Youtubeiras+ recoñece a Konachadas e a Rodri Míguez

Fóra de mapa foi escolleito como mellor pódcast e Patri Otero obtivo o premio á calidade lingüística

9/2/2026 | Santiago. Redacción | Seccións: LinguaAudiovisual

Foto das propostas gañadoras do Youtubeiras+. Fonte: Youtubeiras+

O Teatro Jofre de Ferrol acollía na tarde deste 7 febreiro a gala de entrega dos Premios Youtubeiras+. A novena xeira destes recoñecementos ao talento en galego nas redes sociais outorgou o seu Premio á Creación de Contidos ao proxecto Konachadas, mentres a mellor canle do ano foi a de Rodri Míguez. Os dous galardóns contan cun premio de 1.250 euros.

Que che parece esta nova?
134 lecturas 0 reaccións
Compartir:

O fallo destacou de Konachadas "a súa calidade visual, a súa imaxinación e a súa capacidade" para converter calquera temática nunha mensaxe reflexiva, divertida e reivindicativa apta para todos os públicos", mentres Rodri Míguez viu recoñecido "o seu labor xornalístico, a súa traxectoria e a promoción da música en galego de xeito altruísta".

Canda a estas iniciativas, Fóra de mapa obtivo Premio ao Mellor Pódcast en recoñecemento a "usar as súas voces para crear un conxunto de pezas sonoras en forma de xanela coa que achegármonos ás culturas, minorías e linguas, cunha edición coidada e profesional" e Patri Otero o galardón á Calidade Lingüística por "utilizar e fomentar o bo uso da lingua galega, así como a súa normalización dun xeito exemplar". 

O Premio Rede levouno ChutenMeme por conseguir "a través do humor" xerar "novos lazos virtuais" e facer "medrar a comunidade dixital galega", mentres e o Premio Revelación distinguiu O búnker debuxos en recoñecemento a "sorprender e abraiar a través da animación orixinal e artesanal, dándolle unha nova vida e unha volta a memes de noso". Finalmente, o Premio do Público recibiuno o vídeo Cada historia, unha vida. O 25N no CEIP de Tarrío, de Xurxo Varela. Todas estas categorías contan cunha dotación de 1.000 euros cada unha.

 

Mónica Valencia, técnica de Normalización Lingüística do Concello de Ourense; Jon Amil, médico e presidente da Associaçom Galega da Língua (AGAL); Carlos Pereiro, xornalista e comunicador de videoxogos; María Rúa, creadora de contidos e gañadora do Premio á Creación de Contidos de 2024, e Uxío Broullón, ilustrador e deseñador gráfico compuxeron o xurado desta xeira. O certame está organizado polos servizos normalización lingüística dos concellos de Ames, Carballo, Ferrol, Moaña, Narón, Oleiros, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo; das universidades de Santiago, A Coruña e Vigo; e mais da Deputación da Coruña.




 

Que che pareceu?
0 reaccións
Difunde a cultura galega:
Axuda a difundir a cultura galega

Do mesmo ámbito