Ti estás aquí > Inicio / Xéneros / Folk
Música Folk
A agrupación Cántigas e Frores é galardoada co XIII Premio Opinión Andaina Senlleira
Xénero:
| 13 / 7 / 2020O XIII Premio Opinión Andaina Senlleira, que se outorga no marco dos Premios Opinión de Música de Raíz, ten xa nome. A organización dos galardóns acordou recoñecer neste ano a histórica agrupación lucense Cántigas e Frores como "un referente musical" do país. Nada en 1948 a integrar as agrupacións Frores e Silveiras e Cantigas e Aturuxos, a entidade mantén unha escola de música e baile tradicional con preto de 300 persoas inscritas en grupos de gaita, percusión, baile, canto tradicional, acordeón, violín, ou zanfona.
A aposta polo virtual marca o XVI Zona da Zanfona
Xénero:
| 29 / 6 / 2020Efrén López, Sobre Rodas, Os monifates e É Romance compoñen o cartel de concertos da XVI Edición do encontro Zona da Zanfona. Rianxo acolle entre o 3 e o 5 de xuño a nova xeira desta iniciativa que se adapta á situación sanitaria mediante recitais e cursos con reserva e aforo limitado e a aposta polas actividades virtuais.
Luar Na Lubre entra en temática Xacobea co seu novo disco 'Vieiras e vieiros, historias de peregrinos'
Xénero:
| 25 / 6 / 2020Luar Na Lubre publicará este venres, 26 de xuño, o seu 19º traballo discográfico: Vieiras e vieiros, historias de peregrinos. O álbum pon en valor as historias vinculadas ás persoas que percorreron, e hoxe en día seguen a percorrer, o Camiño de Santiago: Os seus peregrinos. O disco, editado por Warner Music e producido por Mirmidón, conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Con este novo traballo a formación pon banda sonora ao Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia a través de 27 temas nos que o grupo intercala as súas creacións con sonoridades propias dos sendeiros e lugares que percorre o itinerario xacobeo, ademais daquelas músicas tradicionais que perviviron ao longo dos tempos no territorio. O factor humano do Camiño de Santiago fía o relato do traballo artístico, que recolle vivencias persoais, feitos históricos, lendas e sonoridades vinculadas, intimamente, os diferentes carreiros da ruta, o antigo Camiño das Estrelas dos celtas. Bieito Romero, fundador do grupo, sinala que os temas deste novo álbum "visualizan historias de peregrinos chegados a Galicia que, desde Luar Na Lubre, recollimos en diferentes momentos e mediante diferentes vías, tamén por medio do relato de peregrinos modernos". O álbum acompáñase dunha recompilación de músicas relacionadas co Camiño de Santiago ao longo da traxectoria artística de Luar Na Lubre. Este segundo disco, no que aparecen cantigas versionadas polo grupo en anteriores traballos, conta con colaboracións de figuras recoñecidas como Pablo Milanés, Diana Navarro, Ismael Serrano, Miro Casabella, Carlos Jean ou mesmo a Orquestra Sinfónica de Bratislava.
Nace Tradi Na Rede, a primeira escola virtual privada de música e baile tradicional
Xénero:
| 29 / 4 / 2020Antonio Prado, Noa Migal e Miguel Vázquez son os mestres que están detrás de Tradi Na rede, a primeira escola virtual privada para achegarse ao mundo da música e baile tradicional. A nova escola ábrese xustamente neste momento no que a aprendizaxe a través de redes está normalizándose pola vía de ser a única opción, e aspira a manterse no tempo, pudendo obter un alcance global. Usando vídeos semanais con material adicional que completará a aprendizaxe dende a casa, así como contidos xerais para toda a escola estes tres mestres ofrecen na plataforma inicialmente cursos de iniciación a tres especialidades: baile, gaita e pandeireta, así como obradoiros que se publicarán nas vindeiras semanas. Os tres atesouran experiencia docente e profesional nos seus campos. Prado e Migal forman parte do grupo Xosé Lois Romero & Aliboria e Miguel Vázquez dirixiu Grupo da Música da A.C. Xacarandaina entre os anos 2009 e 2017. Os tres son docentes habituais das materias que agora van impartir de xeito virtual a través de Tradi Na Rede pero tamén ofrécense para levar a cabo cursos presenciais.
Entre Trastes presenta o seu álbum Umami, gravado ao vivo
Xénero:
| 14 / 4 / 2020Logo dunha exitosa campaña de crowdfunding o cuarteto Entre Trastes lanzou Umami, un álbum ao vivo que recolle a actuación da banda na gala dos Premios Opinión de Música de 2019. A seguir a liña da banda, o disco recolle nove temas de folk acústico interpretado polas cortas de Álvaro Iglesias (Contrabaixo), Xosé Liz (Bouzuki, Mandolina), Daniel Vilar (Guitarra acústica e española) e Hugo Franco (Guitarra acústica). Temas propios que beben da tradición musical galega, acompañada de achegas de bluegrass, música bretoa, irlandesa ou escocesa, entre outras influencias.
