As asociacións profesionais do audiovisual rexeitan o anteproxecto de Lei da CRTVG

Reclaman ser consultadas e solicitan unha reunión urxente co Presidente da Xunta, Alfonso Rueda

A Mesa do Audiovisual Galego, que aglutina a sete organizacións profesionais galegas representativas do sector audiovisual, ven de facer público un comunicado no que manifesta a súa preocupación ante o borrador de Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital presentado polo Consello da Xunta e actualmente en período de suxestións. A Mesa considera que este anteproxecto inclúe elementos "que na súa formulación actual implicarían un rexeitamento frontal do sector audiovisual galego no seu conxunto", o cal motiva este comunicado. Integran esta Mesa do Audiovisual a Academia Galega do Audiovisual; Asociación de Actores e Actrices de Galicia; Asociación Galega de Produtoras Independentes; Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización; Asociación Sindical Galega de Guionistas; Cluster Audiovisual Galego; Coordinadora Galega de Festivais de Cinema PROXECTA. Desde a Mesa do audiovisual demandan en representación do conxunto do sector galego "as debidas explicacións ao respecto desta proposta anunciada pero non consultada" e de forma colexiada en representación de todos os colectivos que a conforman, solicitan unha reunión de carácter urxente co Presidente da Xunta de Galicia D. Alfonso Rueda Valenzuela, institución da que depende directamente a actual Corporación de Radio e Televisión de Galicia e desde a que se promove este novo anteproxecto.

Segundo manifestan neste documento conxunto, ningunha das asociacións representativas do sector foi interpelada no "período de consulta" previo á elaboración do texto do que aseguran que non tiveron ningunha comunicación ata a publicación do mesmo o pasado 29 de xullo, dando isto inicio a un período inicialmente indicado como "de alegacións" e posteriormente como "de suxestións" que desde a Mesa do Audiovisual lembran que vence neste propio mes de agosto, "mes inhábil por excelencia", afirman as asinantes. As sete asociacións indican que consideran "un elemento central de calquera reforma lexislativa do eido audiovisual outorgar cando menos voz aos seus profesionais e empresas". Entre as varias consideracións ao respecto da proposta lexislativa, que substituirá a actual lei en vigor dos medios públicos (Lei 9/2011) desde a Mesa do Audiovisual consideran que na lectura literal que fan dos seus artigos, este texto supón "un paso atrás na independencia e función social dos nosos medios" ao ver nela medidas "que contraveñen as máis básicas funcións dos nosos medios públicos: elimina o Estatuto Profesional e o Consello de Informativos, afasta a elección do director xeral da procura do consenso e o acordo, nunha figura clave para unha das institucións máis importantes do país, e apunta unha proposta que en si mesma obriga a reformular o principio fundacional da CRTVG respecto da promoción da lingua galega e a súa difusión: a apertura da emisión de contidos en castelán".

No seu comunicado respecto ao Anteproxecto de Lei, desde a Mesa do Audiovisual rexeitan entre outras cousas o sistema de elección proposto para o Consello Asesor de Participación Social e Profesional dos medios públicos galegos, do que din que "tenta outorgar lexitimidade democrática e de representación a un órgano que nas condicións propostas non garante as debida independencia, pluralidade e capacidade crítica". No mesmo sentido sitúanse respecto da elección do director xeral, estrutura central da organización da CRTVG. As sete organizacións representativas do sector consideran que debe realizarse co maior consenso posible atendendo aos principios de representación política e social, e solicitan que se inclúa na rolda de consultas previas ás entidades que representen a realidade profesional, empresarial e cultural do sector audiovisual galego.