Noticias
Budiño reúne influencias e colaboracións diversas nun disco con ambición universal
Xénero: | 26 / 11 / 2007 + IMAXES + AUDIO + VIDEO
Por segunda semana consecutiva a discográfica coruñesa Falcatruada pon nas tendas un disco de importancia asegurada no panorama musical. O cuarto disco do gaiteiro Xosé Manuel Budiño, “Home” (Falcatruada, 2007), sae o día 27 de novembro xusto cando se cumpren dez anos da publicación do seu primeiro traballo “Paralaia” (Resistencia, 1997) e é o menos solitario dos seus traballos xa que está cheo de colaboracións de amigos como Xoel López, Deluxe, quen lle presta a voz en Ollos de Sal, Mercedes Peón, Kepa Junkera, Jorge Pardo, Paco Charlín e Antón Reixa entre outros. Nos seus dez temas “Home” preséntase como unha proposta de “World music” nacida pola influencia das múltiples viaxes e desde a música tradicional galega. O disco foi gravado nos Estudios Ardora polo propio Budiño e mesturado en casa de Tolos por Segundo Grandío e Budiño. O gaiteiro abrirá a súa xira de presentación o vindeiro 19 de xaneiro no festival Celtic Connections de Glasgow e tamén estar o vindeiro 8 de decembro na Habana para participar nos acto conmemorativos do centenario do himno galego.
A sala ferrolá DZine volve á actividade musical xestionada como asociación cultural
Xénero: | 22 / 11 / 2007
A música en directo seguirá a ser una das principais ofertas da nova etapa da sala de Ferrolterra tras estes cinco meses pechada desde que os seus anteriores propietarios decidirán deixar a actividade. Agora as portas ábrense de novo en San Sadurniño para acoller todas actividades programadas pola nova asociación cultural DZ, comezando mañá mesmo por un concerto da banda vasca de ska Betagarri. A intención da Asociación Cultural DZ, segundo o seu impulsor Iván Pedrales, é continuar o camiño iniciado na anterior etapa da sala e ademais introducirse noutros eidos culturais como o teatro, cine, exposicións, etc., aínda que a música sempre será o referente central. Os horarios e prezos das actuacións seguirán sendo os habituais da sala.
Máis información na edición impresa de Diario de Ferrol
A Sinfónica de Galicia crea un programa para achegar a música clásica a todos os públicos
Xénero: | 21 / 11 / 2007
Un dos retos para este ano da Orquestra Sinfónica de Galicia pasaba por tentar achegarse a todos os públicos. E esa declaración de intencións acaba de converterse nunha realidade a través de “Festiclass”. Trátase dun segundo abono para cinco concertos a baixo prezo (entre catro e doce euros) que tentará facer un achegamento cronolóxico pola creación sinfónica de Beethoven ofrecendo a integral das sinfonías con outras obras como o seu concerto para violín ou a obertura Coriolano.
Máis información no web da Orquestra Sinfónica de Galicia
NAO presenta o seu primeiro disco “As palabras espidas”
Xénero: | 21 / 11 / 2007 + IMAXES
Con dúas maquetas ben acollidas tras de si e unha presenza importante en concertos e festivais o quinteto formado na Estrada presenta agora o seu primeiro traballo discográfico “As palabras espidas” (Kamikaze Música). O disco ofrece 11 novos temas creados desde referencias rock, hardcore, metal e punk, poñendo moita importancia nas letras, en galego, que tratan de poesía, amor e revolta social. NAO gravaron este traballo durante o mes de agosto nos estudios Gárate de Andoain (Guipuzkoa) baixo a produción de Kaki Arkarazu e o disco foi masterizado nos estudios Masterispont en Madrid. Cun amplo percorrido por outras bandas como Xenreira, MDR ou A Matraca Perversa os cinco integrantes do grupo gravaron anteriormente dúas maquetas “Usa a palabra” e “Somos”, esta última foi seleccionada en febreiro de 2007 como maqueta do mes pola revista Rockzone cunha crítica moi favorable.
Maís información en Komunikando
Lalín oferta 62.000 euros para manter o Conservatorio Folque en 2008
Xénero: | 19 / 11 / 2007
Os orzamentos do Padroado de Cultura de Lalín prevén un orzamento para o Conservatorio de Música Tradicional e Folque de 62.000 euros. A partida, moi por baixo dos 150.000 euros anuais que, segundo o Padroado, reclama a actual dirección, é aproximadamente a mesma que nos últimos anos. Ao tempo, o organismo municipal denunciou a escasa presenza de alumnos de Lalín no centro e adiantou a posibilidade de orientar este conservatorio nun sentido máis local. Ao tempo, o voceiro do Padroado, Saturno Valdés, apuntou que é posible a actual directiva xa teña acordado desenvolver o seu traballo noutro concello.
