Pirilampo dálle voz aos animais no seu novo traballo
xuño 12, 2018
A procurar tirarlle a mala sona a animais como a píntega ou a serpe chega o novo traballo de Pirilampo. O grupo capitaneado por Xosé Lois Seixo está en xira de presentación de Serpe de cristal, un libro-CD publicado por Galaxia na colección Sonárbore. O golfiño, a abella, a serpe sapeira, a píntega, o tritón, o reiseñor, a bubela ou os peixes collen a palabre en once novos temas orixinais que se presentan con ilustracións de Federico Fernández. Colaboracións de Xurxo Souto, Andrea Seijo e Antía enriquecen este traballo que integra frautas, gaitas, acordeón, guitarras ou percusión.