Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / música en galego

Música en galego

Nace en Ourense a Federación Galega de Folclore

Xénero: Folk | 28 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

Doce grupos de todo o país botaron a andar sábado en Ourense a Federación Galega de Folclore. Este colectivo, que tivo a súa xuntanza fundacional no Edificio Simeón da Cidade das Burgas, quere “ser un punto de unión das distintas formas de ver o folclore” e agarda programar tres asembleas anuais. José Antonio Viñas, da agrupación Queixumes dos Pinos foi elixido presidente neste primeiro encontro.

Máis información en La Región

O programa “Pontevedra Escénica” recupera a actividade do Pazo da Cultura

Xénero: Miscelánea | 24 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

A crise de programación que estaba a vivir o Pazo da Cultura de Pontevedra conta xa cunha primeira medida paliativa. O ciclo “Pontevedra Escénica”, organizado polo Concello, o propio Pazo e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, achegará ata o vindeiro mes de abril un programa de seis producións no que se mesturan diversas artes escénicas. O “Humor neghro” de Carlos Blanco e Manecas Costa abre o ciclo o vindeiro 25 de xaneiro.

Máis información no Diario de Pontevedra, no web do Pazo da Cultura e no noso tema sobre a crise do pazo

Concerto de homenaxe aos Diplomáticos e de presentación de "120 Capadores"

Xénero: Fusión | 18 / 1 / 2008

imaxe non dispoñible

Os nostálxicos do bravú e os novos descubridores deste estilo teñen este sábado 19 unha cita no campus de Elviña da Universidade d'A Coruña dende as 20:30 horas: a posta en escena da homenaxe das bandas galegas aos Diplomáticos de Monte Alto plasmada no disco “120 Capadores” (falcatruada 07) preséntase ao público nun concerto con pretensións de grande foliada. A festa contará coa actriz Isabel Risco como mestra de cerimonias acompañada de Pulpiño Viascón e coas actuacións en directo do Leo i Arremecaghoná, Ruxe Ruxe, Lamatumbá e Ultracáns. O programa, porén, presenta moitas máis sorpresas.

Máis información en Komunikando

Budiño, Peón e Anxo Lorenzo protagonizan a noite galega en Glasgow

Xénero: Folk | 16 / 1 / 2008

not_11390.jpg

Este sábado terá lugar no mercado vello de Glasgow a “Galician Night”, a noite galega. Así é como a denominan os organizadores do Celtic Connections, unha das citas ineludibles para os que gustan da música celta. A delegación galega presente no concerto está formada por Xosé Manuel Budiño, Mercedes Peón e Anxo Lorenzo e que será retransmitido en directo pola Celtic Music Radio (ás 21:30 horas).

Máis información en Vieiros, no web do Celtic Connections e en Malmequer

Nace CoruñaSon, un certame para favorecer a formación de autores musicais

Xénero: Pop | 16 / 1 / 2008

not_11388.jpg

Unha votación na rede seleccionará os dez autores que van participar, o vindeiro mes de marzo, nun Obradoiro de Canción Popular impartido por Santiago Auserón. Este é o resumo da proposta de CoruñaSon, o certame que presentou hoxe o Concello da Coruña co apoio da Deputación e que pretende “fornecer de ferramentas teóricas e prácticas aos creadores musicais galegos”. No obradoiro, dunha semana de duración, poderán matricularse coma oíntes as persoas interesadas. Os resultados desta experiencia gravaranse posterioremente nun disco colectivo, e o web corunason.eu manterase na rede aberta a que novos autores acheguen os seus temas en galego.

Máis información no web do certame

Os ponteareáns Capitan Furilo presentan cunha cea o seu primeiro disco

Xénero: Pop | 14 / 1 / 2008

not_11367.jpg

Tras algo máis dun ano dende o nacemento do grupo, Capitan Furilo autoedita o seu primeiro EP. Baixo o título de “POP?”, para o grupo de Ponteareas a edición deste disco supón a consolidación do grupo e a definición do seu propio son. O traballo contén cinco temas e foi gravado o pasado mes de outubro de 2007 nos estudios Océano de Nigrán. A presentación oficial do disco será o vindeiro sábado 26 de xaneiro en Ponteareas cunha cea – concerto. A presentación do traballo será o punto de partida dunha xira de concertos o redor da xeografía galega nos próximos meses. Capitan Furilo formouse a finais do ano 2006 deu o seu primeiro concerto en La Iguana Club de Vigo o 1 de xuño de 2007, o grupo quedou finalista o pasado mes de setembro no primeiro concurso N´saio organizado pola Dirección Xeral de Xuventude. O 26 de xaneiro, ademais de presentar o disco, as cinco cancións que o integran publicaranse na rede co fin de que cada persoa libremente poida descargalas.

