Ir ao contido directamente.


Ti estás aquí > Inicio / DISCO / Sen Senra segue a súa viaxe creativa cunha nova obra íntima

CO DISCO 'PO2054AZ VOL. II' O MúSICO FAI UNHA HOMENAXE AO ESPíRITO EMIGRANTE

Sen Senra segue a súa viaxe creativa cunha nova obra íntima

POP | novembro 18, 2024

sensenra_POVolI.jpg

O pasado ano Sen Senra, nome artístico do músico Christian Senra (San Miguel de Presqueiras, Forcarei) , presentaba o disco 'PO2054AZ (Vol.1)', unha obra que anunciaba como a primeira dunha triloxía destinada a ser considerada como unha obra magna. Coas orixes culturais e íntimas como base e a matrícula do coche vello do seu pai como título, o artista iniciaba unha viaxe declarativa da súa identidade e estilo propios, facéndose un sitio especial dentro das actuais músicas urbanas, unha escena na que desde os seus primeiros temas xa foi quen de destacar, mesmo a nivel internacional. Agora ven de sacar 'PO2054AZ Vol. II' (Sonido Muchacho) e, mantendo a intención, segue o seu periplo de manter presentes as orixes, xa mirándoas desde a perspectiva do emigrado. Nese sentido entre os 24 cortes que presenta este disco inclúense 4 mensaxes de audio recibidos polo músico nas voces da súa nai e a súa avoa, gravacións que nos colocan na vivencia da familia na distancia que ten o artista. Este segundo volume da triloxía preséntase así como unha homenaxe a historia galega da emigración, aos paisanos e a súa familia e "a todos os que nalgún momento tiveron que saír do seu fogar", unha viaxe non só física, senón tamén interior. Se ao anterior álbum considérase 'A Orixe' este subtitúlase como 'O emigrante'.



Os vinte temas musicais deste disco, inseridos na corrente da música urbana e electrónica máis achegada ao pop, con algún corte acústico como 'No se preocupe', ofrecen achegamentos intimistas e reflexivos. O traballo inclúe colaboracións con artistas como Carín León, Aitana, MC Dricka ou Juan Habichuela Nieto. Algunhas delas, como a do mexicano León en 'Recorrerte' exemplifican a ponte transoceánica entre as dúas beiras do Atlántico tantas veces percorrida pola nosa emigración. Xustamente será en México onde Sen Senra dará esta mesma semana os primeiros concertos tras da saída do álbum en plataformas. Nalgunhas desa colaboracións podemos albiscar o quie serán temas de gran difusión, como no caso de 'Hermosa Casualidad' xunto a Aitana. Algúns deste temas xa foron adiantados en formato de video nos pasados meses, é o caso da citada xunto a Aitna ou 'Mis Amigos Opinan Lo Mismo', 'Llorando x 1', 'No Se Preocupe', 'Meu Amore'. Con estes vimbios, mentres gozamos destes dous traballos quedamos expectantes ante o vindeiro, que a este ritmo non ha tardar máis de outro ano, para completar esta triloxía presentada como unha obra de construción artística e persoal, íntima e sempre sen perder de vista as orixes. O novo disco está dispoñible en formato vinilo, CD e en cinta de cassette.

datos do disco