Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A busca da canción galega do verán está aberta un ano máis na rede

Xénero: Miscelánea | 24 / 4 / 2007

not_9808.jpg

O portal Vieiros e a Radio Galega buscan un ano máis a canción galega do verán cunha nova edición de A Polo Ghit. O concurso xa está en marcha despois da boa experiencia do ano pasado cando 38 cancións participaron na primeira edición das que o xurado escolleu como gañadora "In the Ocean", de Pulpiño Viascón. O prazo para enviar as cancións estará aberto ata o 21 de xuño e, como na primeira edición, as pezas que se envíen serán emitidas no programa Extrarradio así como noutros programas da Radio e Televisión de Galicia. Un novo xurado reunirase para decidir a canción gañadora o 11 de agosto. Máis información en Vieiros

O grupo gañador do certame folk de Radio Obradoiro presenta o seu primeiro disco

Xénero: Folk | 23 / 4 / 2007

not_9875.jpg

O grupo folk Arrás!, gañador da sexta edición do certame para grupos folk de Radio Obradoiro, presentou o seu disco “Asumindo riscos”. O disco, gravado nos estudios Phonos da Estrada presentouse este sábado 21 de abril no Teatro Principal de Santiago. O grupo Arrás, que naceu no ano 2005, está formado por Rocío Jiménez, Pablo Gómez, David Bellas, Michel Rivadulla, Manu Abraldes e Jimmy Faílde. Segundo indicaron os seus integrantes, o seu estilo procura romper co folk tradicional.

Máis información en Compostela Cultura

Dezasete agrupacións musicais da Coruña editan cadanseu disco da man da Deputación e mais da Fundación Paideia

Xénero: Miscelánea | 23 / 4 / 2007

imaxe non dispoñible

Unha gala no teatro Colón serviu para presentar os 17 novos CDs que publicaron outros tantos grupos da provincia da Coruña ao abeiro do programa Outro+Outro. Esta proposta, coordinada pola fundación Paideia e a Deputación da Coruña, permitiu a gravación e edición de dezasete discos, con tiraxes de mil exemplares cada un nos máis variados estilos.

Máis información no web da Deputación da Coruña

Vigo acolle o concerto de presentación do novo disco de Mercedes Peón

Xénero: Folk | 12 / 4 / 2007

not_9741.jpg

Cando xa transcorreron tres anos desde a publicación de “Ajrú” Mercedes Peón presenta o seu terceiro traballo discográfico “Sihá”. A cantante e compositora coruñesa presenta este sábado en Vigo o novo disco cun concerto no teatro García Barbón ao que seguirán outro o día 28 de abril en Bergondo e un en Barcelona o 11 de maio. O disco sae, como o anterior, baixo o seu propio selo Discotrompo e conta con dez temas composición de Mercedes Peón nos que volve experimentar sobre as súas raíces musicais tradicionais. O disco estará en tendas na semana que ven.

Máis información en El País

Vigo presenta a terceira edición do seu festival internacional de jazz con dúas semanas dedicadas a este xénero na cidade

Xénero: Jazz/Blues | 31 / 3 / 2007

not_9695.jpg

O Festival Internacional de Jazz IMAXINA SONS que se celebrará en Vigo do 21 de xuño ó 1 de xullo converterá a cidade nun centro de referencia do jazz europeo. Durante dúas semanas a cidade encherase con máis de setenta actuacións creando un ambiente festivo arredor do evento. O Festival é unha iniciativa do Concello de Vigo que naceu co obxectivo de dar cabida dentro da escena musical galega ao jazz realizado en Europa. Así actuarán ante os vigueses algúns dos artistas máis representativos do jazz galego como o Kin García Trío, Nani García, S.O.S. Trío ou o Xacobe Martínez Quinteto, ademais da Imaxina Sons Orquestra. Tamén estarán presentes grandes figuras do jazz europeo como Chano Domínguez e haberá un programa de actividades paralelas. Na presentación oficial do programa a alcaldesa Corina Porro entregou á viúva de Tete Montoliu unha placa conmemorativa.

