Ti estás aquí > Inicio / NOTICIA / A editorial privada Arte Tripharia e o IGAEM realizan sendos Corpus da música culta galega
A editorial privada Arte Tripharia e o IGAEM realizan sendos Corpus da música culta galega
outubro 1, 2003
Son dúas iniciativas de orixe ben diferente pero que traballan nun mesmo campo: a recompilación da música culta galega. Por unha banda está Arte Tripharia, unha editorial madrileña pero con raigame fondamente galega que leva traballando nesta dirección desde hai 20 anos. E pola outra banda está a colección Ars Gallaeciae Musicae, unha serie que desde 1992 chega da man do IGAEM e está coordinada por Xoám Trillo.
¿Que é o CMG?
En 1980 un vigués afincado en Vigo creaba Arte Tripharia, unha editora de facsímiles de música antiga. E nese proxecto seu había tres piares principais: Serie Preliminar (o saco no que cabe todo no que vai noutros sitios), Musica Facsímil (a edición facsimilar de obras de música culta) e o Corpus Musicum Gallaeciae (CMG).
O Corpus Musicum Gallaeciae é a serie fundamental sobre a que traballa a editorial e se centra nun trabalo de “recuperación, investigación e divulgación dos compositores galegos e dos que xa hai publicados preto de 100 obras” define Rudesindo Sóutelo, director de Arte Tripharia.
No CMG hai un traballo moito máis intenso que o de editar unha páxina de texto, senón que é facer unha partitura ben estructurada e con rigor para que non haxa ningún problema de interpretación. E isto é o que marca os criterios editoriais, e que segundo Rudesindo Soutelo crean unha diferencia entre Arte Tripharia e as outras edicións.
¿Que é Ars Gallaeciae Musicae (AGM)?
O AGM cumpre os mesmos cometidos, que son os de difundir a música culta. A iniciativa xurdiu a mans do IGAEM e está coordinada polo musicólogo, compositor e director Xoám Trillo. Para el, nos criterios de edición “dáselle preferencia ás obras de máis difícil difusión, que é especialmente á música para orquestra”.
Desde que se iniciou a colección en 1992, o IGAEM ten editado 16 obras. De feito, onte dábase a coñecer o número 16 da colección que son as partituras inéditas da “Suite Introspectiva” do compositor arxentino de orixe galega Juan José Castro.
¿Quen compón cadanseu corpus?
Os obxectivos son os mesmos: por unha banda editar partituras listas para que se poidan tocar e, pola outra, centrarse en autores galegos. E por iso hai autores que coinciden nos catálogos editados polas dúas series, CMG e AGM, é o caso de Rogelio Groba, Juan Montes
Para Xoám Trillo, de AGM, “hai unha serie de compositores galegos e fillos de galegos que se xerou froito da nosa emigración e aos que lle hai que prestar atención”.
Pola outra banda, Rudesindo Sóutelo artífice do CMG centra a súa importancia nos autores vivos, porque “aínda que hai moitos compositores en Galicia, moitos máis dos que se podería pensar tendo en conta o caso que se lles fai por parte das institucións, haille que prestar atención aos que aínda seguen compoñendo”.
¿As diferencias?
A principal distinción entre os dous Corpus de música antiga é a orixe dos cartos. No caso do AMG os cartos son públicos. De aí que, para Xoám Trillo “hai que prestar atención a aqueles autores complexos e difíciles nos que a iniciativa privada non chega por cuestións de mercado”.
Outra cousa é o caso de Arte Tripharia, que se trata dunha iniciativa privada, e onde entran xa non só os criterios de Rudesindo Sóutelo como musicólogo, senón criterios máis de mercado.
“Temos un compositor fundamental en toda a historia da música, que é Rogelio Groba, afirma o propio Rudesindo, que ten máis de 300 obras e que ten todo sen publicar”. E é precisamente o compositor de Ponteareas que con case 50 obras centra a maior parte da recompilación feita polo CMG. Pero hai máis Alejandro Besteiro, Juan Duran, Alberto González Avilés, Antonio Rocha, Clotilde Roda, Ángel Barja (que si está finado) ou Juan Montes, entre outros. O máis curioso, desta iniciativa privada é que unha das súas fontes de financiamento son os dereitos do himno galego que, desde hai catro anos son propiedade de Arte Tripharia.
Tamén che pode interesar:
- 30/ 3/ 2007 | Unhas xornadas reflexionarán sobre a posibilidade de manter unha industria musical galega rendible e con proxección
- 11/ 7/ 2005 | As principais orquestras galegas dedican a maior parte da súa programación a compositores estranxeiros
- 27/ 11/ 2003 | Catro novos volumes completan a Colección Música Clásica Galega
- 28/ 7/ 2003 | A editorial de música Arte Tripharia traballa desde hai 20 anos na elaboración dun Corpus de música culta galega