Pablo Barreiro recibirá o Premio de honra dos Martín Códax
outubro 21, 2021
O produtor, compositor e técnico de son, Pablo Barreiro Rivas (Forcarei, 1956), considerado unha figura histórica da música en Galicia, recibirá o vindeiro 27 de outubro o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música 2021 que recoñecen unha traxectoria. Desde a Asociación Músicas ao Vivo, organizadores do premio, destacan do premiado os centos de músicos e milleiros de horas de gravacións no seu haber como técnico, que cualifican de "xeneroso, comprometido e sempre respectuoso cos proxectos que chegan ás súas mans". Barreiro, ata a súa recente xubilación, foi responsable do Arquivo Sonoro da Radio Galega desde 1985 e está considerado un pioneiro, "abrindo novos vieiros sempre para a música feita en Galicia", considera a entidade. O premiado recollerá o seu galardón na gala do 27 de outubro no Pazo da Cultura de Pontevedra, na que se desvelarán tamén os proxectos premiados nas diferentes categorías a votación nos 8º Martín Códax da Música, tamén recibirán un recoñecemento extraordinario o festival Jazz de Ría e a sala de concertos Mardi Gras.
Percorrido persoal e profesional
Antes de converterse en produtor e soporte de moitos artistas, Pablo Barreiro tamén exerceu de músico grazas a unha guitarra do seu irmán e a un primeiro grupo do que formou parte tras rematar os estudos en Santiago de Compostela denominado Cristal Azul, nos primeiros anos setenta. Tal como lembra Pablo Barreiro, a conexión coa música xa chegara antes, na infancia en Forcarei, a través do picadiscos do seu paisano, amigo e, máis tarde, cineasta, Chano Piñeiro. Precisamente décadas máis tarde, Barreiro compuxo as bandas sonoras de varias películas, entre as que figuran Mamasunción (1984) e Sempre Xonxa (1989), dirixidas por Piñeiro. Tamén se encargou da música para varias series de TV, entre as que destaca “Mareas Vivas” e dirixiu as gravacións de varias bandas sonoras para o cine, como Heroina, De profundis ou Cota Vermella. Pablo Barreiro conta que chegou á parte técnica da música e á enxeñería de son tras constatar o mal que soaban algúns dos proxectos nos que se embarcara como músico. Hoxe en día os artistas do país destacan da súa labor o respecto pola sonoridade de cada proxecto que chega ás súas mans e o carácter orgánico, limpo e fiel das súas gravacións. Colabora habitualmente coa maioría de agrupacións musicais de Galicia, entre as que figuran a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Real Filharmonía de Galicia, a orquestra de Cámara Galega, os Conservatorios de Música e diversos grupos e agrupacións como Ultreia, Martín Codax, Resonet, Ars Atlántica, Ars Combinatoria, Fuxan os Ventos, Fía na Roca, etc. Especializado na gravación de órganos, foi chamado en 2009 polo cabildo da Catedral de Milán para unha gravación do órgano sinfónico do Duomo. O seu paso polo Servizo de Produción e Arquivo Sonoro da radio pública de Galicia deixa despois de máis de trinta e cinco anos riqueza e diversidade musical nos rexistros da Radio Galega. Barreiro empezou a gravar en 1985 cun magnetofón de bobinas, dúas pistas e un só micrófono, tal como lembraba recentemente nunha entrevista.
Tamén che pode interesar:
- 6/ 5/ 2020 | María Manuela recibirá o galardón honorífico dos Premios Martín Códax da Música
- 19/ 4/ 2018 | Os V Premios Martín Códax xa teñen finalistas
- 5/ 4/ 2017 | Finalistas premios Martín Codax
- 15/ 2/ 2017 | Os IV Premios Martín Códax da Música chegan con novidades
- 15/ 3/ 2016 | Antón Corral leva o galardón honorífico dos Premios Martín Codax da Música