O estudo deste período histórico achega luz sobre a formación das bases do Estado. Na opinión de Gustavo Hervella "unha das liñas de investigación máis interesantes á hora de analizar o pasado de Galicia". A partir dunha situación provincial profusamente detallada polo autor, o lector poderá comprender mellor as circunstancias socio-políticas da modernización do Estado no século XIX.
3 / 5 / 2004
Gustavo Hervella García. SantiagoA editorial do Castro preséntanos de novo un estudo referente á historia de Galicia, neste caso unha referencia á formación do estado liberal español no século XIX. Trátase dun traballo do historiador Prudencio Viveiro Mogo, que no seu momento foi a súa tese de licenciatura baixo o título “Os comezos da Administración liberal na provincia de Lugo”, dirixida polo catedrático Ramón Villares que nesta ocasión realiza o prólogo do libro. Viveiro Mogo é un consumado investigador sobre a temática política do século XIX, tendo publicado numerosos artigos e colaborado en distintas publicacións.
Este tipo de traballos constitúen unha das liñas de investigación máis interesantes á hora de analizar o pasado de Galicia, xa que moito do que hoxe somos vén do momento en que se articularon os poderes políticos no territorio. Prudencio Viveiro achega un pouco de luz á historiografía galega, carente deste tipo de traballos, que agardamos sexa o comezo dunha serie de investigacións tan interesantes como a presente.
Sobresae este produto por ser un estudo necesario e imprescindíbel á hora de tentar estabelecer os cimentos do que hoxe en día entendemos por Estado español; non son moi abundantes os traballos que, no conxunto do país, fan referencia a esta cuestión, como se aprecia na bibliografía que ao final do libro se nos presenta, o que supón unha maior satisfacción pola aparición deste.
Evidentemente o tema é moi amplo, e o autor exemplifica e dálle forma ás súas hipóteses nun único escenario, a provincia de Lugo e cun límite cronolóxico evidente, a época do Estatuto Real (1834-1836), que como el mesmo sinala “naceu cunha vontade de consenso, e non contentou a ninguén” (p. 65).
O libro está dividido en cinco capítulos onde se vai analizando a situación da provincia, desde a morte de Fernando VII até a constitución da Deputación, Goberno Civil e concellos, atendendo non só ao acontecido na capital, Lugo, senón tamén no resto de poboacións. No entanto non se nos presenta a situación sinxelamente, na introdución, Prudencio Viveiro ensínanos un cadro xeral do momento político e social, atendendo á crise que supuxo o pasamento do monarca. Mención especial para o autor é a revolución do verán de 1835, algo que compartimos plenamente, xa que é aquí onde se fraguan boa parte das ilusións liberais de anos posteriores, entre outras o que supuxo o fenómeno da desamortización, en España e moi especialmente en Galicia. De novo se crean Xuntas patrióticas, mais en setembro dese mesmo ano o goberno declarábaas nulas, sendo a Xunta Auxiliar Consultiva de Galicia unha das primeiras en se disolver (p. 75).
Presentación amena dos datos No terceiro capítulo o autor achégase xa máis polo miúdo á realidade xeográfica da provincia de Lugo realizando unha concienzuda análise tanto da Deputación Provincial como dos concellos que nese momento existían. Algo que podería semellar árido, o autor ofrécenolo sinxelo e ameno, xa que as explicacións que nos vai dando, están salpicadas de cadros informativos, así como mapas que nos axudan a ubicarnos perfectamente nunha realidade xeográfica e histórica evidente. Este apartado é complementado co seguinte, onde xa nos narra a experiencia do goberno liberal provincial, destacando a figura de José García de Villalta, responsábel do goberno da provincia en xaneiro de 1836 (p. 135-144).
Tras a dimisión de Mendizábal en maio de 1836, comeza o proceso para celebrar as que serán as derradeiras eleccións limitadas polo Estatuto Real. Ante esta convocatoria, os liberais, temendo una volta atrás, apóianse nos elementos revolucionarios das provincias para alcanzar o poder. Neste apartado o autor leva a cabo un traballo encomiábel, xa que realiza a análise atendendo a todos os distritos electorais da provincia, o que nos dá pé para poder xogar cos datos que en cada unha das circunscricións se obteñen. Así, podemos estabelecer que persoas eran os maiores contribuíntes de cada unha das zonas (lembremos que o sufraxio era tremendamente restrinxido), datos que se encontran no Arquivo Histórico Provincial de Lugo e que agora podemos apreciar de forma clara (p. 182-186). Esta é a etapa final do proxecto que supuxo o Estatuto Real, aquel que nacera como un intento de cinguir o Antigo Réxime coa modernidade, feito este que non se quedará neste intento, xa que ao longo do século serán múltiples as veces que se tente frear o proceso modernizador do Estado, chegando a 1876 con Canovas del Castillo e a Restauración borbónica na figura de Alfonso XII.
Debemos mencionar aquí a valentía que demostra a editorial do Castro coa publicación de traballos de investigadores noveis, dándolle a oportunidade de amosar a súa bagaxe intelectual ao público, e a este achegarse a uns temas que por descoñecidos non deixan de ser importantes para o coñecemento da nosa historia. Co tempo, darémonos conta do significado que para a cultura ten o Grupo Sargadelos.