Máis información en SONO-TONE

Guadi Galego deixa Berrogüetto e entra Xabier Díaz a substituíla

Xénero: Folk | 10 / 1 / 2008

not_11352.jpg

Nun comunicado aos medios o emblemático grupo folk Berrogüetto ven de anunciar dous importantes cambios na súa formación. Deixa o grupo a cedeirense Guadi Galego, cantante e gaiteira de Berrogüetto durante 10 anos, e entra nel, ocupando as mesmas labores, Xabier Díaz, vocalista, gaiteiro e percusionista. Despois da xira de presentación do seu traballo de aniversario “10.0”, o grupo afronta así un ano cargado de proxectos e comeza a pensar no seu quinto traballo discográfico. No comunicado a banda agradece a Guadi “os anos dedicados ó grupo, a súa voz, as súas composicións, a súa compañía e amizade.” Guadi Galego ten xa dous discos publicados con outros proxectos musicais á marxe de Berrogüetto nos últimos anos, “Espido”, co seu compañeiro de Berrogüetto Guillermo Fernández, e Nordestin@s con Ugia Blanco e Abe Rábade. Xabier Díaz ten editados os discos “Músicas de Salitre, tamén xunto a Guillermo Fernández, e “Coplas para Icia”.

Tema sobre Nordestin@s nos nosos arquivos

Publícase o concerto de fin de carreira do primeiro gaiteiro titulado superior

Xénero: Folk | 8 / 1 / 2008 + AUDIO + IMAXES + VIDEO

not_11332.jpg

Xosé Luís Miguélez é a día de hoxe o primeiro gaiteiro titulado superior en Música Tradicional de toda a península, esta honra acadouna no 2006 despois de ser un dos primeiros en cursar esta titulación no Conservatorio Superior de Música de Vigo e de dar en novembro de 2006 o seu concerto de fin de carreira no Auditorio do devandito centro. Ese concerto é o que agora recolle nun disco gravado ao vivo e que titula “Esperanza”. A editorial Dos Acordes edita agora este CD que presenta un novo repertorio para gaita galega, baseado en composicións que van, dende a música inspirada na tradición, ata unha linguaxe máis contemporánea. O disco conta coas colaboracións de Lucía Martínez ou Pablo Diago entre outros e nel preséntanse composicións inéditas, algunhas delas estreadas para a ocasión, de músicos como, Ernesto Campos, Ricardo Courtier, Xan Míguez, Paulo González, David Bellas ou o propio Miguélez. Na súa faceta como saxofonista Xosé Luís, que ten un longo percorrido formativo, é tamén un dos novos valores do jazz do país.

Máis información no sitio de Xosé Luís Miguélez

Rogelio Groba e Rudesindo Soutelo cobran os dereitos de autor do himno galego oficial

Xénero: Coral | 21 / 12 / 2007

imaxe non dispoñible

Todo o mundo sabe que o himno galego foi composto por Pascual Veiga en 1890. Pero o que escoitamos nos actos oficiais é a partitura de Veiga arranxada por Rogelio Groba, despois dun encargo que lle fixo Xosé Luís Barreiro en 1985, cando era vicepresidente da Xunta de Galicia (e que figura nos anexos á Lei de Símbolos). Sucede que Rudesindo Soutelo editou eses arranxos en “Arte Tripharia”, a súa editorial, e así o fixeron constar na SGAE. Iso implica que cada vez que se interpreta o himno oficial, tanto Groba como Soutelo, cobran. Rudesindo Soutelo, nunha entrevista realizada por este medio en 2003, explicou que os ingresos pola interpretación do Himno van entre 3.000 e 6.000 euros anuais porque “aínda que se interprete moito, non se declara”.

Máis información en La Voz de Galicia e sobre os dereitos na nosa hemeroteca. Ademais, consulta o noso tema sobre o himno

A Caricia da Serpe presenta o seu segundo disco “O Sorriso do Diaño”

Xénero: Miscelánea | 20 / 12 / 2007

not_11263.jpg

A música de A Caricia da Serpe é difícil de clasificar, blues de Nova Orleáns, pop, rock, reggae, flamenco, referencias a bandas sonoras cinematográficas, cancións populares revisadas e tangos, e sempre cun marcado carácter literario. Co novo disco “O Sorriso do Diaño”(Wonderland) A Caricia da Serpe cumpren 10 anos da súa formación como banda e neste novo traballo presentan doce temas que inclúen poemas e cancións escritos por Lino Braxe e musicados por Rómulo Sanjurjo e Miguel Ladrón de Guevara. Con respecto ao seu anterior traballo “A caricia da Serpe” (Wonderland, 2005) a banda aposta moito máis pola música orixinal e ofrece menos versións que noutras ocasións. En canto ós contidos, o grupo, tenta achegarse aínda máis ás preocupacións sociais. O traballo será presentado o venres, 21 de decembro na FNAC de A Coruña e o xoves, 27 o Teatro Rosalía de Castro da mesma cidade será o concerto de presentación.

Máis información en MeGA sobre A Caricia da Serpe

<< Inicio / Anterior . 1211 a 1220 de 1439 . Seguinte \ Fin >>