Gañadora do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003 esta obra é unha aposta pola modernidade e parte dunha análise do politicamente polémico autor sobre a situación do país para construír un discurso que se adapte ás necesidades dos novos tempos. O autor propón unha nova descrición dos problemas e en base a ela unha construción da realidade que é o eixo deste libro que apunta posíbeis novos vieiros polos que construír un futuro sen que as eivas do pasado imposibiliten o libre xogo de posibilidades.
5 / 7 / 2004
Juan-Luis Pintos. Santiago.Cando o lector toma nas súas mans esta última obra do profesor Xosé Luís Barreiro Rivas pode ter a sensación primeira de non entender quén é o autor malia a fotografía e o currículo da contraportada e como trata de comunicarnos o que quere dicir. Pois a primeira pregunta que xorde diante desta obra é o xénero ao que pertence. Certamente é un ensaio e non una obra académica firmemente chantada no nota a pé de páxina (se ben hai puntos nos que a teoría política e a analítica teórica están ben presentes). Non é tampouco un “panfleto” no que se propugne romper co pasado e camiñar cara ao futuro sen atrancos de dogmas e tradicións (se ben o concepto de “modernización” tal como se emprega teña moito de programático). Podería ter algún chisco de “Confesións” dun ex político que quere deixar de selo, e que manifesta un desmedido desexo de xustificar o seu pasado ou preparar o seu futuro. Pero os dous centos de páxinas descritivas do que el chama “a realidade” de Galicia impiden consideralo unha memoria anticipada de posíbeis auto-xustificacións vindeiras.
O autor ten pois a grande habilidade de situarse sempre na fronteira entre a política e a academia, entre a teoría e a práctica, entre o galeguismo e a modernidade, de tal xeito que os lectores que teñan una posición clara e definida lle poidan botar o sambenito correspondente (falla de rigor teórico, ausencia de propostas políticas concretas, interpretacións lixeiras da historia, utopismo pesimista activo ou fatalismo histórico mobilizador).
Eixo agochado
Pero nós imos ir máis aló desas críticas prexuizosas para poder observar o xeito de mirar de Barreiro sobre Galicia. Porque este libro ten un eixo agochado que non é doado percibir. A súa estrutura en capítulos é sinxela: Historia, Cambios da globalización, Identidade, Atraso político, Invisibilidade da nación, Espazo e territorialidade, o Poder, e a Cultura, todo referido á Galicia dos últimos trinta anos. Faise deste xeito unha descrición crítica de múltiples facianas específicas e vaise, de vagar, apuntando posíbeis novos vieiros polos que construír un futuro sen que as eivas do pasado imposibiliten o libre xogo de posibilidades.
Posibilidades que non probabilidades. Xa que logo en multitude de páxinas do libro a expresión das ideas dispárase cal metralladora en curtos ou longos parágrafos precedidos de 1), 2), 3) ou ben a), b), c)...[cfr. páxinas 13-15, 56, 57-58, 58-59, 64, 65,67, 69-70 (identidade), 78, 110, 113-115, 124-125, 130, 168, 168-171, 180, 182-183, 190, 191, 192-193, 220, 221-222, 225, 228-229, 234, 253]. Este xeito de comunicar é máis ben programático, volitivo (“A nosa pregunta clave é se temos vontade política para facer todo o que nos é posible”, p. 255). Mais tal vontade non é un desexo ilusorio senón que se fundamenta nunha nova descrición dos problemas a ter en conta cando temos diante de nós o que pretendemos chamar “a realidade galega”.
O eixo agochado ao que nos referimos antes ten que ver coa perspectiva que asume o autor para describir, interpretar e facer propostas para o futuro. Na páxina 49 escrebe: “Esta pasando algo moi importante que afecta a nosa percepción do mundo… Depende da escala de observación que se lle aplique á realidade”. Esta tarefa de observación é a que lle permite descubrir “na realidade” de Galicia feitos tales como as capacidades de “autoorganización, sen a titoría do poder” (p. 59), a relevancia do tempo (“os tempos son elementos esenciais da linguaxe política, xa que o significado das cousas muda moito se ocorren antes ou despois”, p.103), ou a cidadanía de tendencia globalizadora (“os cidadáns percibimos a existencia e a pertenza simultánea a varios espazos políticos distintos”, p. 155).
Construción por contraposición
Como toda construción de realidade desde calquera perspectiva que se asuma como propia emprega o código “relevancia/opacidade”. Saliéntanse determinadas facianas é déixanse “fora de campo” outras. Barreiro salienta uns campos semánticos máis vencellados ao “paradoxal” (o que implica ter moi en conta as complexidades e desbotar todo tipo de simplificacións e tópicos tan frecuentes no tratamento dos temas galegos). Amais diso emprega con moita frecuencia os termos de globalización, identidade, modernización e poder, como compre nun texto de clara intención política. Esta frecuencia de uso aplícase tamén a dúas verbas dalgún xeito contrapostas tales como "inexorable" e “competitivo” das que non fica claro o sentido pero no seu emprego asumen valores negativos e positivos respectivamente. No campo das opacidades, do non dito, chama moito a atención a práctica ausencia dos termos ideolóxicos “esquerda/dereita”, que nalgúns casos son substituídos pola designación pexorativa de “conservador” sen que apareza como contraposto a “progresista”. Se ben si se denomina “progreso” o oposto a “atraso” empregado con frecuencia para referirse a distintas situacións.
Todas estas observacións levaríannos a una máis ampla discusión das premisas nas que se asentan as descricións da Galicia que el percibe. Habería que afinar algúns conceptos tales como o de “modernización” (quizais excesivamente polisémico e valorativamente positivo), o de “clases medias” (empregado case como pas-par-tout na atribución da causalidade social), ou o de “elites” como eixo social dos cambios. Tamén a distinción simplificadora da “mobilización/participación”. Unha máis fonda discusión ten que ser proposta noutros espazos comunicativos.
Ten razón Barreiro cando afirma: “Unha mala pregunta sempre leva a unha mala resposta, Mentres que un correcto diagnóstico é sempre o principio dunha boa solución” (p. 71). Nesta obra atopámonos con diferentes e traballadas respostas, máis ¿onde están as preguntas?