Ataque Escampe volven de a cabalo do pasado en Cabalgata
abril 18, 2023
Cabalgata, o oitavo disco de Ataque Escampe, que xa está dispoñible nas principais plataformas dixitais. Trátase do primeiro LP que publica a banda compostelá tras da dupla saída en 2018 de "Ídolos adolescentes (2007-2011)" e "A vida dos animais (2012-2018)" e de varias mudanzas na formación. O fío principal do novo disco é o diálogo co pasado, non como obxecto de nostalxia senón, en palabras do grupo, "como espazo inesgotable que nos interpela". De aí sae o intento de explorar estilos musicais doutras épocas claramente perceptibles con sonoridades dos anos 80 e 90, pero tamén temáticas que atravesan o álbum, como a infancia, os amores diferentes ou as amizades conservadas ou perdidas, simbolizadas nas letras polas diferentes imaxes de cabalos ás que fai referencia o título: a tenrura dos cabaliños de carrusel das festas, a ameaza dos policías montados, a emotividade da relación cos animais á que podería apuntar "Cabaliño lento", o terceiro adianto do LP -estreado o 31 de marzo- e tema que pecha o álbum. Ataque Escampe presentará Cabalgata na Sala Capitol o sábado 29 de abril, nun evento que abrirá un combinado de membros da Banda de Lalín. Así, péchase en certa maneira o círculo aberto pola mención á Banda dentro do disco ou a presenza de parte da súa formación no videoclip do adianto Lamborghini. As entradas xa están á venda.
Nesta ocasión, o grupo volve amosarnos o seu universo creativo, mantendo os seus trazos de identidade e achegando tamén numerosas novidades tanto na instrumentación -como a presenza de sintetizadores e, ocasionalmente, de saxo e bases electrónicas- como a nivel lírico. "A cociña práctica", un dos dez temas que conforma o disco, conta cunha das colaboracións clave do mesmo: Antía Ameixeiras, do dúo de música de raíz Caamaño&Ameixeiras, participa no tema como vocalista, achegándose así a un rexistro máis pop, e suma tamén voces en Supermartes. A maiores, Cabalgata está marcado tamén pola participación de dous colaboradores habituais: o Hevi e David Silva. Hevi, responsable tamén de gravacións de Ortiga, Novedades Carminha ou Faia, entre outras creadoras, repite na produción despois de A alma e, como sucedía naquel EP, o resultado destaca pola procura da naturalidade nas interpretacións e o imaxinativo dos arranxos no achegamento aos diferentes estilos. Pola súa banda, David Silva, que vén de realizar con Ataque Escampe o espectáculo audiovisual "Na noite brillan", encárgase dos videoclips de Cabalgata e do deseño, onde afonda na iconografía ecuestre presente no título.