O CGAC acollerá as II xornadas arredor da Música Tradicional
outubro 15, 2013
Logo do éxito da pasada edición, a Asociación de Gaiteiros Galegos recunca no Centro Galego de Arte Contemporánea coas II xornadas arredor da Música Tradicional. O encontro, que se celebrará os días 16 e 17 de novembro centrará boa parte da súa atención na música de gaita. Así, a presenza deste instrumento na música barroca ou de cámara, as súas versións en León ou Portugal ou a evolución das formacións de gaiteiros en Galicia protagonizarán diferentes relatorios.
Canda a isto, o papel dos cegos na nosa tradición musical tamén se abordará atendendo á súa relación coa zanfona, á presenza destes músicos na Limia ou mediante a figura do Cego de Padrenda. Presentacións de publicacións sobre música tradicional, traballos sobre o pandeiro ou o acordeón, xogos musicais ou unha foliada fan tamén parte do programa.