Novas | 31 a 40 de 4138

<< Anterior Siguiente >>

04/10/2024
A arte cinematográfica contemporánea toma o CGAC

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) reunirá a preto dunha decena de profesionais do audiovisual de España e Portugal co gallo da inauguración hoxe de 'Novos Imaxinarios', a nova mostra do museo santiagués comisariada polos artistas Nicolás Combarro e Miguel Ángel Delgado, na que se afonda na creación cinematográfica máis recente. As salas do museo da capital galega acollerán unha reflexión sobre o cinema máis alá da pantalla, onde conflúen as prácticas cinematográficas e os espazos artísticos a partir da selección da obra de recoñecidos artistas do cinema contemporáneo. A carón desta exposición tamén haberá unha serie de actividades paralelas como proxeccións, xornadas de investigación, conferencias ou mesas redondas. Esta exposición estará nas salas do CAGC ata o vindeiro 12 de xaneiro.. Amplía a nova>>

03/10/2024
'Los destellos' de Pilar Palomero obtén a Calpurnia a Mellor Película do OUFF

O Ourense Film Festival (OUFF) presentou esta mañá no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense o Palmarés da súa 29ª edición. Na Sección Oficial internacional a película 'Los destellos', da directora Pilar Palomero, foi a elixida para levar o gran premio do certame, a Calpurnia á Mellor Película. Na Sección Oficial Panorama Galicia foi o documental de Adrien Bordone 'Mes amis espagnols' o que levou o Premio Xacobeo á Mellor Película. No filme de Bordone, este afonda no tema da emigración dende a experiencia dos fillos de emigrantes en Suíza que, en plena adolescencia, teñen que trasladarse a Galicia. Tamén en Panorama Galicia, o Premio Ourense Film Commissión á Mellor Dirección recaeu en Emilio Fonseca, director ourensán, por 'Salvaxe, Salvaxe', un ensaio fílmico no que a cámara entra nos montes galego-portugueses procurando imaxes e ausencias do lobo ibérico. O xurado valorou de xeito especial "a hibridación de xéneros, o risco formal, o achegamento á natureza e a aportación de ofrecer ao espectador aquilo que non se pode ver". Seguindo na sección dedicada a Galicia, o 'Paisaje Épico', de Valeria Roig, levou o recoñecemento a Mellor Guión mentres que o de Mellor Interpretación foi para Aurora, a protagonista do documental da viguesa Area Erina, do mesmo nome. Unha historia na que dúas mulleres, Aurora e Area, de idades e experiencias distintas, crean unha relación íntima de conversas sobre a morte, a familia, a guerra ou o papel da muller. . Amplía a nova>>

02/10/2024
'A lingua das bolboretas' mete a Allariz na lista de Lugares de Interese Cinematográfico

A rodaxe no ano 1998 do filme 'A lingua das bolboretas' de José Luis Cuerda, baseado na novela homónima de Manuel Rivas, ven de servir como motivo para incluír a vila de Allariz na lista peninsular de Lugares de Interese Cinematográfico - LIC. Representantes de oito Academias de Cine e Audiovisual da península presentaron no marco do OUFF os lugares seleccionados este ano coa distinción. As academias recoñecen con esta distinción os lugares que teñen unha especial importancia para a industria audiovisual, tanto polo seu valor histórico como pola súa relevancia na produción cinematográfica ou o seu significado simbólico. O obxectivo desta distinción é destacar a riqueza cultural e audiovisual destes lugares, así como promover a conservación e posta en valor destes espazos que xogaron un papel fundamental na construción da identidade audiovisual da península. A localidade ourensá é a representante galega deste ano a instancias da Academia galega do Audiovisual, nun listado que tamén inclúe o Casco histórico de Córdoba, o castelo de Loarre, o Xixón de Volver a empezar', os Estudios Balcázar, Cáceres como Conxunto Histórico e Monumental, o café Vá-Vá lisboeta e a localidade de Peñíscola. Estes lugares engádense a unha lista comezada o pasado ano e na que xa figuraba por Galicia a aldea de Facós en Lobeira (Ourense), onde en 1940 tivo lugar a rodaxe da película documental do cineasta ourensán Antonio Fernández-Román con guión e produción de Xaquín Lorenzo 'Xocas', 'O carro e o home'. . Amplía a nova>>

01/10/2024
A curtametraxe 'Corre o vento' gaña un certame de cine xuvenil en Barcelona

A sexta edición do festival U22 para curtametraxes xuvenís de Barcelona ven de recoñecer como gañadora a peza 'Corre o vento', ópera prima de Paula Fuentes e Guirllermo Carrera, rodada no Courel. O filme, co-producido desde a Escuela Superior de Cine y Audiovisuales de Cataluña, cunha axuda a través de ESCAC Films, enfronta con formato de documental dramatizado o fenómeno da despoboamento do rural, enfocado neste caso en varias aldeas de Folgoso do Courel, principalmente Vilar. Fuentes e Carrera, guionistas e realizadores, son estudantes da ESCAC e galegos, concretamente Paula Fuentes ten as súas raíces en Vilar. O proxecto está apoiado tamén polo Concello de Folgoso do Courel e pola Fundación Uxío Novoneyra, e buscou tamén financiamento na plataforma Goteo para completar o seu orzamento. O festival U22, que se celebrou entre os pasados días 25 e 29 de setembro, está dirixido a realizadores emerxentes, con idades ata os 22 anos, e tivo unha competición oficial entre vinte obras seleccionadas entre más de 350 presentadas. O filme poderá verse en Santiago de Compostela este xoves no marco do festival Curtocircuíto.. Amplía a nova>>

