Noticias
Iván Ferreiro e Carlos Jean optan a levar cadanseu Grammy latino
Xénero: | 30 / 8 / 2007
A lista de candidatos aos premios Grammy Latinos conta un ano máis con nomes galegos. Desta volta o vigués Iván Ferreiro pode facerse co premio ao mellor álbum de rock vocal polo seu traballo “Las siete y media”. Pola súa banda, o ferrolán Carlos Jean ten a posibilidade de levar o galardón ao mellor produtor.
Máis información en Galicia Hoxe; lista de candidatos en Terra; máis información nos nosos arquivos
O Festival de Ópera da Coruña chega á súa 55 edición
Xénero: | 23 / 8 / 2007
O tenor Giuseppe Sabatini dará comezo este domingo á 55 edición do Festival de Ópera da Coruña. Canda a el, esta cita musical achegará aos escenarios herculinos representacións de “La Boheme” de Puccini, “Don Pasquale” de Donizetti, “A historia do soldado” de Stravinski, galas líricas e conferencias.
Máis información en Galicia Hoxe; o programa do evento no web de Amigos da Ópera; máis sobre o festival nos nosos arquivos
O grupo Sacha na horta gaña o certame A Polo Ghit co tema “Biocultivos”
Xénero: | 20 / 8 / 2007
Logo de moito escoitar e votar, esta fin de semana fíxose público por fin o nome do grupo gañador da edición 2007 do certame A polo Ghit, que organizan a Radio Galega e Vieiros. “Biocultivos”, de Sacha na horta, foi a gañadora, seguida de “O Son do Son”, de Mordecáns e “Pinguinha”, de Amacuca.
Máis información en Vieiros
O gaiteiro Pablo Devigo fíxose co premio da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes
Xénero: | 20 / 8 / 2007
Soutelo de Montes acolleu este sábado o IX Concurso de Música Tradicional Avelino Cachafeiro, considerado un dos máis prestixiosos do país. Pablo Devigo, de 17 anos e veciño de Castro Caldelas resultou gañador do certame. Canda a el, Óscar Ibáñez e o recente gañador do trofeo MacCrimmon, Edelmiro Fernández, ocuparon cadanseu posto no podio.
Máis información en La Voz de Galicia, e máis sobre o MacCrimmon nos nosos arquivos
A produtora Acontrabutaca estreará na Estrada a versión galega do musical “Robin Hood”
Xénero: | 17 / 8 / 2007
O vindeiro 13 de outubro, A Estrada acollerá a estrea do musical “Robin Hood” en versión galega. Xosé Lueiro, promotor e director da iniciativa, anunciou que a súa produtora Acontrabutaca, adquiriu os dereitos para verter a obra ao noso idioma e que ten a intención de desenvolver unha xira por todo o país a partir do Nadal.
Máis información en Galicia Hoxe
Ouvirmos documenta a primeira gaiteira galega nos anos vinte
Xénero: | 17 / 8 / 2007
Foi a estudar o pasado de Celanova para crear un itinerario histórico-musical que os investigadores da discográfica Ouvirmos deron coa pista da primeira gaiteira galega que se coñece. Áurea Rodríguez, directora do grupo As Marabillas de Cartelle conseguiu un grande recoñecemento durante a segunda década do século XX e visitou Madrid e Arxentina.
Máis información en La Voz de Galicia, no web de Ouvirmos e no noso tema sobre os Itinerarios
A soprano Laura Alonso presenta en Vilagarcía o seu terceiro disco en galego
Xénero: | 14 / 8 / 2007
Lua descolorida é o terceiro disco en galego da soprano Laura Alonso. Un concerto esta noite en Vilagarcía servirá para presentar esta obra, que inclúe obras do compositor Antón García Abril coma Canciones Xacobeas ou Cuatro Canciones Gallegas.
Máis información en El Correo Gallego e na nosa axenda de concertos
Brath, Cristina Pato ou GalegoZ son algúns dos grupos que reciben axudas á difusión do IGAEM
Xénero: | 14 / 8 / 2007
Os últimos traballos discográficos de sete grupos galegos van recibir axudas de entre 7.500 e 11.500 euros polas axudas o IGAEM á difusión. Máis concretamente, os elixidos foron Brath, Cristina Pato, Emilio Rúa, GalegoZ, Faltriqueira, Nordestin@s e Sete Saias, que poderán investir estes cartos en promocionar e publicitar os seus traballos.
Máis información no web do IGAEM
O galego Edelmiro Fernández Parada vence na XXII edición do Trofeo Mac Grimmon de gaita, en Lorient
Xénero: | 7 / 8 / 2007 + VIDEO
Considerado o galardón de gaita máis prestixioso no mundo, o Trofeo Mac Grimmon chegaba este ano á súa XXII no marco do celebérrimo festival Intercéltico de Lorient, en Bretaña. E foi un galego, Edelmiro González, o que se fixo co premio por terceira vez, o que o converte o músico que máis veces o levou. Canda a el, outro galego, Alberto Coya, quedou no terceiro posto. Estes premios sitúan os dous intérpretes entre os mellores do mundo no seu instrumento.
Máis información en Galicia Hoxe e en Vieiros
O curso internacional Música en Compostela celebra os seus cincuenta anos con múltiples actividades
Xénero: | 6 / 8 / 2007
Estar en plena forma aos cincuenta anos é algo que non consigue todo o mundo. Se para máis, quen ten esa idade é un curso dedicado á música clásica no noso país, a cousa é de recoñecer. Pois aí está Música en Compostela. A capital galega acollía onte o comezo da quincuaxésima edición deste evento, que reúne como sempre un bo feixe de alumnos das máis diversas nacionalidades.


