O audiovisual únese contra o Plan de Reactivación Cultural da Xunta

Sete asociacións representantes da diversidade do sector amosan conxuntamente a súa desconformidade coa estratexia do goberno autonómico

Sete asociacións representantes da diversidade do sector amosan conxuntamente a súa desconformidade coa estratexia do goberno autonómico
Guionistas, intérpretes, produtoras, festivais, realizadores e outras empresas do audiovisual así como a propia Academia Galega uniron as súa voces nun comunicado que expresa taxativamente que o Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural presentado pola Xunta o pasado 7 de maio non responde ás necesidades reais do sector. Asinan o comunicado as asociacións gremiais Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), Asociación galega de Produtoras Independentes (AGAPI), Asociación Sindical galega de Guionistas (AGAG), Asociación Galega de Profesionais da Realización e a Dirección (CREA), Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (Proxecta) e Cluster Audiovisual Galego (CLAG) xunto á Academia galega do Audiovisual (AGA). Para todos estes colectivos do mesmo sector o plan da Xunta careceu de análise e diálogo na súa elaboración, sinalan que a administración pon o foco máis no turismo e relega o sector cultural a un segundo plano. Ademais aseguran que o Plan non contén ningún tipo de medida asistencial ou específica para as necesidades derivadas da crise sanitaria. Segundo eles "o paquete de medidas recollidas no eido audiovisual non son máis que compromisos pendentes previos á situación da COVID-19".

Para estes representantes do sector audiovisual as urxencias deben poñerse en presentar un fondo de continxencia ou rescate específico para a súa actividade nos seus diferentes procesos de produción; a creación dunha liña de apoio ao I+D orientada á facilitar a difusión en liña dos festivais de cinema; unha liña de créditos específica e medidas asistenciais dirixidas aos traballadores o sector, tanto aos autónomos como aos que son por conta allea. Tamén lembran estas asociacións a urxencia que o momento dá a necesidade anterior de ter un organismo Film Comission de Galicia para atraer as rodaxes ao noso territorio. O grupo de asinantes reunido coa etiqueta #AudiovisualGalegoUnido aseguran estar a traballar nun paquete de medidas que se lle proporá a Xunta nas vindeiras semanas.


As cooperativas culturais tamén son críticas co plan
Tamén a Sectorial das cooperativas culturais da Unión de Cooperativas Espazocoop, pronunciouse sobre o Plan de Reactivación da Xunta en termos moi críticos. Para eles o devandito documento adoece de medidas, prazos, importes e indicadores concretos. As cooperativas instan á administración a artellar medidas para aquelas entidades que fan actividades culturais no ámbito do patrimonio, lecer e ocio, arqueoloxía, para os que segundo eles non existen medidas nin referencias neste plan. Solicitan os cooperativistas accións concretas que axuden na necesaria transformación e educación dixital do sector e no acceso a financiamento "diversificando mecanismos como finanzas éticas ou mecenado e artellando sistemas de flexibilización para xustificacións, adiantos parciais das axudas e pagamentos de proxectos". Este sector demanda unha maior participación da compañía CRTVG como xeradora de apoio e financiamento ó sector; medidas que potencien e fomenten o consumo e a compra de produtos e servizos culturais entre as familias e cidadanía en xeral. Os cooperativistas aseguran manter o diálogo aberto coa administración autonómica para atopar continuidade e resposta ás necesidade do sector nunha posible reformulación do plan para responder ás necesidades que dende o sector teñen detectado.

Estas críticas ao Plan de Reactivación dos sectores turístico e cultural da Xunta de Galicia por parte do eido da cultura do país vanse acumulando creando unha ampla fronte de oposición á estratexia cultural do goberno galego xunto a outras críticas grermiais anteriores como as da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural (AGPXC); a Asociación Profesional de Artistas de Galicia (A Colectiva); Asociación de Produtores Técnicos de Espectáculos de Galicia (APTEGA); Asociación Galega de Profesionais da Ilustración; a A Asociación de Escritores en Lingua Galega e ata 300 entidades ligadas á música e ó baile tradicionais.