Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski
Fía na roca presenta en Contravento como novidade a incorporación da cantante Sonia Lebedynski
xaneiro 11, 2002
Fía na roca presenta como principal novidade no seu terceiro disco, "Contravento" (Ceyba Music, 2001) a participación da nova cantora galega Sonia Lebedynski, incorporada como sétimo compoñente da formación, que estaba integrada por Xabier Bueno, Carlos Castro, Cris Gándara, Giao Rodríguez, Roberto Santamarina e Xosé Ramón Vázquez. O disco contén doce pezas, sete saídas da tradición popular e as outras cinco composicións propias. Este disco ten no seu haber o galardón ao Mellor disco galego do 2001 por Radio Ecca e Segundo Mellor disco galego do 2001 segundo o xornal La Opinión. Ademais unha produción da televisión xaponesa "Aichi TV" utiliza Contravento como banda sonora da serie baseada na obra do escritor brasileiro Paulo Coelho "O diário de um mago", na cal relata a peregrinación que o seu autor realizou en 1986 ao longo do Camiño de Santiago. Fía na roca intervén tamén nun dos capítulos desta serie interpretando o tema "Baile de Pandeiras" e entrevistándose coa estrela da televisión xaponesa Fumi Dan. Tamén durante a xira de presentación de Contravento, no verán de 2001, coincidiu a formación galega coa banda de Quebec "La Bottine Souriante" no Festival do Mundo Celta de Ortigueira. Das boas relacións que xurdiron entre eles resultou a gravación dun documental dirixido por Rénald Bellemare sobre a xira mundial que celebraba o 25 aniversario do grupo de Canadá. No programa, emitido por Tele-Quebec en xaneiro do 2002, Sonia Lebedynski interpreta a dúo un tema co cantante solista da "Bottine" Yves Lambert.
Tamén che pode interesar:
- 17/ 9/ 2019 | Músicas ao Vivo elixiu a Xiana Lastra como nova presidenta
- 29/ 4/ 2016 | Sonia Lebedynski debuta en solitario con Deserto de centos
- 1/ 6/ 2007 | Fía na roca presenta o seu quinto disco co que inicia xira en Alemaña
- 14/ 12/ 2000 | Brath e Fía na Roca presentan en Lugo e Santiago e os seus novos traballos