As asociacións vinculadas ao audiovisual galego remitiron un comunicado conxunto no marco do I Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA, que se celebrou entre o 9 e o 10 de novembro da nova Cidade das TIC da Coruña. No comunicado difundido hoxe as entidades reclamaron "un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción de talento nos orzamentos da Xunta", un apoio "ás iniciativas de exhibición, entre as que destacan os festivais audiovisuais, acordes ao seu impacto", e a "dotación de recursos económicos, técnicos e humanos á Filmoteca de Galicia que, se ben realiza traballos de difusión que valoramos positivamente, non presta a atención necesaria á misión para a que foi creada". As asociacións tamén demandaron á TVG que manteña a aposta por "proxectos de ficción propia" e anunciaron a constitución da Mesa do Audiovisual Galego, que reunirá a distintos representantes das entidades que participaron na redacción deste comunicado, é dicir: a Academia Galega do Audiovisual, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación Sindical Galega de Guionistas (AGAG), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), o Clúster Audiovisual Galego, a Asociación de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema (PROXECTA).