Máis información no Xornal de Vigo

Rosa Cedrón presenta o seu primeiro disco en solitario “Entre dous mares”

Xénero: Folk | 28 / 3 / 2007 + IMAXES

not_9664.jpg

Anunciado con moita anterioridade ven de saír á rúa o primeiro traballo discográfico en solitario de Rosa Cedrón. A carismática cantante e violoncelista que foi parte da banda Luar na Lubre presenta en “Entre dous mares” (Warner Music) doce temas nos que ademais de cantar é compositora da meirande parte deles, aínda que tamén inclúe melodía e letras tradicionais. Para o disco contou ademais coa colaboración nas letras de Yolanda castaño e Alba Felpete. O traballo vai marcado pola bipolaridade en varias facetas da artista, entre a música clásica e a tradicional, entre a faceta de violoncellista e de cantante, entre a súa carreira anterior e os seu novos camiños musicais.

Máis información no sitio oficial deRosa Cedrón

Zouma saca unha edición especial de disco e dvd da banda de Cristina Pato xunto con Mutenrohi

Xénero: Folk | 28 / 3 / 2007 + IMAXES + VIDEO

not_9661.jpg

Como edición conmemorativa do décimo aniversario da formación ourensá a banda reuniu a boa parte dos seus músicos fundadores e xuntouse tamén coa gaiteira Cristina Pato que iniciou a súa andaina escénica con esta formación. O reencontro coa banda plasmouse nunha serie de concertos nos que a gaiteira, en pleno paréntese da súa carreira profesional mentres realiza os seus estudos de doctorado en EE.UU. volve interpretar os temas de Mutenrohi que tanto influíron na súa traxectoria profesional mesturados con vellos e novos temas da gaiteira. Un espectáculo no que os antigos membros de Mutenrohi e algúns dos membros da banda de Pato mestúranse para celebrar este aniversario e tamén para agradecer ao público o apoio recibido durante todos estes anos.

Máis información en Misturados

Nani García e César Benito son candidatos aos Premios da Crítica Musical Cinematográfica

Xénero: Clásica/Lírica | 21 / 3 / 2007

not_9623.jpg

Os músicos Nani García e César Benito son candidatos aos terceiros premios da Crítica Musical Cinematográfica que concede a revista especializada Scoremagacine. O primeiro polo traballo feito en “De profundis”, mentres que o segundo por “Mía Sarah”.

Máis información no web Scorremagacine

Falece Prudencio Romo, fundador de Los Tamara

Xénero: Folk | 21 / 3 / 2007 + VIDEO

not_9620.jpg

Foi un dos pioneiros do pop en galego como parte dos míticos Los Tamara. Prudencio Romo falecía este luns en Santiago de Compostela vítima dunha doenza cardíaca. O enterro está previsto para esta tarde no cemiterio de Santa María A Nova. Con Romo déixanos o compositor de temas coma "A Santiago Voy" ou "Galicia, terra nosa". O concello de Noia declarou tres día de loito polo falecemento.

Máis información en La Voz de Galicia, en El Correo Gallego e en El País

Falcatruada prepara un disco de homenaxe a Andrés do Barro interpretado por músicos da escena actual

Xénero: Pop | 15 / 3 / 2007

not_9587.jpg

A discográfica coruñesa Falcatruada ven de anunciar que case trinta grupos do panorama indie galego están a preparar, por iniciativa desta discográfica e da plataforma A Regueifa, unha reinterpretación contemporánea dos temas de Andrés Do Barro, o primeiro cantante galego que colou unha canción (O Tren) no número un de ventas do estado. A recompilación conterá temas clásicos de Do Barro coma o Corpiño Xeitoso, Meu amor, Adeus adeus ou Para che falar de amor, pero coa revisión dos herdeiros da movida musical galega. Os ritmos máis actuais réndenlle así tributo ao rei do pop galego. A lista non está pechada polo de agora, pero nela figurarán algúns dos grupos máis rebuldeiros da actual escena musical do país.Desde Falcatruada aseguran que este proxecto “vai andando pasiño a pasiño”.

<< Inicio / Anterior . 1271 a 1280 de 1395 . Seguinte \ Fin >>