López Campos propón declarar o 2026 'Ano Ramón Otero Pedrayo'

Celebraríase así o 50 aniversario do pasamento do escritor ourensán

Celebraríase así o 50 aniversario do pasamento do escritor ourensán
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, propuxo esta mañá declarar o 2026 como Ano Ramón Otero Pedrayo co gallo do 50 aniversario do seu pasamento e o centenario da publicación de Guía de Galicia. Fíxoo na presentación das cátedras institucionais dedicadas ao autor ourensán, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero na Universidade de Santiago de Compostela.

Durante a presentación, o conselleiro remarcou que "é relevante coñecer de onde vimos para construír o mellor futuro. Iso é o que buscamos con estes convenios, vixentes ata o ano 2027, que promoven a investigación científica no campo do estudo académico e crítico da obra destes autores, para coñecer as nosas raíces". Deste xeito, impulsarase a realización de cursos, seminarios, conferencias e actividades académicas que contribúan a facilitar o debate cultural e académico da súa obra. Así mesmo, premiaranse aqueles traballos académicos que versen sobre o legado de Rosalía de Catro, Otero Pedrayo, Castelao e Carvalho Calero, crearase un fondo bibliográfico e documental sobre a súa obra e difundiranse os valores asociados co seu traballo e figura.