Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / Zona da Zanfona celebra a súa vixésima edición en Arzúa

O FESTIVAL DESENVóLVESE ENTRE OS DíAS 15 E 17 DE NOVEMBRO

Zona da Zanfona celebra a súa vixésima edición en Arzúa

FOLK | novembro 14, 2024

imaxe non dispoñible

Logo de desaparecer da axenda de Rianxo no último verán, o encontro Zona da Zanfona trasládase a Arzúa para celebrar a súa vixésima edición. O festival dedicado ao instrumento de corda continúa a súa andaina organizado por aCentral Folque co apoio do Concello e o patrocinio da Deputación da Coruña.

A nivel internacional o programa desta xeira conta como convidados con Valentin Clastier, que revolucionou a técnica deste instrumento. Canda a el participará do encontro Tobie Miller, especialista no uso da zanfona durante o barroco francés. Máis preto de nós, o festival conta con dous pioneiros como foron Xosé Luís Rivas Mini e Carlos Beceiro, multiinstrumentista do grupo castelán La Musgaña. O grupo Ailá achegará tamén as súas músicas ao evento, logo de incorporar o instrumento aos seus sons da man de Manu Fraguela.

Como é habitual, o Zona da Zanfona acolle o encontro das escolas que traballan este instrumento no noso país e no norte de Portugal, co oitavo Palco Aberto ZdZ no que se reunirán un cento de intérpretes . Dentro das actividades divulgativas, presentarase o Atlas de Zanfona realizado por Ariel Ninas e Antón Santamarina, publicado en 2024 e que está dispoñible en rede.

Ademais, Ramon Pinheiro Almuinha impartirá a conferencia A zanfona en Arzúa. Notas históricas, e proxectarase o documental Na procura do son perdido, realizado por aCentral Folque para o Consello da Cultura Galega. Canda aos cursos que impartirán os convidados internacionais, Óscar Fernández realizará unha actividade formativa de iniciación ao instrumento.