Novas | 41 a 50 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

20/09/2024
A actriz Aurora Maestre recibirá o Premio AISGE

A Fundación AISGE concede, no marco do Ourense Film Festival (OUFF), un galardón honorífico que ten como obxectivo recoñecer e visibilizar a achega á historia do audiovisual galego de actores e actrices. A veterana actriz de imaxe e dobraxe Aurora Maestre (Monforte de Lemos ) recibirá este ano o galardón a conicidir cos seu 50 anos de profesión. A actriz fíxose popular para os espectadores galegos polo seu icónico papel de matriarca de impoñente presenza escénica, dona María de Lantaño, na serie Rías Baixas, pero tamén tivo presenza noutras moitas producións como 'Auga seca' e agora mesmo está a traballar coa directora de orixe galega Carla Simón no seu novo filme 'Romería'. En 2021 Maestre recibiu o Premio AISGE Mellor Interpretación Feminina no propio OUFF polo seu papel na curta 'Xoves de Comadres', de Noemí Chantada. A delegada de AISGE en Galicia, Isabel Blanco, entregará o recoñecemento na gala de inauguración do OUFF, o próximo 27 de setembro. . Amplía a nova>>

18/09/2024
O cineasta ourensán Rodrigo Cortes recibirá a Calpurnia de Honra do OUFF

O Ourense Film Festival (OUFF) recoñecerá na súa 29º edición coa Calpurnia de Honra ao director Rodrigo Cortés (Pazos Hermos, Cenlle, Ourense, 1973). O OUFF quere sinalar a súa "condición de singular contador de historias na cinematografía española das dúas últimas décadas, polo seu frescor narrativo e polo seu manexo dunha linguaxe elegante nas formas". Ademais, poñen en valor "a súa orixinal escrita literaria na que poden rastrearse trazos quizais vinculados a súa orixe ourensán-galaica, que, ao cabo, redondean a un personaxe sen par".. Amplía a nova>>

16/09/2024
As axudas á produción e á coprodución audiovisual chegan a 21 proxectos

A Axencia Galega das Industrias Culturais daba a coñecer este 13 de setembro a resolución das Subvencións para a produción e coprodución de proxectos audiovisuais, dotadas con 3 millóns de euros. A principal liña de axudas por dotación económica neste ámbito apoiou un total de 21 proxectos, dos cales 11 corresponden á modalidade para longametraxes cinematográficas, dous á de longas en coprodución internacional con participación minoritaria española, seis á de curtametraxes e dúas á de series de televisión e/ou plataforma de vídeo baixo demanda.. Amplía a nova>>

13/09/2024
A Filmoteca de Galicia ofrecerá documentais de César Souto, Simón Casal e Jorge Algora

A Filmoteca de Galicia exhibirá ao longo de setembro na súa Sala José Sellier da Coruña os traballos documentais máis recentes de tres cineastas galegos. César Souto, Simón Casal e Jorge Algora presentaranlle ao público as súas pezas documentais como parte da sección Off Galicia. Este programa comeza o vindeiro martes 17 de setembro con 'A Foreign Song' (2022), no que César Souto aborda a figura do poeta modernista estadounidense Wallace Stevens. O venres 20 de setembro será a quenda dos filmes documentais de Simón Casal 'The Gourougou Trial' (2022) e 'Artificial Justice' (2022), un traballo sobre a entrada do uso da intelixencia artificial na administración, coincidente coa película de ficción do mesmo realizador, 'Justicia Artifical', sobre esta mesma temática e que chega hoxe aos cines de Galicia e de toda España. O filme de ficción está producido por Abano producións e rodado en Galicia, contando no elenco cunha grande presenza de intérpretes galegos como tamar Novas, Melania Cruz, Monti Castiñeiras ou o recentemente falecido Xavier Deive. Amplía a nova>>

12/09/2024
Galician Film Forum leva a Londres tres longametraxes galegas e varias curtas

As películas 'O Corno', de Jaione Camborda, 'Salvaxe, salvaxe', de Emilio Fonseca e 'Justicia artificial', de Simón Casal son as elixidas para representar ao audiovisual galego na sección Letters from Galicia do London Spanish Film Festival que se celebra este mes na capital británica. Ademais destas longametraxes haberá tamén unha exhibición de curtas onde proxectaranse as producións 'Habitar'; 'Véxote'; 'To Bird Or Not To Bird'; 'Non Te Vexo'; 'Queimar Cando Morra' e ' Alguén Me Chamou Serpe Negra'. Entre o 18 e o 24 de setembro o festival proxectará estes traballos no festival londinense no apartado dfe audiovisual galego coordinado pola comunidade Galician Film Forum do reino Unido e coa colaboración da Asociación Proxecta e AGADIC. . Amplía a nova>>

11/09/2024
A Semana de Cine de Autor de Lugo proxectará 146 filmes na súa nova edición

