Ir ao contido directamente.


Noticias

Falece o músico Emilio Cao

Xénero: Folk | 26 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Un novo golpe para a escena musical galega ven de chegar este luns co anuncio do falecemento de Emilio Cao (Santiago de Compostela, 1953). O artista, unha figura esencial para entender a música en Galicia desde a transición, falecía onte na súa cidade, Santiago de Compostela aos 72 anos de idade deixando tras de si unha traxectoria profesional impecable e pola que, xustamente fai un ano, recibía un galardón honorífico por parte da profesión musical do país nos Premios Martín Códax da Música Galega. Naquel momento o premio foi recollido na gala polo seu fillo. No ano 2008 viu tamén galardoada a súa traxectoria co Premio Opinión a unha Andaina Senlleira na primeira edición desta modalidade dos galardóns da música folk Premio Opinión. Os seus restos mortais están no tanatorio do Hospital Clínico Universitario de Santiago. Será incinerado o martes na intimidade familiar, segundo comunica o xornal La Voz de Galicia.

O ferrolán Nüca publica o seu primeiro LP 'Slow Missiles'

Xénero: Electrónica | 23 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Ferror Records publica hoxe un novo traballo de longa duración que reforza a identificación deste selo coas vangardas electrónicas galegas actuais, trátase de 'Slow missiles' de Nüca, nome artístico do ferrolán Pablo Saénz Carballeira. O músico, con inquietudes próximas ao IDM, ambient, deep-house e á música experimental presenta este primeiro LP da súa traxectoria tras os EP’s 'Gnosis' (Prinzedom Records / Ataque!, 2020), 'Niké' (Ferror Records, 2020), 'WRB Split' (Ferror Records, 2021) con Legítimo Polvo, e 'Y Das4' (Prinzedom, 2021). Catro anos despois chega agora este disco no que o artista redeseñou o seu proxecto para dar forma a este traballo de sete temas contundentes que xa pode escoitarse nas plataformas dixitais. E o vindeiro xuño sairá en formato vinilo nunha tiraxe para coleccionistas

O Consello da Cultura celebra un encontro na Fonsagrada sobre o baile tradicional galego

Xénero: Folk | 23 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Pasado o Día das Letras dedicado ás cantareiras, continúa a actividade arredor do patrimonio da música e do baile tradicionais. Este mesmo 23 de maio o Consello da Cultura Galega celebra na Fonsagrada o encontro Comunidades e o patrimonio cultural inmaterial. A música, o canto e o baile, centrada no proceso en marcha, por segunda vez, de declaración deste legado como Ben de Interese Cultural.

O panorama musical diversifícase

Xénero: Miscelánea | 22 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Con cifras de participación en aumento, as candidaturas dos XII Premios Martín Códax da Música revelan un panorama sonoro galego no que medra a diversidade. Tradicional, jazz e blues, orquestras de verbena, electrónica e músicas urbanas debilitan o peso dos xéneros ata o momento maioritarios.

A Estrada organiza un festival de pop-rock para os cativos

Xénero: Infantil | 22 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

O Concello de A Estrada ven de presentar unha nova iniciativa no eido dos festivais enfocada no público máis novo. O Festival dos Arreiriños, a celebrar nunha única xornada o vindeiro 1 de xuño, preséntase coma o primeiro festival infantil de Pop-Rock de Galicia. O cartel reunirá tres das ofertas actuais da escena galega pensadas para o público máis novo ou familiar, ademais de ofrecer actividades complementarias. Pakolas, a banda de Uxía Lambona e os vigueses Broken Peach conforman a oferta musical neste caso.

A Banda Filharmónica de Vigo inicia a súa primeira temporada de concertos

Xénero: Clásica/Lírica | 22 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

O Auditorio do Centro Cultural de San Miguel, na Cidade Olívica, acolle este 31 de maio a estrea da primeira temporada de concertos da Banda Filharmónica de Vigo (BFV). Co título Bailando ao vento o recital ofertará pezas de Bernstein, Valencia e Arbó, de quen se amosará unha selección de ballets. A sesión terá como director convidado a José Rafael Pascual-Vilaplana, que ocupa este posto na da Banda Municipal de Barcelona e da Banda Municipal de Bilbao.

Rianxo acollerá o IX No bico un cantar

Xénero: Coral | 21 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

A Praza Rafael Dieste de Rianxo acollerá ás 18 horas do vindeiro 6 de xuño a novena xeira de No bico un cantar. O concerto que organiza anualmente o Consello da Cultura Galega reunirá nesta xeira 500 nenas e nenos dos conservatorios e centros de ensino musical de toda Galicia, a quen se sumará alumnado do Instituto Arxentino Galego Santiago Apostol de Bos Aires.

The Killer Barbies celebran seu trinta aniversario cun novo álbum

Xénero: Rock | 16 / 5 / 2025

killerbarbies_pop.jpg

Tras trinta anos en activo, Silvia Superstar e Billy King seguen a manter a esencia de The Killer Barbies, a banda coa que desde Vigo proxectáronse a todo o mundo. 'El Pop se autodestruirá en 4, 3, 2, 1..." (Subterfuge Records) é nome do seu novo disco, o sexto da súa longa carreira, que xa avanzaron en decembro co tema ' Quiero tu corazón y nada más', peosteriormente presentaron a que é unha versión propia dun coñecido tema de The Clash como 'Si me quieres o si no'. Guitarras potentes, teclados e a proposta dun son actualizado sen deixar de ser a banda de rock que sempre foron é a oferta deste novo traballo de dez temas que xa está dispoñible en plataformas dixitais. O vindeiro 20 de maio farán a presentación en directo na Sala El Sol de Madrid.

Novas publicacións celebran as cantareiras polo Día das Letras

Xénero: Folk | 16 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Á beira do 17 de maio, novas publicacións se suman ás homenaxes que reciben as cantareiras polo Día das Letras. Tres libros e unha campaña de difusión afondan no recoñecemento ás mulleres que transmitiron a nosa tradición oral.

O Álbum de Galicia incorpora a biografía de Narf

Xénero: Rock | 14 / 5 / 2025

imaxe non dispoñible

Fran Pérez Narf, é a nova entrada do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura que repasa biografías de persoeiros destacados do país incorpora a historia deste músico, autor dunha trintena de bandas sonoras para proxectos teatrais e recoñecido unanimemente como un dos creadores máis destacados neste campo nas últimas décadas.

<< Inicio / Anterior . 31 a 40 de 3538 . Seguinte \ Fin >>

BUSCADOR