Eduardo Soutullo gaña o XV Premio Gaos de composición
febreiro 16, 2024
O compositor Eduardo Soutullo é o gañador do XV Premio Andrés Gaos de composición musical da Deputación coa súa obra Avnios. Así se anunciou onte á noite no Museo Domus, tralo concerto de Arxis Esemble e o encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participaron José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia (OSG). Un xurado composto pola catedrática de música e investigadora, Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij; presidido pola deputada de cultura, Natividade González e coa xefa da área, Mercedes Fernández Albalat como secretaria, escolleu como gañadora a obra de Eduardo Soutullo entre as 9 presentadas ao concurso de composición musical convocado pola Deputación. O gañador recibirá como premio 6.500€ ademais da posibilidade, por parte da entidade provincial, da produción e estrea da obra.
Avnios foi a obra gañadora das tres finalistas, entre as que tamén se atopaban Lines e SYZYGY. O xurado destacou a súa consistencia na orquestración e o despregue de recursos tímbricos. "A obra amosa un gran coñecemento dos diferentes instrumentos da orquestra, cun bo traballo harmónico e luminosidade estética", considera o xurado. Eduardo Soutullo García (Vigo, 1968) doi Premio Nacional de Música 2023, do Ministerio de Cultura, polo "unánime recoñecemento internacional da súa música, especialmente a súa produción orquestral destacando a estrea en San Petersburgo da súa cantata contra a guerra "O lamento dos xirasoles”. Soutullo empezou a súa educación musical no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Despois trasladouse a Madrid e a París para completar os seus estudos en Harmonía e Composición con Isabelle Duha (Conservatorio d'Issy les Molineaux-XIII de París). Estudou composición musical con David del Puerto, Jesús Rueda, José Luis de Delás Franco (Köln Conservatory), Richard Steinitz (Universidade de Huddersfield) e con Cristóbal Halffter e Tomás Marco (Vilafranca do Bierzo).
Tamén che pode interesar:
- 5/ 9/ 2023 | Eduardo Soutullo recibe o Premio Nacional de Música
- 4/ 8/ 2020 | O ponteareán Eduardo Soutullo faise co premio Lawson-May de composición
- 28/ 11/ 2019 | O chileno Álvaro Núñez Carballunca gaña o Premio Gaos de Composición
- 20/ 11/ 2019 | Eduardo Soutullo eríxese vencedor do Premio de Composición AEOS-Fundación BBVA
- 4/ 12/ 2018 | Eduardo Soutullo recibe o segundo premio de composición musical da Universidade de Illinois