Un profundo e moi interesante estudo que se achega aos dramas galegos que utilizan a historia como recurso argumental. Un completo traballo que, desde unha sólida base teórico-literaria, analiza os pormenores do teatro histórico en Galicia, atendendo especialmente á súa responsabilidade na construción do discurso da identidade nacional. O libro de Iolanda Ogando, segundo Inma López Silva , fala a través dun ensaio sobre teatro dunha cuestión importante e actual: a condición histórica.
25 / 1 / 2005
Inma López Silva. SantiagoA utilización do pasado coma motivo da ficción literaria non é unha novidade contemporánea, nin sequera posmoderna. E sen embargo, a cuestión aínda segue facendo correr regueiros de tinta. É lóxico: á vontade de mestura xenérica e de cuestionamento dos canons literarios propia da modernidade, cómpre engadirlle o desenvolvemento científico do discurso historiográfico desde o século XIX. Entre eses regueiros de tinta cabe inscribir a recente obra de Iolanda Ogando, un completo traballo que, desde unha sólida base teórico-literaria, analiza os pormenores do teatro histórico en Galicia, atendendo especialmente á súa responsabilidade na construción do discurso identitario nacional.
Sempre que cae nas nosas mans unha obra sobre as relacións entre literatura e historia, non podemos evitar a tentación de lela á luz do teórico francés Paul Ricoeur, quen, en “Historia e narratividade”, ten sinalado que historia e literatura comparten o emprego do discurso narrativo como fórmula expresiva, de xeito que un libro coma o de Ogando (a partir da súa tese de doutoramento), centrado no discurso dramático, semella, cando menos, arriscado. A autora salva con éxito eses riscos, pois a súa definición do teatro histórico non se basea tanto en cuestións de tipo discursivo (narratividade / non narratividade) coma en cuestións de tipo semántico (a escolla dos temas, a selección dos personaxes, a interpretación da historia) e, sobre todo, en cuestións de carácter funcional (o lugar ocupado polo teatro de e sobre o pasado na construción do discurso nacionalista en Galicia), xa que Ogando parte de que “unha determinada concepción da historia implica unhas formas concretas de teatro histórico”, de xeito que as diferentes interpretacións da historia propias dos momentos da “construción nacional” en Galicia darán lugar a inquedanzas teatrais distintas nos artífices dos textos de teatro histórico. E unha vez máis asáltanos Ricoeur, cando fala da copertenza entre “ser histórico e narrar historia”, nunha conxunción do ser humano (o escritor?) e a concepción histórica do mundo que xustifica a súa funcionalidade para o presente.
Como nos lembrou T.S. Eliot, é imprescindíbel sermos conscientes do noso lugar na historia para entender a contemporaneidade (a influencia) do pasado sobre o propio presente. O libro de Iolanda Ogando, polo tanto, fala a través dun ensaio sobre teatro dunha cuestión importante e actual: a condición histórica.
De certo, para a autora, “a diferenza entre o discurso histórico e o literario é pragmática”, pois, como para todo xénero literario, mesmo para a propia definición da literatura, só as diversas formas de lectura e interpretación definen a filiación xenérica dun texto. Así, o espazo ocupado polo teatro histórico no sistema literario galego depende en boa medida da relación estabelecida entre os autores e os lectores a través dos textos ao longo do tempo.
Teatro histórico do presente
Xa no ámbito que nos ocupa, o da literatura dramática galega, Iolanda Ogando sinala unha serie de “características argumentais” do teatro histórico desde as cales realizar a reflexión sobre o xénero na literatura galega. En primeiro lugar, a autora sinala a “fidelidade ao discurso histórico” (empírico) da que dependerá a lexitimación do texto. En segundo lugar, sinala a necesaria reflexión sobre “o distanciamento temporal entre o momento da escrita e o momento en que se sitúa a acción”. A pregunta que xorde neste caso é se é posíbel un teatro histórico do presente. Por último, fala dos “temas propios do teatro histórico”, que dependerán do axeitamento á concepción da historia colectiva asumida polo autor e polos consumidores do texto, de maneira que se trata dun factor fundamental á hora de analizar a cuestión que lle interesa a Ogando: a funcionalidade do discurso histórico-literario na construción da identidade.
En “Teatro histórico: construción dramática e construción nacional” tamén se sinalan, nun dos capítulos máis extensos, as características estruturais do teatro histórico que, na análise de Ogando, afectan a tódolos niveis discursivos tanto do texto coma do espectáculo teatral. Así, a autora aplica o método estrutural de análise de textos para achegarse á configuración temporal e a configuración espacial, a acción e o tratamento da historia, os personaxes, os signos escénicos e a linguaxe, este último un factor esencial en Galicia, xa que a historia da lingua marca diferentes interpretacións do devir histórico da colectividade e do sentido dos acontecementos do pasado. A través desta caracterización estrutural, a autora vai achegando, por medio dos exemplos, as diversas achegas de cada unha das obras e autores adscribíbeis a este xénero en Galicia, de xeito que se amosa unha panorámica completa e interesante.
Contestar a cultura dominante
Se para Iolanda Ogando o sentido último do teatro histórico é “falar para o presente”, poderemos entender a importancia das sucesivas recepcións destes textos en función dos intereses contemporáneos non só ao autor, senón aos diferentes momentos de lectura do texto. Nunha cultura minorizada como a galega, haberá, por tanto, un plus funcional. É evidente, daquela, que o teatro histórico fixo uso da función interpretativa, reivindicativa e mesmo didáctica co fin de contestar a cultura oficial dominante procedente das estruturas de poder cultural no Estado Español, aqueles que ata comezos do século XX escribiron a historia de Galicia. Así, a través dos múltiples textos que forman parte do corpus, Ogando realiza unha achega factores de carácter funcional coma a relación coa conformación nacional, a revisión e a humanización da historia. Velaí as bases que, para a autora, configuran a “función nacionalizadora” do teatro histórico en Galicia.
Non quixeramos rematar este comentario sen sinalar a utilidade e interese do apéndice de textos de teatro histórico que figura ao final deste volume. O Apéndice non só interesa polo que ten de nómina dun repertorio definido, senón porque senta as bases para o debate sobre a filiación histórica (ou non) de textos concretos e para a reflexión sobre unha periodización do teatro galego que sempre pode ser revisada e reinterpretada á luz, xustamente, da historia, da memoria e da nosa interpretación sobre o pasado que, coma os textos da nosa literatura dramática, pode ser obxecto de diversas lecturas.