O sector audiovisual reclama das administración máis aposta pola lingua

A Mesa do Audiovisual considera indispensables os apoios a produción televisiva e cinematográfica en galego

A Mesa do Audiovisual considera indispensables os apoios a produción televisiva e cinematográfica en galego
Representantes das asociacións da Meso do Audiovisual, reunidos o pasado 7 de novembro. Foto: Aigi Boga /AGA
As sete asociacións sectoriais integrantes Mesa do Audiovisual Galego veñen de facer público un comunicado conxunto relativo ao estado actual da lingua galega na creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais. A raíz dos datos publicados fai semanas na 'Enquisa estrutural a fogares, coñecemento e uso do idioma galego' do Instituto Galego de Estatística (IGE) estas sete asociacións do sector audiovisual (Academia Galega do Audiovisual, Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Asociación Galega de Produtoras Independentes, Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización, Asociación Sindical Galega de Guionistas, Cluster Audiovisual Galego e Coordinadora Galega de Festivais de Cinema) decidiron trasladar ao debate público a súa posición no que ten que ver coa lingua galega no audiovisual.

As entidades da Mesa consideran que o audiovisual é unha ferramenta fundamental para a difusión do idioma entre a sociedade, "pola súa capacidade de chegar a públicos amplos e diversos en todo tipo de contextos e a través de multitude de formatos", polo cal e en vista dos retrocesos experimentados de uso e coñecemento do galego en todas as capas de poboación pero especialmente entre a infantil e na mocidade, consideran " indispensable que, dende as diferentes administracións, se actúe ante esta situación e se fomente a produción televisiva e cinematográfica en galego, dirixida específicamente a estes grupos de idade". As sete integrantes da Mesa fan tamén un chamamento á concienciación desde a propia industria a adquirir "o maior nivel de compromiso para o incremento da creación, produción, distribución e exhibición de contidos audiovisuais en lingua galega".

En relación ao Anteproxecto de Lei de Servizos dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia para a Sociedade Dixital, desde a mesa reiteran o xa expresado durante o período de alegacións e instan á Xunta de Galicia a prestar especial atención ao cumprimento da misión que, ao respecto da lingua, ten encomendada a CRTVG e que reflicten os seus estatutos. Desde a Mesa non deixan de sinalar tamén o papel que segundo eles debe asumir RTVE para garantir a presenza do galego en todas as súas canles. Instan as asociacións do sector a todas as administracións públicas a que, nos seus ámbitos, adopten diferentes medidas para o fomento da presenza do galego no audiovisual, "aproveitando as posibilidades que ofrecen a lexislación europea e estatal á hora de fixar cotas que garantan o dereito da cidadanía a consumir contidos na nosa lingua", afirman.