Youtubeiras+ ábrese a contidos en todas as redes sociais

Mantén os 7.500 euros de premios para as sete categorías a concurso

A organización do certame Youtubeiras+ daba a coñecer este 17 de setembro as novidades da súa IX edición. A principal mudanza na convocatoria é que poderán participar contidos publicados en calquera rede social, cando ata o momento estaba restrinxido unicamente a Youtube e TikTok. A dotación mantense en 7.500 euros que se repartirán entre as sete categorías de Canle, Creación de Contidos, Revelación, Calidade Lingüística, Rede, Premio do Público e, como novidade nesta xeira, Podcast.

Co lema Alborotando o algoritmo, o concurso premiará con 1.000 euros cada unha das categorías agás as de Canle e Creación de Contidos, dotadas con 1.250 euros. Nuria Espasandín e Sergio Casal, da canle Toxío, e mais Laura Veiga, de Pingando serán responsables de impartir os obradoiros de formación que acompañan esta xeira do certame.

Os servizos de normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo e mais os das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña organizan esta iniciativa, que ten aberto prazo de inscrición ata o vindeiro 16 de novembro.

Mónica Valencia, técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico comporán o xurado desta edición.