Lugo acollerá, entre os vindeiros 23 e 29 de setembro, a 46 edición da A Semana de Cine de Autor que organiza o Club Fotocinematográfico Fonmiñá. O Concello acollía este 10 de setembro a presentación deste veterano programa que conta co apoio de Deputación Provincial, Concello de Lugo, Xunta de Galicia e UNED.. Amplía a nova>>

03/09/2024
Arrinca a rodaxe dun filme sobre a relación entre Castelao e Virxinia Pereira

Onte arrincou a rodaxe do filme 'Antes de nós', unha película que aborda a relación sentimental entre Castelao e a súa dona Virxinia Pereira. O filme está dirixido por Ángeles Huerta e producido por Zenit TV e Retrincos, coa participación da Televisión de Galicia e a subvención da xunta de Galicia. O filme desenvolve dous episodios importantes da súa historia como parella: 1918, cando Castelao deixa a súa praza de funcionario en Pontevedra para traballar en Rianxo durante a grave epidemia de gripe. "Un heroe para o pobo pero un home ausente para a súa muller, Virxinia", sinalan no dossier da produción. O segundo dos momentos sucede en 1929, cando o matrimonio percorre Bretaña trala perda do seu único fillo. Esta será "unha viaxe que os unirá para sempre", indican no dossier. O filme está protagonizado por Xoán Fórneas no papel de Castelao e Cris Iglesias, no de Virxinia Pereira. As localizacións do filme sucederán en Compostela, Silleda, Rianxo, Catoira, Muros, Negreira ou a Estrada, entre outros. . Amplía a nova>>

30/08/2024
O filme 'As Neves'participará na sección 'Made in Spain' do 72º Festival de San Sebastián

A longametraxe As Neves, ópera prima escrita e dirixida pola galega Sonia Méndez, atópase entre os filmes incluídos na sección Made In Spain do Festival Internacional de Cine de San Sebastián. A sección ofrece unha escolma das mellores películas do panorama cinematográfico estatal do ano, ás que o Festival ofrece unha plataforma para a súa difusión internacional. Logo de ter a súa première na Sección Oficial da pasada edición do Festival de Málaga, As Neves estreouse en salas en maio con gran acollida de público, manténdose ate sete semanas nos cinemas. Agora prepara o seu percorrido en novos festivais e a súa próxima chegada ás plataformas. O filme é un thriller adolescente ambientado nunha vila de Galicia que se achega cunha mirada íntima á xeración nova que vive no contraste da hiperconexión e o illamento. Está protagonizada por un grupo de actores novos, a maioría debutantes, que encabezan Andrea Varela e David Rodríguez Fernández, Antía Mariño, Xacobe Bruña e Irene Rodríguez. . Amplía a nova>>

28/08/2024
O celanovés Carlos Montero Premio Ourense do OUFF

O Ourense Film Festival (OUFF) ven de facer pública a concesión do Premio Ourense 2024, un dos galardóns honoríficos do festival, ao guionista e produtor Carlos Montero (Celanova, 1972). Montero é creador de series de gran éxito como 'Élite', que estrea a súa última tempada, 'Física o Química' ou 'El desorden que dejas', rodada en Galicia, unha adaptación audiovisual da súa propia novela coa que gañou o premio Primavera de Novela 2016. En recoñecemento a esta traxectoria e ao seu impacto na industria audiovisual o OUFF outórgalle o Premio Ourense 2024, un galardón que recollerá na gala inaugural do festival, o día 27 de setembro.. Amplía a nova>>

22/08/2024
As asociacións profesionais do audiovisual rexeitan o anteproxecto de Lei da CRTVG

A Mesa do Audiovisual Galego, que aglutina a sete organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual, ven de facer público un comunicado no que manifesta a súa preocupación ante o borrador de Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital presentado polo Consello da Xunta e actualmente en período de suxestións. A Mesa considera que este anteproxecto inclúe elementos "que na súa formulación actual implicarían un rexeitamento frontal do sector audiovisual galego no seu conxunto", o cal motiva este comunicado. Integran esta Mesa do Audiovisual a Academia Galega do Audiovisual; Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Asociación Galega de Produtoras Independentes; Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Asociación Sindical Galega de Guionistas; Cluster Audiovisual Galego; Coordinadora Galega de Festivais de Cinema PROXECTA. Desde a Mesa do audiovisual demandan en representación do conxunto do sector galego "as debidas explicacións ao respecto desta proposta anunciada pero non consultada" e de forma colexiada en representación de todos os colectivos que a conforman, solicitan unha reunión de carácter urxente co Presidente da Xunta de Galicia D. Alfonso Rueda Valenzuela, institución da que depende directamente a actual Corporación de Radio e Televisión de Galicia e desde a que se promove este novo anteproxecto.. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org