dez temas composición de Mercedes Peón nos que volve experimentar sobre as súas raíces musicais tradicionais. O disco estará en tendas na semana que ven.
Máis información en El País
Vigo presenta a terceira edición do seu festival internacional de jazz con dúas semanas dedicadas a este xénero na cidade
Xénero:
| 31 / 3 / 2007O Festival Internacional de Jazz IMAXINA SONS que se celebrará en Vigo do 21 de xuño ó 1 de xullo converterá a cidade nun centro de referencia do jazz europeo. Durante dúas semanas a cidade encherase con máis de setenta actuacións creando un ambiente festivo arredor do evento. O Festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida dentro da escena musical galega ao jazz realizado en Europa. Así actuarán ante os vigueses algúns dos artistas máis representativos do jazz galego como o Kin García Trío, Nani García, S.O.S. Trío ou o Xacobe Martínez Quinteto, ademais da Imaxina Sons Orquestra. Tamén estarán presentes grandes figuras do jazz europeo como Chano Domínguez e haberá un programa de actividades paralelas. Na presentación oficial do programa a alcaldesa Corina Porro entregou á viúva de Tete Montoliu unha placa conmemorativa.
Máis información no Xornal de Vigo
Rosa Cedrón presenta o seu primeiro disco en solitario “Entre dous mares”
Xénero: IMAXES
| 28 / 3 / 2007 +Anunciado con moita anterioridade ven de saír á rúa o primeiro traballo discográfico en solitario de Rosa Cedrón. A carismática cantante e violoncelista que foi parte da banda Luar na Lubre presenta en “Entre dous mares” (Warner Music) doce temas nos que ademais de cantar é compositora da meirande parte deles, aínda que tamén inclúe melodía e letras tradicionais. Para o disco contou ademais coa colaboración nas letras de Yolanda castaño e Alba Felpete. O traballo vai marcado pola bipolaridade en varias facetas da artista, entre a música clásica e a tradicional, entre a faceta de violoncellista e de cantante, entre a súa carreira anterior e os seu novos camiños musicais.
Máis información no sitio oficial deRosa Cedrón
Zouma saca unha edición especial de disco e dvd da banda de Cristina Pato xunto con Mutenrohi
Xénero: IMAXES + VIDEO
| 28 / 3 / 2007 +Como edición conmemorativa do décimo aniversario da formación ourensá a banda reuniu a boa parte dos seus músicos fundadores e xuntouse tamén coa gaiteira Cristina Pato que iniciou a súa andaina escénica con esta formación. O reencontro coa banda plasmouse nunha serie de concertos nos que a gaiteira, en pleno paréntese da súa carreira profesional mentres realiza os seus estudos de doctorado en EE.UU. volve interpretar os temas de Mutenrohi que tanto influíron na súa traxectoria profesional mesturados con vellos e novos temas da gaiteira. Un espectáculo no que os antigos membros de Mutenrohi e algúns dos membros da banda de Pato mestúranse para celebrar este aniversario e tamén para agradecer ao público o apoio recibido durante todos estes anos.
Máis información en Misturados
Nani García e César Benito son candidatos aos Premios da Crítica Musical Cinematográfica
Xénero:
| 21 / 3 / 2007Os músicos Nani García e César Benito son candidatos aos terceiros premios da Crítica Musical Cinematográfica que concede a revista especializada Scoremagacine. O primeiro polo traballo feito en “De profundis”, mentres que o segundo por “Mía Sarah”.
Máis información no web Scorremagacine
Falece Prudencio Romo, fundador de Los Tamara
Xénero: VIDEO
| 21 / 3 / 2007 +Foi un dos pioneiros do pop en galego como parte dos míticos Los Tamara. Prudencio Romo falecía este luns en Santiago de Compostela vítima dunha doenza cardíaca. O enterro está previsto para esta tarde no cemiterio de Santa María A Nova. Con Romo déixanos o compositor de temas coma "A Santiago Voy" ou "Galicia, terra nosa". O concello de Noia declarou tres día de loito polo falecemento.
Máis información en La Voz de Galicia, en El Correo Gallego e en El País
Falcatruada prepara un disco de homenaxe a Andrés do Barro interpretado por músicos da escena actual
Xénero:
| 15 / 3 / 2007A discográfica coruñesa Falcatruada ven de anunciar que case trinta grupos do panorama indie galego están a preparar, por iniciativa desta discográfica e da plataforma A Regueifa, unha reinterpretación contemporánea dos temas de Andrés Do Barro, o primeiro cantante galego que colou unha canción (O Tren) no número un de ventas do estado. A recompilación conterá temas clásicos de Do Barro coma o Corpiño Xeitoso, Meu amor, Adeus adeus ou Para che falar de amor, pero coa revisión dos herdeiros da movida musical galega. Os ritmos máis actuais réndenlle así tributo ao rei do pop galego. A lista non está pechada polo de agora, pero nela figurarán algúns dos grupos máis rebuldeiros da actual escena musical do país.Desde Falcatruada aseguran que este proxecto “vai andando pasiño a pasiño”.
O rock literario de A Caricia da Serpe inicia a súa xira galega con tres concertos seguidos
Xénero:
| 15 / 3 / 2007O grupo “A Caricia da Serpe” está estes días a presentar o seu traballo discográfico de nome homónimo editado polo selo coruñés Wonderland discos en varios concertos. Oleiros, Cambre e finalmente a Sala Yago de Santiago acollerán as postas en escena deste singular proxecto no que conflúen música e literatura. Aínda que A Caricia da Serpe comezou a súa andadura polo ano 1998 e leva dados cerca de 200 concertos, o seu primeiro disco editouse a finais do 2005. Os compoñentes desta peculiar formación son Lino Braxe, poeta, actor e director de teatro; Rómulo Sanjurjo, ex-compoñente de Os Diplomáticos e actual 50 por cento de Transportes Hernández & Sanjurjo; Miguel Ladrón de Guevara e Xosé Luis Saqués. No espectáculo do grupo está moi presente a poesía e a narración asó como os universos musicais da rumba, o rock ou o tango.
As agrupacións de gaiteiros mobilízanse para garantir uns mínimos laborais no sector
Xénero:
| 15 / 3 / 2007Vilagarcía acollía onte unha xuntanza na que 23 colectivos de gaiteiros de todo o país tentaban acordar uns mínimos laborais para a profesión. Entre as reivindicacións do colectivo está o cobrar un mínimo de 250 euros por actuación, e unhas condicións mínimas de seguridade no desempeño do seu traballo son algunhas da reivindicación. Para alén deste encontro a Asociación de Gaiteiros xa anunciou a celebración en maio dunhas xornadas sobre xestión fiscal e laboral para o sector.
Máis información en La Voz de Galicia; en Vieiros e máis o colectivo nos nosos arquivos