Resumo da historia de Galicia entre os séculos V e XV, este libro de pequenas dimensións supón un intenso esforzo de síntese que dá en crear unha ferramenta útil de aproximación ao período medieval. En pouco mais de cen páxinas non só se traza unha visión global da Idade media senón que se ofrecen ao lector algunhas das fontes clave para ese período, no que sen dúbida é un dos puntos fortes do traballo.
9 / 5 / 2005
Jorge Guitián. AmesResulta curioso como en Galicia son, nunha porcentaxe moi importante dos casos, as pequenas editoriais as que apostan por novos autores e por temáticas, como a didáctica da historia medieval neste caso, decididamente afastadas do que se pode considerar convencional no panorama actual. Desde unha perspectiva externa poderíase pensar que o fenómeno debería ser o contrario, coas editoriais importantes dispersando esforzos nun intento por diversificar contidos e liñas temáticas, mentres as empresas mais pequenas, por unha sinxela cuestión de supervivencia, tenderían a buscar temas populares, de consumo maioritario.
Non é o caso. A edición de textos de historia en Galicia redúcese fundamentalmente a tres eixes: as publicación realizadas desde universidades e centros de investigación, normalmente resultados de investigacións publicados como monografías ou como artigos en publicacións colectivas ou revistas especializadas, maioritariamente publicadas en castelán, e cunha repercusión mínima fora do contorno académico e investigador; por outra banda están as publicacións que realizan as principais editoriais e algunhas institucións e entidades de ámbito galego: tal é o caso, por exemplo, da Fundación Barrié a cal realiza unha importantísima tarefa de difusión e promoción de traballos sobre arte e historia. Nesa mesma liña habería que situar as publicacións realizadas polas deputacións provinciais, e moi especialmente as editadas pola Deputación da Coruña nos últimos anos en relación coa arte e o Patrimonio Cultural da provincia e algunhas –contadas- monografías sacadas ó mercado polas editoriais mais importantes.
O terceiro grupo é o das pequenas editoriais, moitas veces proxectos unipersoais de existencia efémera, nas que a liña das publicacións non ven tanto marcada por tendencias de mercado ou por necesidades de autopromoción, como polo interese dos promotores do proxecto nunha temática concreta, nun posicionamento alternativo tan arriscado como digno de admiración. Trátase de iniciativas nas que a vertente cultural prima dun xeito decidido sobre a empresarial e nos que os resultados económicos ou as ventas ocupan un segundo lugar fronte á promoción de determinadas temáticas.
Satisfactorio esforzo de síntese
Coa publicación de Galicia na Idade Media editorial Lóstrego aposta por unha autora nova para enfrontarse a un tema complexo desde a perspectiva da divulgación. Sempre resultan meritorios os esforzos de síntese que pretenden poñer á disposición dun público amplo, non necesariamente especializado, coñecementos sobre temáticas de difícil acceso e, no caso da historia medieval, moi pouco coñecida polo lector medio. Todos temos unha idea do período medieval –castelos, cabaleiros andantes, princesas- enormemente mediatizada pola visión romántica do S.XIX que atopou un importante eco nas produccións cinematográficas de Hollywood, así que non resulta doado explicar dun xeito sinxelo e atractivo que, lonxe desa visión de conto, a Idade Media é un período terriblemente complexo no que o entramado de intereses políticos e cobizas diferiu pouco do de períodos posteriores, como a Ilustración ou a Idade Contemporánea. Por outra banda, fenómenos como conformación das identidades nacionais ou o xurdimento por vez primeira da idea de Europa, fan que a abordaxe deste período resulte especialmente delicado, polo que de afectivo ou identificación con ideoloxías contemporáneas puideran ter.
Compre salientar que neste primeiro esforzo de divulgación a autora consegue un resultado en xeral satisfactorio no que se abordan algúns dos temas clave do período, como a orixe dos reinos medievais en Galicia ou o fenómeno urbano, dun xeito claro e que atopa un complemento perfecto no que sen dúbida é un dos puntos fortes do traballo, a utilización de extractos das fontes da época para apoiar as hipóteses e os procesos que se explican. En pouco mais de cen páxinas non só se traza unha visión global da Idade media Galega, senón que se ofrecen ó lector algunhas das fontes clave para ese período, de Hidacio de Chaves a Paulo Orosio, de Vasco Daponte a historiadores xa clásicos como Vicetto ou Lafuente y Alcántara.
