CRÍTICAS SOBRE Ensaio e Investigación / 84
SOBRE O LIBRO "DO IMPERIO ROMANO á ALTA IDADE MEDIA"
Guía da Historia sobre o terreo
Primeiro premio Historia Medieval de Galicia 2004- é unha síntese de todos os traballos arqueolóxicos que se fixeron en Galicia ata agora arredor dunha fase tradicionalmente "escura" e pouco estudada, a que engloba dende os momentos finais do Imperio Romano ata o agromar da Alta Idade Media, pasando polos Reinos Xermánicos, e que na bibliografía científica actual é nomeada como Tardoantigüidade. Pero este traballo non é só unha síntese, senón que tamén presenta unha nova análise do rexistro arqueolóxico destas épocas.
SOBRE O LIBRO "A RAíñA LUPA"
A semente pagá que deveu en lenda
O presente estudo, gañador do V Premio de Ensaio Manuel Murguía, presenta unha análise sistemática da mítica raíña dos lobos, a personaxe lendaria que opuxo as súas forzas á implantación do cristianismo en Galicia. A través de diversas metodoloxías de estudo e diferentes enfoques ofrécese por vez primeira unha imaxe poliédrica da Raiña e do complexo enramado cultural que arredor dela foi xurdindo, incluíndo o fenómeno xacobeo a as orixes de Santiago.
SOBRE O LIBRO "ORIENTARSE POLA RIBEIRA SACRA. VIAXE AO INTERIOR"
Caderno de campo do viaxeiro atento
Unha guía abondosa en datos de todo tipo. Vellas historias, contos, poemas, todo complementa a viaxe. Un libro que ten o enfoque do viaxeiro curioso, que non está escrito desde a mesa dun despacho senón a pé de monumento, como caderno de notas e compañía en roteiros e lugares.
SOBRE O LIBRO "OBREIRISMO FERROLáN"
A loita que foi
Recuperación da historia do movemento obreiro de Ferrol antes do dramático período de 1936-39 e nos anos de loita clandestina contra o franquismo. Libro ameno, áxil e coherente que se apoia nun formato xornalístico para recuperar acontecementos, personaxes e historias que forman parte da loita polos dereitos dos traballadores que nos precedeu.
SOBRE O LIBRO "GALICIA NA IDADE MEDIA"
Pola compresión cara a comprensión
Resumo da historia de Galicia entre os séculos V e XV, este libro de pequenas dimensións supón un intenso esforzo de síntese que dá en crear unha ferramenta útil de aproximación ao período medieval. En pouco mais de cen páxinas non só se traza unha visión global da Idade media senón que se ofrecen ao lector algunhas das fontes clave para ese período, no que sen dúbida é un dos puntos fortes do traballo.
SOBRE O LIBRO "AS CARTAS DO DESTINO"
A memoria escrita no aire
Premio Manuel Murguía no ano 2003,este é un traballo de investigación histórica desenvolvido a partir da correspondencia mantida ao longo de cincuenta anos polos membros dunha familia emigrada en América. Detrás de cada emigrante hai unha historia diferente e plural, xa que non só está a súa vida, senón que tamén está a que deixan na terra de partida.
SOBRE O LIBRO "A ESTRELA NA PALABRA"
A pegada do tempo
Quince anos despois da publicación de “A nación incesante” (1989), libro de conversas con Xosé Manuel Beiras tamén realizado por Miguel Anxo Fernán Vello e Francisco Pillado Maior, “A estrela na palabra” ofrece un vivo testemuño do Beiras humano e político dos nosos días.
SOBRE O LIBRO "GALICIA BORROSA"
A identidade no diván
Neste ensaio da colección Cadernos da Área de Pensamento o psiquiatra Santiago Lamas tenta achegarse multidisciplinariamente a un “algo” que segundo el hai no noso modo de ser, na nosa mentalidade, no noso carácter nacional, no noso imaxinario, na nosa visión do mundo, no noso territorio, ou no que sexa, que nos fai diferentes diante dos demais e diante nós mesmos fronte ós outros. O autor recolle a tradición dos “médicos humanistas” e transfórmaa introducindo no seu discurso as teorías máis avanzadas das ciencias actuais e colocando a identidade galega no seu diván a tódolos efectos.
SOBRE O LIBRO "A VIAXE DE SAN BRANDáN: NAUIGATIO SANCTI BRENDANI"
Cartografía da mentalidade altomedieval
Primeira versión en galego deste texto latino, auténtico “best seller” do medievo europeo. O texto describe unha viaxe de sete anos en busca da Terra da Repromisión dos Santos. Unha peregrinación por unha serie de illas míticas nas que atoparán ovellas xigantes, aves que falan, fontes de auga máxica, monstros mariños e mesmo chegan ás portas do inferno antes de chegar finalmente ó Paraíso Terreal. Esta narración dunha viaxe, no que o que menos importa e se é real ou inventada, é unha guía do mundo altomedieval, unha cartografía para manexarse pola súa mentalidade e pola forma de ordenar o mundo e o tempo.
SOBRE O LIBRO "TEATRO HISTóRICO: CONSTRUCIóN DRAMáTICA E CONSTRUCIóN NACIONAL "
A historia como argumento
Un profundo e moi interesante estudo que se achega aos dramas galegos que utilizan a historia como recurso argumental. Un completo traballo que, desde unha sólida base teórico-literaria, analiza os pormenores do teatro histórico en Galicia, atendendo especialmente á súa responsabilidade na construción do discurso da identidade nacional. O libro de Iolanda Ogando, segundo Inma López Silva , fala a través dun ensaio sobre teatro dunha cuestión importante e actual: a condición histórica.
