Puntuación: 2.2/5 (54 votos)
Gañador do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2003, convocado pola Editorial Galaxia co patrocinio de Unión Fenosa, "A terra quere pobo", de Xosé Luís Barreiro Rivas, propón outra maneira de pensar Galicia. O libro é unha aposta, nin conformista nin compracente, pola modernidade e parte dunha análise da situación do noso país para construír un discurso que se adapte ás necesidades dos novos tempos.
O autor aborda distintos aspectos da realidade galega dende unha pluralidade temática que vai da organización do territorio e o medio ambiente aos comportamentos electorais, as relacións entre a cidadanía e o poder, as institucións e a vida cultural, o papel dos medios de comunicación, etc. Sempre cun espírito crítico e procurando estimular o debate.
Xosé Luís Barreiro Rivas é un referente obrigado no discurso da ciencia política da Galicia do noso tempo. Gran coñecedor da nosa realidade, fino articulista no xornal La Voz de Galicia, e doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía, protagonizou en primeira liña algúns dos momentos máis intensos e ambiciosos da construción da autonomía galega.
En "A terra quere pobo", Xosé Luís Barreiro Rivas reafirma a vitalidade dunha sociedade, que se expresa na capacidade que ten para discutir o seu tempo, asumilo criticamente e apostar polos cambios necesarios.
[presentación editorial]