Máis información en La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra (en pdf), en El Correo Gallego, e nos nosos arquivos
Narf reúne no seu segundo disco a experiencia de vinte anos coa guitarra nas costas
Xénero: | 19 / 11 / 2007 + AUDIO + VIDEO + IMAXES
O novo disco do compostelán Fran Pérez representa o camiño de volta á casa dun músico cargado de influencias e experiencias atesouradas durante as súas viaxes. Co seu segundo traballo, TOTEM (Falcatruada) o palindromático Narf ofrece melodías pop que lle dan forma a sons de todo o mundo a través dos trece temas deste disco editado en formato Digipack. Árabe, flamenco, brasileiro, africano e moitas máis influencias recoñecidas neste TOTEM que marca vinte anos de andaina musical de Fran e que desde o 20 de novembro xa está dispoñible nas tendas, ademais de na rede como xa é habitual nos produtos da discográfica Falcatruada. Neste mesmo ano Narf estivo a presentar en Inglaterra as súas novas cancións, algunhas delas con letras de Xelís de Toro, Pepe Sendón e poemas doutros autores. Compositor da música de moitos espectáculos teatrais galegos e portugueses, Fran Pérez leva unha longa andaina artística como colaborador do grupo de Chévere e integrante da banda Psicofónica de Conxo, a composición e dirección musical do CD “O labirinto dos soños” e a súa participación no espectáculo “Cantos na maré”, o seu anterior disco “NARF, fran pérez directo en compostela” editouse no ano 2003.
Máis información en Falcatruada
A Orquestra Sinfónica de Melide estrea o musical “Gallaecia”
Xénero: | 15 / 11 / 2007
O Teatro Colón na Coruña, o Jofre de Ferrol e o Auditorio de Galicia en Compostela acollerán nos primeiros meses de 2008 a estrea do musical “Gallaecia” que pon en escena a Orquestra Sinfónica de Melide. Esta produción reúne nun mesmo escenario 100 artistas dedicados á música e á danza que achegarán mostras de música sinfónica, folk, popular e melódica nun mesmo espectáculo.
Máis información en La Opinión; no Diario de Ferrol, no web da Deputación da Coruña, en Galicia Hoxe; e en La Voz de Galicia; outros musicais galegos: Robin Hood e Imperial Café Cantante; máis nos nosos arquivos sobre a orquestra
O quinteto Xúa presenta o seu primeiro disco editado por Galiza Sons
Xénero: | 14 / 11 / 2007
Xúa son un quinteto novo no panorama discográfico pero os seus compoñentes son músicos de moita experiencia. Hoxe presentaron no Club Internacional de Prensa o seu primeiro disco, de nome homónimo do grupo, editado por Sons Galiza. O grupo está formado Vadim Yukhnévich (acordeón e voz), Nuria de León (voz, arpa e frautas) Ramón Feáns (bouzouki, guitarras), Pablo Pérez (baixo e contrabaixo) e Xacobe Gallego (batería). Moitos deles teñen tocado con grupos como Brath, Fía na Roca, Anubía ou Driade. A banda basea a súa filosofía sonora na nosa tradición folk sen renunciar á incorporación de sons doutras culturas ou doutros xéneros como o jazz ou o funk. O grupo dá moita importancia á voz nos seus temas e algunhas letras están inspiradas en textos de Celso Emilio Ferreiro, Lorca e Eduardo Galeano. A banda tamén trata outra das características históricas dos músicos en Galicia: a lingua do barallete. O propio nome do grupo é unha palabra do barallete, posto que significa “lume”.
Máis información en Sons Galiza
Telémaco viaxan ao centro da terra no seu segundo disco
Xénero: | 14 / 11 / 2007 + VIDEO + IMAXES
O dúo formado por Álvaro Pardo e Miguel Rulos, baixo os seus nomes artísticos Dr.Think e Mike Rolling, presentan este venres o seu segundo traballo, "Terra" (Con un par Recordings) na Sala Babel de Lugo. Co seu primeiro traballo "Outótono" (Falcatruada, 2005) percorreron gran parte de América latina e toda España. Agora co seu novo disco auto producido queren transmitir unha mensaxe telúrica de comunicación co planeta chea de sons e ambientes de "hip-jazz", "ambient" e "groove". Telémaco ofrécennos unha sesión construída a modo de viaxe ao centro da terra e articulada en tres partes: codia, manto e núcleo seguindo a senda aberta por Xulio Verne.
Celébrase en Compostela o I Certame Galego de Bandas de Música
Xénero: | 14 / 11 / 2007
O I Certame Galego de Bandas de Música, que se celebrará en Compostela entre o 23 e o 25 deste mes, concentrará dezasete formacións deste tipo. Ao tempo, a Consellaría de Cultura, que organiza o certame, anunciou onte o investimento de 250.000 euros en actividades de formación e de apoio a estes grupos. Destes, 80.000 euros servirán para organizar cincuenta encontros de música popular e outros 50.000 irán a promover a participación de bandas galegas en encontros no exterior.
Máis información en La Voz de Galicia