Luar na Lubre avanzan dous temas do seu seguinte disco sobre o Camiño de Santiago
Xénero:
| 27 / 3 / 2020Luar Na Lubre estrea hoxe dous temas novos de adianto do seu seguinte traballo discográfico Vieiras e vieiros. Historias de peregrinos. As pezas Benvido e Mártiros e o vákner son os primeiros cortes que se avanzan do 19º disco da banda, un álbum no que Luar Na Lubre explora os escritos, as lendas, as sonoridades e as pegadas que os peregrinos deixaron a través dos múltiples sendeiros que conforman o Camiño de Santiago ao seu paso polo territorio galego. A saída do disco estaba prevista para o vindeiro 17 de abril e foi posposta, aínda sen nova data, ao igual que os primeiros concertos de presentación directo. O primeiro dos temas, Benvido, é un canto de benvida e de presentación aos peregrinos que chegan a Galicia a través do Camiño e conta coa colaboración da voz de Miguel Ríos que rexistra por vez primeira un tema en galego; mentres que o segundo, Mártiros e o vákner, pon o foco sobre a lenda da ruta xacobea que aborda a peregrinación do armenio Mártiros e o seu encontro nos montes de Dumbría cunha besta maligna á que nomeou vákner. O disco conta co apoio da Xunta de Galicia a través do programa O teu Xacobeo. Os temas xa están dispoñibles en plataformas dixitais (iTunes, Deezer, Tidal, Spotify e Amazon).
A Xunta ampliará a proposta de declaración como BIC do baile tradicional
Xénero:
| 16 / 3 / 2020O Diario Oficial de Galicia deste 16 de marzo publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural que deixa sen efecto a incoación para declarar ben de interese cultural o baile tradicional. Cando se fan dous anos do comezo do proceso, esta orde fecha aquela iniciativa, ao tempo que anuncia a posta en marcha dun novo procedemento ampliado co que se pretende declarar como BIC o conxunto do baile e da música tradicional do país. A nova declaración iniciará agora unha fase de análise previa á posta en marcha a súa incoación.
Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre cantan á Galicia rural en desaparición
Xénero:
| 13 / 3 / 2020Desde hoxe xa está dispoñible As Catedrais Silenciadas (Música de Salitre) o novo e terceiro disco xurdido da xuntanza de Xabier Díaz coas cantareiras Adufeiras de Salitre. Dez temas tradicionais arranxados por Díaz e entre os que hai unha panoplia da riqueza e diversidade da música de raíz: alalás, pasodobres, muiñeiras, ribeiranas e agarrados. O título do disco fai referencia á perda do mundo rural como desaparición cultural da identidade galega, un berro de alerta ante o seu progresivo despoboamento e a perda que isto implica. As Catedrais Silenciadas, din, son os vellos soutos milenarios, o idioma, os alalás, os nomes dos cons, as vacas ou as vellas ribeiranas. Os temas volven amosar a excelencia musical dos intérpretes e a súa sensibilidade contemporánea cara o tradicional. Os concertos previstos de presentación en directo deste traballo quedan pendentes de confirmación ante a alerta sanitaria actual pero xa se pode escoitar o traballo nas principais plataformas dixitais.
Xosé Lois Romero e Aliboria continúan a explorar a percusión en Latexo
Xénero:
| 12 / 3 / 2020"Trasladar o bruar da terra, algo que chega dende o corazón, pero que pasa polas vísceras, e se convirte nunha sorte de zunido tribal, de folclore racial, de estalido musical" é o obxectivo co que Xosé Lois Romero e Aliboria presentan Latexo, o seu segundo álbum de estudio. Da man da discográfica Raso chega ás tendas este proxecto con dez novos temas catro anos despois da presentación do grupo co seu disco homónimo.
Germán Díaz e Tanxugueiras aparecen como favoritos nos Premios Opinión de Música de Raíz
Xénero:
| 6 / 3 / 2020O xornal La Opinión publicaba na mañá deste 6 de marzo a listaxe de finalistas para XIX edición dos Premios Opinión de Música de Raíz. Na listaxe destaca a presenza de Germán Díaz, que está presente nas catro categorías dos galardóns. O zanfonista, para alén de optar ao premio ao mellor intérprete, aspira ao de mellor disco polo Trece cancións bonitas que gravou con Benxa Otero, e onde se atopan tanto Es un sombrero, aspirante a mellor tema orixinal, como Alalá de Muxía, candidata á mellor adaptación dunha peza tradicional.
novidades discográficas
Alvela
FAIA
Feira
De Ninghures
Tradimensional
Ailá
Vinde todas
Carmela
BâNZô
Os do Fondo da Barra
REPORTAXE

Aprender das cantigas
Data.Antón Castro aproveita a nosa música tradicional para ensinar solfexo aos seus alumnos