O celanovés Carlos Montero Premio Ourense do OUFF

O festival recoñece a súa traxectoria no audiovisual

O Ourense Film Festival (OUFF) ven de facer pública a concesión do Premio Ourense 2024, un dos galardóns honoríficos do festival, ao guionista e produtor Carlos Montero (Celanova, 1972). Montero é creador de series de gran éxito como 'Élite', que estrea a súa última tempada, 'Física o Química' ou 'El desorden que dejas', rodada en Galicia, unha adaptación audiovisual da súa propia novela coa que gañou o premio Primavera de Novela 2016. En recoñecemento a esta traxectoria e ao seu impacto na industria audiovisual o OUFF outórgalle o Premio Ourense 2024, un galardón que recollerá na gala inaugural do festival, o día 27 de setembro.

Nado en Celanova, en xuño de 1972, no seo dunha familia intimamente ligada á fotografía Montero marchou a Madrid para formarse nos principios da comunicación e do audiovisual. Segundo sinala o OUFF comezou a súa traxectoria no mundo da televisión, no que como guionista aparece en títulos como 'Al salir de clase' (1997/1999), 'El comisario' (2000/2004) ou 'Maneras de sobrevivir' (2006/2007). Unha das súas series de televisión máis coñecidas, da que foi tamén creador, é o drama adolescente 'Física o química' (2008/2011) un xénero que culminou co proxecto 'Élite', da man da multinacional Netflix, unha serie que estrea agora a súa oitava e última temporada e que situou a Montero como un referente do xénero a nivel internacional. En 2020 Carlos Montero regresou a Galicia para adaptar ao audiovisual a súa propia novela, 'El desorden que dejas', desta vez coa produtora galega Vaca Films. Unha historia de misterio rodada en Celanova, con gran parte das escenas no IES de Celanova, centro no que estudou o propio Montero.