SOBRE O LIBRO "A LOITA POLA TERRA NAS MARIñAS"
A terra axitada
A historiadora María Jesús Baz bota luz enriba dos ensaios de historia agraria, e faino mediante a explicación do feito fundamental da historia contemporánea de Galicia: á propiedade da terra, o sistema foral e os atrancos que os labregos sufriron para liberarse desta carga de orixe medieval. Segundo Gustavo Hervella estamos ante un referente de futuro para os estudosos do pasado agrícola galego, un libro que destrúe tópicos historiográficos que desde anos ficaron non só na academia, senón tamén no imaxinario popular.
SOBRE O LIBRO "A ULFE; SOCIOLOXíA DUNHA COMUNIDADE RURAL GALEGA"
Un conto distinto
O premio Vicente Risco de Ciencias Sociais recaeu este ano nesta obra que retrata e reconstrúe a civilización rural a partir dun estudo sobre unha aldea, A Ulfe (Chantada), lugar de orixe da socióloga e catedrática Julia Varela Fernández. O estudo feito a partir dun proceso de conversas e entrevistas retrata un anaco de sociedade viva, cambiante, innovadora que só semella parada, inmóbil para o ollo alleo que manexa tópicos das sociedades rurais como entes fora do tempo, fronte a mobilidade e “progreso” dos habitantes das urbes. Segundo Juan Luis Pintos este libro esnaquiza eses tópicos.
SOBRE O LIBRO "OS CELTAS DA ANTIGA GALLAECIA"
Avanzar sobre terreo trillado
Este estudo arqueolóxico, histórico e etnográfico do profesor Alberro aborda sen complexos un tema tan polémico entre arqueólogos e historiadores como é a presenza da tradición cultural céltica en Galicia e a entidade e a influencia da mesma. Baseado nunha amplísima bibliografía inédita no noso país este libro achega, segundo Jorge Guitián, novos argumentos e novas posibilidades para enriquecer un debate que ás veces pode semellar estéril e ás veces acendido de máis.
SOBRE O LIBRO "A TERRA QUERE POBO"
A construción da realidade como resposta
Gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003 esta obra é unha aposta pola modernidade e parte dunha análise do politicamente polémico autor sobre a situación do país para construír un discurso que se adapte ás necesidades dos novos tempos. O autor propón unha nova descrición dos problemas e en base a ela unha construción da realidade que é o eixo deste libro que apunta posíbeis novos vieiros polos que construír un futuro sen que as eivas do pasado imposibiliten o libre xogo de posibilidades.
SOBRE O LIBRO "O ESPECTRO SEGUE A ROLDAR"
O debate segue vivo
O esloveno Slavoj Zizek aviva o debate da suposta falta de actualidade do Manifesto Comunista neste conxunto de ensaios “de non doada clasificación teórica” segundo Juan-Luis Pintos. Unha reflexión que o autor fai desde a actualidade do presente e na que non evita a controversia coas ideas dominantes. Un recordatorio dos debates doutros tempos nos que as ideoloxías tiñan máis peso que hoxe e as ideas máis concisión e claridade.
SOBRE O LIBRO "POLíTICA, ELECCIóNS E FIDALGOS"
Os cimentos do Estado
O estudo deste período histórico achega luz sobre a formación das bases do Estado. Na opinión de Gustavo Hervella "unha das liñas de investigación máis interesantes á hora de analizar o pasado de Galicia". A partir dunha situación provincial profusamente detallada polo autor, o lector poderá comprender mellor as circunstancias socio-políticas da modernización do Estado no século XIX.
SOBRE O LIBRO "PLANEAR O PASADO"
O futuro do pasado
A necesidade manifesta de pór en valor, protexer, divulgar e investigar o patrimonio arqueolóxico fixo que na actualidade, e desde fai máis dunha década viran a luz todo tipo de propostas. A publicación de “Planear o pasado: ideas para a recuperación do castro de Elviña” debe entenderse como un paso mais dentro desta tendencia, un dos primeiros pasos nunha liña que as entidades investigadoras deberán continuar no futuro.
SOBRE O LIBRO "VOCES DA MEMORIA"
Dez mulleres
Beatriz Graña achéganos neste estudo de xénero - que recibíu o premio Xohana Torres de investigación 2003- a un dos temas máis apaixonantes e descoñecidos da recente historia de Galicia, o antifranquismo e o exilio, e faino desde o punto de vista de dez mulleres que o viviron e sufriron en propia carne. Gustavo Hervella comenta e pormenoriza este estudo sobre dez historias reais de mulleres nun tempo de grande importancia na historia contemporánea.
SOBRE O LIBRO "A CONFIGURACIóN DO SISTEMA TEATRAL GALEGO (1885-1936)"
Historia do teatro en Galicia: épocas de antonte
Este libro afonda no estudo das etapas máis temperás do teatro galego, desde finais do século XIX até o comezo da Guerra Civil. Unha revisión histórica desde unha perspectiva de análise até o de agora inexplorada. O autor tira da Teoría Xeral de Sistemas para achegarse ao ocorrido co teatro no período de configuración do pensamento galeguista. Desde a súa crítica Inma López Silva considera lúcida esta nova achega á historia do teatro en Galicia que atende á evolución dun teatro que pasa de ser ruralista e costumista a amosar un interesante diálogo coas vangardas europeas.
SOBRE O LIBRO "TEORíA E PRáCTICA DA INTERPRETACIóN"
A natureza íntima da interpretación
O volume de Alison Hodge consegue ampliar significativamente o corpus teórico sobre arte dramática que está dispoñible en galego. Tomando ao actor e a súa formación como centro do feito teatral, o libro de Hodges é, segundo Andrea Álvarez, unha atractiva contribución á reflexión sobre a necesidade desa formación cara a conseguer sacar adiante unha labor creativa nun espazo de liberdade propio.