26/09/2024
Galardón para Fernando Rey no OUFF polo trinta cabodano

O nome do desaparecido actor coruñés Fernando Rey leva anos a ser o que dá empaque a un dos premios de honra da Academia Galega do Audiovisual, agora é el o obxecto dunha homenaxe póstuma por parte do Ourense Film Festival (OUFF) que na súa 29ª edición dedícalle o Premio Memoria Histórica. Será dentro da sección Ouffemérides que o festival lembrará este ano ao actor nos 30 anos do seu pasamento. Fernando Rey (A Coruña, 1917 - Madrid, 1994) foi unha das grandes figuras do cinema nacional, o actor galego máis internacional do pasado século. Traballou con directores da talla de Luis Buñuel, Carlos Saura ou Jaime Chávarri e logrou o salto internacional con Orson Welles, Vicente Minnelli ou Ridley Scott, entre outros. Xustamente serán os cineastas que traballaron con el, Manuel Gutiérrez Aragón e Jaime Chávarri os que entregarán o galardón ao seu fillo, Fernando Casado. . Amplía a nova>>

25/09/2024
O Festival de Cans crea unha 'asemblea de nenos'

O Festival de Cans constituiu unha nova ferramenta de participación da comunidade: a Asemblea de Nenos. A el concorreron unha vintena de nenos da aldea con idades entre os 8 e 16 anos, co obxectivo de dar a súa opinión ao redor da programación do festival. A asemblea pediu unha sección de cine de animación específica para nenos, máis contidos fantásticos, así como máis actuacións musicais e cursos de formación audiovisual. Pero os nenos en cans tamén traballan como "guías dos camiños" e vanse integrando na estrutura da organización. "Agora mesmo hai sobre 15 rapaces que naceron co festival e que, desde que cumpriron 18 anos, son contratados para asumir diversas funcións como control de acceso ás salas, produción, rexiduría de espazos ou coordinación de diversas actividades", sinalan desde o Festival. . Amplía a nova>>

23/09/2024
A 29 edición do OUFF continúa a súa aposta polo cinema galego

Ourense acolle, entre o 27 de setembro e o 6 de outubro, a proxección dun total 60 filmes no marco da vixésima novena xeira do Ourense Film Festival (OUFF). As diferentes seccións do evento reúnen producións de 19 países a concurso na sección oficial. A selección realizouse sobre un total de 350 propostas a concurso chegadas de 54 países a esta cita que organiza a Fundación Carlos Velo co patrocinio da Deputación de Ourense e o apoio da Xunta de Galicia.. Amplía a nova>>

23/09/2024
O festival MARÉ reúne en Santiago unha confluencia de diversidades musicais e culturais

A capital galega acollerá esta semana unha nova edición do festival MARÉ, de músicas atlánticas. Entre os días 25 e 29 de setembro a quinta edición deste encontro reunirá trinta proxectos musicais procedentes de varias latitudes. Voces orixinarias de Alemaña, Angola, Brasil, Estonia, México, Mozambique, Palestina Portugal, Cataluña, Valencia ou Galicia brindaranlle ao público de MARÉ un calidoscopio multicultural que fará de Santiago de Compostela o epicentro atlántico para a confluencia artística. A sección profesional do festival está conformado por encontros sectoriais, showcases, palestras e pitchings, entre outras iniciativas dentro da iniciativa MATE Europa. Albert Pla and The Surprise Band, Ana Lua Caiano, Sumrrá & Niño de Elche, SÉS, Puuluup, Shantel ou Francisco, El hombre forman parte do cartel.. Amplía a nova>>

23/09/2024
O VIº Ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' conmemorara a Revolución dos Caraveis

O ciclo 'Mulleres, Patrimonios, Sociedade' pretende abordar a través dos diferentes formatos audiovisuais como as mulleres non son recoñecidas ou mesmo foron invisibilizadas nos procesos de creación e de recreación do patrimonio cultural; ao tempo que valorizar ben o papel que xogaron nestes procesos. A sexta edición terá lugar no teatro municipal de Tui entre os días 26 ao 28 de setembro . Desta volta o ciclo prestará especial atención á memoria histórica, as revolucións e os procesos de transición conmemorando o 50 aniversario da Revolução dos Cravos en Portugal, de feito contará coa presenza do Coronel Mário Tomé, un dos capitáns do 25 de abril. . Amplía a nova>>

20/09/2024
O XXI Curtocircuíto achega o mar a Santiago

O vindeiro 1 de outubro terá lugar a inauguración da vixésima primeira edición do Festival Internacional de Cine CURTOCIRCUÍTO de Santiago de Compostela. Ata o día 6 a capital galega acollerá unha programación audiovisual con 41 películas de pequeno formato procedentes de 18 países ademais de espectáculos audiovisuais e dunha programación interdisciplinaria de sesións especiais divulgativas con proxeccións e encontros entre destacadas profesionais e artistas que se aproximan, desde diferentes perspectivas, á temática editorial que atravesa este ano o festival: o mar e as profundidades oceánicas. Unha viaxe inmersiva que irá desde o cine, a arte sonora ou as artes visuais ata a ciencia e o pensamento. Diferentes propostas afondarán en conceptos como a profundidade, a auga, a escuridade ou o silencio. Perspectivas que van desde a bioloxía ou a ecoloxía ata o pensamento abstracto ou a poesía, levarannos desde o litoral á alta mar. A noite de inauguración acollerá un live cinema ideado expresamente para este acto. A formación efémera Submarina de Improvisación musicará en directo o filme mudo 'Vinte mil leguas de viaxe submarina' (Stuart Paton, 1916) baseado na obra homónima de Jules Verne, que contou co primeiro sistema de fotografía e filmación subacuática. . Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org