Ausencias e conflitos
Fronte a todas estas virtudes, probablemente debido a cuestións de extensión, bótanse de menos no texto referencias a temas clave para a comprensión da historia medieval, non só galega, senón do Occidente cristián, como o rol da igrexa ou, mais en concreto para o caso galego, o peso determinante do monacato. Probablemente aquí resida a grande falla deste texto xa que resulta moi complicado abordar a historia da Galicia Medieval sen ter en conta a expansión das ordes monásticas, o seu papel fundamental na introdución de formas arquitectónicas e artísticas, na preservación da cultura clásica e na materialización escrita –ou miniada- da historia do momento, a súa relación directa coa nobreza e a monarquía, coa propiedade das terras ou mesmo coa loita contra as pervivencias dun paganismo de raizame prerromana que aparece aínda nos textos de Martiño Dumiense e que deixa entrever a súa presenza en figuras tan influentes como Prisciliano.
Por outra banda, están capítulos tan conflitivos como a abordaxe da idea de España na Idade Media, as orixes de Galicia ou a non menos complexa orixe de Portugal. Tratar estes temas desde unha asepsia que non se deixe contaminar pola nosa visión actual dos problemas resulta enormemente difícil, polo que o papel do historiador ó tratar de ofrecer unha visión xeral do período nunha obra de divulgación como a presente, debería limitarse a expor os datos ou, en todo caso, os distintos puntos de vista, sen optar por ningún dun xeito aberto. No caso contrario córrese o risco de interpretar os procesos históricos desde a perspectiva actual, tratando de atopar un antecedente de posicionamentos contemporáneos e confundindo, no camiño, ó lector que por primeira vez se achega a esta fase da historia e a quen está destinado o libro.
Á marxe da dialéctica que se puidera establecer arredor do concepto de España, ou de Hispania, que aparece en autores medievais como San Isidoro ou Diego de Valera e que, en calquera caso pode ocupar un lugar secundario nunha obra de divulgación, afirmar que “os Reis Católicos reuniron estes anacos da Península baixo unha mesma coroa por unha razón meramente circunstancial, cal foi o seu matrimonio”, probablemente coa intención de mitigar en certa medida o peso dun concepto unitario de España que aparece materializado aquí por vez primeira, resulta cando menos problemático nun texto destas características, xa que pode inducir a confusión. Poucas cousas había na Idade Media menos circunstanciais que un matrimonio da nobreza e moito menos da monarquía. No caso concreto da unión Isabel de Castela e Fernando de Aragón o matrimonio foi a materialización da unión das dúas principais coroas da Península nunha mesma liña sucesoria na que quedaron deste xeito unidos os antigos reinos de Castela, León, Asturias, Galicia, Aragón e o Condado de Barcelona, ademais de Sicilia, o Rosellón e as posesións reconquistadas ós musulmáns. Unha unión resultado de intensas negociacións políticas e na que o papel de cada un dos consortes quedou establecido e plasmado por escrito, codificado ata o último detalle con anterioridade ó enlace, medindo o grao de poder e de representatividade de cada unha das partes dun xeito que probablemente non se dera antes nin se volvería repetir na historia da Península Ibérica.
Poucos feitos históricos hai na historia de España menos circunstanciais que o entramado de simboloxías e o afán represor de calquera amago de independencia ou de liberdade. Poucas accións pode haber menos circunstanciais que a prohibición dun idioma, como o galego, co que esta decisión ten de simbólico e co que indiscutiblemente ten de represión dunha identidade cultural que comeza a entenderse como diferente. Por vez primeira o castelán, o idioma do Reino de Castela, e utilizado como elemento unificador imposto e mantido mediante a forza dos decretos e das ordenanzas. Esta política medida ó milímetro polos seus impulsores supuxo un impacto brutal e tan fondo que os seus ecos aínda son perfectamente identificables na configuración, na concepción e en boa parte da problemática da España actual, entendida como estado, polo que minimizala supón un erro de cálculo histórico que, antes que favorecer, entorpece unha visión global da historia de Galicia.
O mesmo ocorre coas orixes de Galicia e de Portugal. Dos límites da antiga Gallaecia –de Cantabria ata o Douro- ó reino medieval e de aí á Galicia actual os cambios foron continuos e moi condicionados por factores externos. Despois dunha Alta Idade Media terriblemente complexa na que Galicia formou parte do reino Suevo, cunha breve presencia Vándala, do reino Asturias, e do de León, non foi ata o ano 1071 que houbo un rei de Galicia- o primeiro e o último-, aínda que cun reinado ben breve, xa que durou 23 meses. A partir de aí o panorama volveu complicarse coa independencia de Portugal e coa volta do reino de Galicia ó seo do de León e posteriormente de Castela. Neste proceso de constante cambio resulta complexo falar da existencia dunha identidade nacional no sentido actual do concepto.
Salvando estes aspectos, conflitivos en calquera caso e moito mais nun traballo que esixe un exercicio de síntese tan intenso como o presente, o libro aparece como unha ferramenta útil de aproximación ó período medieval galego. Probablemente con algunhas follas máis o texto tería a oportunidade de abordar algúns aspectos que quedan fóra desta edición e mesmo de entrar en profundidade neses puntos quentes que, sen dúbida, merecen unha reflexión detida e un tratamento un tanto mais amplo.