Ir ao contido directamente.


Noticias

Mandeo Records ofrece o seu estudo de balde aos artistas betanceiros

Xénero: Miscelánea | 2 / 6 / 2008

imaxe non dispoñible

O estudos de gravación Mandeo Records, de Betanzos poñen a andar un proxecto polo cal se ofrecen a gravar de balde e editar un disco recompilatorio con todos os grupos e solistas da súa cidade, que despois se distribuirá nas tendas, Fnac e El Corte Inglés. Mandeo Records incorporará a todos os artistas ao seu catálogo intentando así apoiar e dar saída a grupos e solistas da vila que aínda non dispuxeron desta oportunidade de fixar o seu traballo nunha gravación profesional. O prazo para apuntarse remata o vindeiro 15 de xullo e os interesados deben mandar un correo electrónico a Mandeo Records.

Para cantar e bailar amosa os xogos e bailes tradicionais para os máis pequenos

Xénero: Folk | 30 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Dentro das variadas formas da nosa música popular, non debe estrañarnos que existisen unha ampla variedade de xogos sonoros destinados aos máis pequenos. No entanto, eran ata o de agora poucos coñecidos. En Para cantar e bailar Luís Prego e Edicións do Cumio recuperan unha parte fundamental da nosa tradición que pode axudar que nenos e nenas se achegan ao mundo da danza tradicional.

Mercedes Peón, Manuel Lourenzo e o Laboratorio de Formas completan os Premios Nacionais de Cultura

Xénero: Folk | 30 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

A Consellaría de Cultura acaba de facilitar os nomes dos gañadores das tres categorías que faltaban dos Premios Nacionais de Cultura. Mercedes Peón fíxose co de música, Manuel Lourenzo co de artes escénicas e o Laboratorio de Formas co de iniciativa cultural. Con estes sábense os nomes dos dez galardoados duns premios que se entregarán o sábado 14 de xuño no transcurso dunha gala.

Magín Blanco e Burgas Beat encáixanse nun proxecto común

Xénero: Pop | 30 / 5 / 2008 + VIDEO + AUDIO

not_12269.jpg

Ourense acolle hoxe e mañá dous concertos para presentar o disco co que dúas traxectorias musicais veteranas da provincia conflúen e encaixan nun deses “raros momentos de gracia” que menciona a canción que dá nome ao álbum. “Clic” (PAI Música) é o disco conxunto de Magín Blanco e a banda Burgas Beat, dous proxectos musicais de longo percorrido que malia terse cruzado en moitas ocasións nunca traballaran conxuntamente. O disco foi gravado nos estudios Casa de Tolos e contén 11 cancións, 5 compostas por Magín Blanco, outras 5 compostas por Burgas Beat, máis unha versión en galego de "Anduriña", o clásico de Juan & Junior. A outra canción en galego do disco, “Canto de serea”, é a proposta presentada no concurso A Polo Ghit! de Vieiros e a Radio galega. Hoxe a Sala Auriense hacollerá o concerto acústico dos temas do disco. Maña presentaranse na Sala Rock Club, pero en formato "eléctrico". Quen merque a entrada para velos hoxe, poderá asistir de balde ao concerto do día seguinte e ademais levará un exemplar do disco.

O ciclo 2000+8 ofrece en Vigo diversas de experiencias musicais de novos valores

Xénero: Miscelánea | 28 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

O museo Verbum- Casa das Palabras e o auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música de Vigo acollerán os concertos da oitava edición do Ciclo Xeración 2000+8 "Catro estacións: o que o tempo di, o que o tempo ve". O primeiro concerto correrá a cargo de Ana Pérez Ventura, o domingo 1 de xuño no Conservatorio, no mesmo lugar actuará o Cuarteto 3 Continentes, o sábado, 31 de maio, ás 20.30 horas. O terceiro concerto do ciclo será o de Eliseu Mera e Cándido Cabaleiro, que terá lugar o mércores 4 de xuño, ás 21 horas no museo Verbum. O xoves, 5 de xuño, tamén ás 21 horas no Verbum terá lugar a estrea do Taller Instrumental As Novas Miradas, a cargo do Ensemble de Saxos do Conservatorio Superior de Vigo. O mércores 11 de xuño, no Auditorio Martín Codax do Conservatorio ás 20.30 horas actuará o Techné Ensemble. Finalmente, o dúo Syrinx, integrado por Carmen Ferreiro e Ricardo Blanco, pechará o ciclo o venres 13 de xuño ás 20.30 horas no Conservatorio.

