Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

A Compañía do Ruído prepara unha festa na rúa para gravar en directo un novo disco

Xénero: Fusión | 28 / 11 / 2007

not_11120.jpg

A banda de Ribeira desembarcará o vindeiro día 8 en plena zona da movida do concello de Boiro para facer un concerto de rúa do que sairá o seu novo CD/DVD. Baixo una carpa de rúa os integrantes da ecléctica formación A Compañía do Ruído invitan a asistir de balde a este directo que quedara gravado en imaxe e música. Co nome de “A todo Punkchi!!” os once compoñentes deste divertido combo prometen festa e diversión para esta singular ocasión da que sairá o seu cuerto traballo. A festa-concerto comezará a partir das 21 horas, haberá carpa e servizo de autobús de balde entre Ribeira, Palmeira, Pobra e Boiro entre as 20 e as 24 horas.

Máis información en Komunikando

Budiño reúne influencias e colaboracións diversas nun disco con ambición universal

Xénero: Folk | 26 / 11 / 2007 + IMAXES + AUDIO + VIDEO

not_11097.jpg

Por segunda semana consecutiva a discográfica coruñesa Falcatruada pon nas tendas un disco de importancia asegurada no panorama musical. O cuarto disco do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, “Home” (Falcatruada, 2007), sae o día 27 de novembro xusto cando se cumpren dez anos da publicación do seu primeiro traballo “Paralaia” (Resistencia, 1997) e é o menos solitario dos seus traballos xa que está cheo de colaboracións de amigos como Xoel López, Deluxe, quen lle presta a voz en Ollos de Sal, Mercedes Peón, Kepa Junkera, Jorge Pardo, Paco Charlín e Antón Reixa entre outros. Nos seus dez temas “Home” preséntase como unha proposta de “World music” nacida pola influencia das múltiples viaxes e desde a música tradicional galega. O disco foi gravado nos Estudios Ardora polo propio Budiño e mesturado en casa de Tolos por Segundo Grandío e Budiño. O gaiteiro abrirá a súa xira de presentación o vindeiro 19 de xaneiro no festival Celtic Connections de Glasgow e tamén estar o vindeiro 8 de decembro na Habana para participar nos acto conmemorativos do centenario do himno galego.

NAO presenta o seu primeiro disco “As palabras espidas”

Xénero: Rock | 21 / 11 / 2007 + IMAXES

not_11077.jpg

Con dúas maquetas ben acollidas tras de si e unha presenza importante en concertos e festivais o quinteto formado na Estrada presenta agora o seu primeiro traballo discográfico “As palabras espidas” (Kamikaze Música). O disco ofrece 11 novos temas creados desde referencias rock, hardcore, metal e punk, poñendo moita importancia nas letras, en galego, que tratan de poesía, amor e revolta social. NAO gravaron este traballo durante o mes de agosto nos estudios Gárate de Andoain (Guipuzkoa) baixo a produción de Kaki Arkarazu e o disco foi masterizado nos estudios Masterispont en Madrid. Cun amplo percorrido por outras bandas como Xenreira, MDR ou A Matraca Perversa os cinco integrantes do grupo gravaron anteriormente dúas maquetas “Usa a palabra” e “Somos”, esta última foi seleccionada en febreiro de 2007 como maqueta do mes pola revista Rockzone cunha crítica moi favorable.

Maís información en Komunikando

Lalín oferta 62.000 euros para manter o Conservatorio Folque en 2008

Xénero: Folk | 19 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

Os orzamentos do Padroado de Cultura de Lalín prevén un orzamento para o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de 62.000 euros. A partida, moi por baixo dos 150.000 euros anuais que, segundo o Padroado, reclama a actual dirección, é aproximadamente a mesma que nos últimos anos. Ao tempo, o organismo municipal denunciou a escasa presenza de alumnos de Lalín no centro e adiantou a posibilidade de orientar este conservatorio nun sentido máis local. Ao tempo, o voceiro do Padroado, Saturno Valdés, apuntou que é posible a actual directiva xa teña acordado desenvolver o seu traballo noutro concello.

Máis información en La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra (en pdf), en El Correo Gallego, e nos nosos arquivos

Narf reúne no seu segundo disco a experiencia de vinte anos coa guitarra nas costas

Xénero: Fusión | 19 / 11 / 2007 + AUDIO + VIDEO + IMAXES

not_11049.jpg

O novo disco do compostelán Fran Pérez representa o camiño de volta á casa dun músico cargado de influencias e experiencias atesouradas durante as súas viaxes. Co seu segundo traballo, TOTEM (Falcatruada) o palindromático Narf ofrece melodías pop que lle dan forma a sons de todo o mundo a través dos trece temas deste disco editado en formato Digipack. Árabe, flamenco, brasileiro, africano e moitas máis influencias recoñecidas neste TOTEM que marca vinte anos de andaina musical de Fran e que desde o 20 de novembro xa está dispoñible nas tendas, ademais de na rede como xa é habitual nos produtos da discográfica Falcatruada. Neste mesmo ano Narf estivo a presentar en Inglaterra as súas novas cancións, algunhas delas con letras de Xelís de Toro, Pepe Sendón e poemas doutros autores. Compositor da música de moitos espectáculos teatrais galegos e portugueses, Fran Pérez leva unha longa andaina artística como colaborador do grupo de Chévere e integrante da banda Psicofónica de Conxo, a composición e dirección musical do CD “O labirinto dos soños” e a súa participación no espectáculo “Cantos na maré”, o seu anterior disco “NARF, fran pérez directo en compostela” editouse no ano 2003.

Máis información en Falcatruada

A Orquestra Sinfónica de Melide estrea o musical “Gallaecia”

Xénero: Miscelánea | 15 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

O Teatro Colón na Coruña, o Jofre de Ferrol e o Auditorio de Galicia en Compostela acollerán nos primeiros meses de 2008 a estrea do musical “Gallaecia” que pon en escena a Orquestra Sinfónica de Melide. Esta produción reúne nun mesmo escenario 100 artistas dedicados á música e á danza que achegarán mostras de música sinfónica, folk, popular e melódica nun mesmo espectáculo.

Máis información en La Opinión; no Diario de Ferrol, no web da Deputación da Coruña, en Galicia Hoxe; e en La Voz de Galicia; outros musicais galegos: Robin Hood e Imperial Café Cantante; máis nos nosos arquivos sobre a orquestra

O quinteto Xúa presenta o seu primeiro disco editado por Galiza Sons

Xénero: Folk | 14 / 11 / 2007

not_11031.jpg

Xúa son un quinteto novo no panorama discográfico pero os seus compoñentes son músicos de moita experiencia. Hoxe presentaron no Club Internacional de Prensa o seu primeiro disco, de nome homónimo do grupo, editado por Sons Galiza. O grupo está formado Vadim Yukhnévich (acordeón e voz), Nuria de León (voz, arpa e frautas) Ramón Feáns (bouzouki, guitarras), Pablo Pérez (baixo e contrabaixo) e Xacobe Gallego (batería). Moitos deles teñen tocado con grupos como Brath, Fía na Roca, Anubía ou Driade. A banda basea a súa filosofía sonora na nosa tradición folk sen renunciar á incorporación de sons doutras culturas ou doutros xéneros como o jazz ou o funk. O grupo dá moita importancia á voz nos seus temas e algunhas letras están inspiradas en textos de Celso Emilio Ferreiro, Lorca e Eduardo Galeano. A banda tamén trata outra das características históricas dos músicos en Galicia: a lingua do barallete. O propio nome do grupo é unha palabra do barallete, posto que significa “lume”.

Máis información en Sons Galiza

Telémaco viaxan ao centro da terra no seu segundo disco

Xénero: Electrónica | 14 / 11 / 2007 + VIDEO + IMAXES

not_11029.jpg

O dúo formado por Álvaro Pardo e Miguel Rulos, baixo os seus nomes artísticos Dr.Think e Mike Rolling, presentan este venres o seu segundo traballo, "Terra" (Con un par Recordings) na Sala Babel de Lugo. Co seu primeiro traballo "Outótono" (Falcatruada, 2005) percorreron gran parte de América latina e toda España. Agora co seu novo disco auto producido queren transmitir unha mensaxe telúrica de comunicación co planeta chea de sons e ambientes de "hip-jazz", "ambient" e "groove". Telémaco ofrécennos unha sesión construída a modo de viaxe ao centro da terra e articulada en tres partes: codia, manto e núcleo seguindo a senda aberta por Xulio Verne.

Celébrase en Compostela o I Certame Galego de Bandas de Música

Xénero: Clásica/Lírica | 14 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

O I Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Compostela entre o 23 e o 25 deste mes, concentrará dezasete formacións deste tipo. Ao tempo, a Consellaría de Cultura, que organiza o certame, anunciou onte o investimento de 250.000 euros en actividades de formación e de apoio a estes grupos. Destes, 80.000 euros servirán para organizar cincuenta encontros de música popular e outros 50.000 irán a promover a participación de bandas galegas en encontros no exterior.

Máis información en La Voz de Galicia

Falcatruada abre unha nova plataforma de promoción musical na rede para os seus discos

Xénero: Miscelánea | 8 / 11 / 2007

imaxe non dispoñible

A discográfica coruñesa Falcatruada segue a facer da comunicación na rede un dos seus puntos de fortaleza estratéxica. A editora, que presentou recentemente o novo disco de The Homens, pon agora na rede una nova ferramenta de promoción da música dos seus artistas, Clubedixital, un novo espazo na rede no que, de xeito sinxelo, escoitar, descargar e mesmo compartir temas dos seus lanzamentos. No Clubedixital estarán as últimas novidades discográficas, e proverá de accesos á información sobre os artistas, ás novas e á tenda de Falcatruada. O clube inaugúrase hoxe co adianto en primicia das novas cancións de Narf e de Xosé Manuel Budiño, artistas que lanzarán os seus novos traballos discográficos nas vindeiras semanas.

Máis información no Clubedixital

<< Inicio / Anterior . 1231 a 1240 de 1442 . Seguinte \ Fin >>