O esloveno Slavoj Zizek aviva o debate da suposta falta de actualidade do Manifesto Comunista neste conxunto de ensaios “de non doada clasificación teórica” segundo Juan-Luis Pintos. Unha reflexión que o autor fai desde a actualidade do presente e na que non evita a controversia coas ideas dominantes. Un recordatorio dos debates doutros tempos nos que as ideoloxías tiñan máis peso que hoxe e as ideas máis concisión e claridade.
24 / 5 / 2004
Juan-Luis Pintos. Santiago
Unha boa noticia para os lectores galegos ao teren a posibilidade, moitas veces incerta, de ler un conxunto de ensaios actuais na nosa lingua. Un acerto a tradución e a introdución no noso ámbito cultural dun pensador esloveno de non doada clasificación teórica xa que logo semella afrontar unha temática “posmoderna” dun xeito “clásico”, no ronsel de Marx e de Freud (versión Lacan). A forma do discurso coincide co dominante “discurso mediatico”: breves reflexións, fragmentarias, cinguidas a actualidade, críticas e non moi fondamente fundamentadas.
Fálase de moitas cousas salientadas do noso presente: películas (“Tocando o vento”, “Full Monty”, “Matrix”, “Os sospeitosos habituais”), catástrofes, manipulación xenética, nova/vella Europa, guerra de Iraq, Bill Gates, etc. Zizek critica, mais comprende e, en parte acepta, a algúns autores de moda (Jeremy Rifkin) e maniféstase moi crítico con outros, como Bourdieu, Derrida e Deleuze. Todos estes materiais encaixan en tres contedores desiguais baixo estes títulos: “O espectro segue a roldar” (43 páxs.), “Contra a pos-política” (22 páxs.) e “A revolución «silandeira» en curso” (27 páxs.). Engádense unha introdución do tradutor, Francisco Sampedro, (8 páxs.) e un prólogo de autor (5 páxs.)
Poida que o más interesante do libro é o que se mantén na opacidade e o que se expresa como problemático. Vexamos algúns exemplos: “...Na boa conciencia que aínda cre na Ilustración...” escrebe o noso autor como de vagariño, mais a longo de moitas páxinas da obra desvelase unha referencia oculta a Hegel (“Universal singular” –p.84, “Alma Belida” – p.89). ¿Cal é a posición do autor? Critica intelixentemente aos posmodernos pero semella ter un estilo de escritura e pensamento debedor da posmodernidade crítica coa Ilustración. Xa que logo o seu apoio máis frecuente é Marx, o ilustrado Marx que escrebe o Manifesto como un programa utópico ilustrado que aínda pode botarnos unha man para entender a nosa historia. Moitas veces, sobre todo na primeira parte encontrámonos con frases construídas deste xeito: “¿...Non é verdade que hoxe (...) é como antes?”. Algunha das interpretacións que fai deste autor poden ser discutidas, como por exemplo a repetida afirmación do Manifesto, “Todo o sólido se esvaece no ar” (páxs. 25, 73). Analizando ben o texto compréndese que non é unha afirmación do autor senón que esa sensación de incertidume, de inestabilidade está atribuída á burguesía en determinadas circunstancias, e está xustificada polo paso do tempo, do seu tempo histórico.
Resposta ao reproche utopista
O que certamente fica fora da escrita é a posición do autor. Refírome á posición epistemolóxica, non á política. A posición política pode determinarse polas súas críticas ao estalisnismo, aos comunistas convertidos en neo-liberais, aos pragmáticos, aos inxenuos ilustrados, e, last but not least, aos “típicos esquerdistas occidentais” (95). Máis non é doado definir a súa posición de observador e por tanto a idea que ten de realidade observábel ou observada. Abonda na temática de ideoloxía, da distinción esquerda/dereita, e da crítica ao pragmatismo político. Mesmo configura unha noción máis ou menos vagarosa –atribuída a Jacques Rancière- baixo a denominación de «Pos-política», cunha sorprendente recuperación de Lenin como político (85). “Na «pos-política» o conflito entre visións ideolóxicas globais encarnadas por diferentes partidos en loita polo poder é substituído por unha colaboración entre tecnócratas ilustrados e multiculturalistas liberais” (40). E segue o exemplo da “terceira vía” na versión “labour party”. Mais, por outro lado, da por suposta a perda de efectividade da ideoloxía. E acaba cunha proposta utópica: “A resposta final ao reproche segundo o cal as proposicións da esquerda radical son utópicas, debería ser que hoxe a verdadeira utopía consiste na crenza nunha orde capitalista democrático-liberal que discorra indefinidamente e sen cambios radicais. Topámonos así co vello slogan de 1968: “Sexamos realistas, pidamos o imposíbel”. Ser verdadeiramente realista significa que compre proxectarmos a creba das coaccións do que aparece como «posíbel», é dicir, «realizábel»” (85).
Resumindo as nosas notas críticas diremos que esta obra é moi interesante nos tempos que vivimos pois presenta un discurso máis ou menos fragmentario e ambiguo sobre os temas que certamente nos atanguen na nosa vida e na reflexión sobre a mesma. Constitúe un recordatorio dos debates doutros tempos nos que as ideoloxías tiñan máis peso que hoxe e as ideas máis concisión e claridade. A nosa situación de incertidume xeneralizada non pode converterse nun Fatum que nos inhiba de actuar e de pensar, xa que logo pensar é sempre perigoso.