Improvisación e influencias diversas no primeiro disco do dúo 2uS

Xénero: Jazz/Blues | 27 / 5 / 2008 + IMAXES + VIDEO

not_12240.jpg

Fernando Abreu e Pablo Carrera son os instrumentistas que conforman a base de 2uS e que hoxe sacan á rúa o seu primeiro disco “Só Son Sons” editado por Falcatruada. Música instrumental con amplas influenzas do jazz, funk, da música contemporánea, do world music son algúns do sons que sobre a base do clarinete e a guitarra ofrece este dúo, que para a gravación dos trece temas do disco contaron tamén coa colaboración de outros músico como Pablo Novoa, Paco Dicenta, Leandro Deltell, Xesús Valle ou Nacho Muñoz. 2uS propón unha fórmula musical moi achegada ao concepto actual de jazz europeo: improvisación e influenzas dun amplo espectro de estilos musicais compartidos. Abreu (clarinete) é membro do Cuarteto Caramuxo, recentes gañadores do Festival Folk Cancioneiros da Fundación Barrié, mentres que o guitarrista Pablo Carrera tamén forma parte do grupo Dr. Harapos.

A terceira edición de “Vai de camiño” inclúe as cidades no seu itinerario

Xénero: Miscelánea | 26 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

Naceu para promover os artistas galegos nos diferentes trazados do Camiño de Santiago. “Vai de Camiño” segue con esa mesma filosofía tres anos despois, pero agora incorpora as cidades dentro da súa ruta de espectáculos. Un total de 115 actuacións noutros tantos concellos, conforman un programa que se desenvolve do 30 de maio ao 30 de setembro. A Consellaría de Innovación destina 1.8 millóns de euros a un proxecto no que participan Berrogüeto, Mercedes Peón, Los Suaves, Siniestro Total, Deluxe, o Mago Antón ou The Ellas, entre moitos outros.

Tres concertos, unha publicación e un CD duplo recuperan a Enrique Macías

Xénero: Miscelánea | 23 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

O Salón Teatro de Santiago acolle esta noite (20:30 horas) o segundo dos tres concertos programados pola Consellaría de Cultura para conmemorar o cincuenta aniversario de Enrique Macías. Pero o departamento que dirixe Ánxela Bugallo acaba de dar a coñecer novos proxectos co que recuperar o leigado deste compositor vigués. Dunha banda está un CD duplo que recolle sete pezas do autor galego, gravadas por distintas formacións. O proxecto foi posible grazas á colaboración de Miso Music Portugal, depositaria da obra do compositor. Ademais, tamén se realizará a dixitalización das súas partituras, que estarán dispoñibles en Internet.

Lamatumbá presenta cun concerto na rúa o seu último disco

Xénero: Fusión | 22 / 5 / 2008 + VIDEO

imaxe non dispoñible

A praza de Cervantes de Compostela acollía esta mañá unha curiosa actuación. Lamatumbá ofrecía un concerto improvisado no medio da rúa como xeito de presentar o seu último traballo "Paraugas Universal". Zancudos e animación de rúa completaban un espectáculo que chamou amplamente a atención de peregrinos e viandantes. Os que non puidesen asistir ao evento, teñen a oportunidade de ver o directo deste grupo na sala Capitol de Santiago esta mesma noite. Ou de ollar o video que preparamos para a ocasión.

“Cossí fan tutte” abre hoxe un Festival Mozart que recupera os aspectos escénicos

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 5 / 2008

imaxe non dispoñible

A ópera abre esta noite o seu telón na Coruña. Comeza o festival Mozart que este ano estrea novo director. Paolo Pinamonti incorpórase ao certame para imprimirlle unha maior importania á dirección de escena. Un resultado visible desde o primeiro día, xa que esta noite estreáse con “Cosí fan tutte”, e mañá con “O rapto no serrallo”. Estas producións xunto con “As bodas de fígaro” son os pratos fortes desta edición. Ademais dos concertos, haberá conferencias e proxeccións para unha das citas máis esperadas da temporada operística.

<< Inicio / Anterior . 3031 a 3040 de 3582 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR