Sen Senra presenta unha viaxe ao seu pasado con "PO2054AZ (Vol.1)"
xullo 5, 2023
Sen Senra, nome artístico do vigués Christian Senra, é hoxe en día un dos proxectos musicais con máis proxección internacional da nosa escena musical. Catro anos despois do seu celebrado álbum de debut, 'Sensaciones' (2019, Sonido Muchacho), o músico ven de presentar baixo o selo da multinacional Universal Music Spain un novo traballo longo que reúne varias das cancións que foi sacando entre medias. "PO2054AZ (Vol.1)" é o título deste disco novo, un nome que é en realidade unha matrícula de coche da provincia de Pontevedra, en concreto do Peugeot 205 do pai de Christian onde le comezou a escoitar música, segundo confirmou en entrevistas. Este é, polo tanto, un traballo conectado coas súas raíces familiares, cunha viaxe emocional e coa nostalxia. Ademais preséntase como primeiro dunha triloxía que augura un resultado final espectacular para este artista que está deixando moi alto o nivel no electro-pop e no trap e ao que resulta imposible non relacionar con outra referencia da escena actual como C Tangana, o madrileño de raíces viguesas.
Trece temas, moi traballados e elegantes,conforman este traballo que comeza coa contundente declaración de intencións de "No Quiero Ser Un Cantante", na que Senra deixa claro que as súas expectativas son como creador, non como figura valeira da industria musical ou outras etiquetas: "No quiero ser un cantante. Quiero ser algo mejor. Fiel a mi fe y a mi construcción". No percorrido polo disco pasamos por estados moi diferentes, pero sempre con profundidade e sentido. Con todo, non faltan temas dos chamados a soar insistentes por todas partes como "Uno de eses gatos" (no que se inclúen sonoridades de pandeiretas) ou "Completamente loco". Tamén hai referencias claras para ao pasado, a nostalxia e a raíz, como "Familia" ou "Sin Excusa". O disco remata, do mesmo xeito que comeza, cunha declaración contundente do artista usando o tema "Da Igual Lo Que Opine La Gente". En total , un percorrido por trece temas dun artista que neste disco, o primeiro de tres, aposta pola solidez, a sensatez e a sensibilidade contra unha aceptación doada e valeira de sentido. Concertos previstos fóra do país, en Lisboa (Festival Kalorama) ou en xira en México, son a proba da boa recepción que está a acadar Sen Senra na escena musical actual, apoiada ademais en críticas moi favorables de toda a critica especializada.