Fernando Barroso e Luís Peixoto lanzan Pop
decembro 12, 2012
Non contentos co seu traballo no seo de Assembly Point, e da participación en bandas como Os Cempés, Anxo Lorenzo Band ou Riobó, Fernando Peixoto e Luís Barroso debutan como dúo no campo da música de raíz. Pop, o seu flamante disco, achega 15 temas, na practica totalidade de composición propia, que amosan as mestría coas cordas dos dous músicos. Guitarras, bouzouki, mandola, guitarra portuguesa, viola braguesa, cavaquinho, mandolina ou banjo mestúranse na música deste traballo, que se gravou no estudio A Ponte.
O proxecto, autoeditado, foi financiado mediante a plataforma de Crowdfunding Verkami, e só os 217 mecenas que colaboraron terán unha edición física do disco. Publicado este mesmo mes de decembro, Pop estará tamén dispoñible mediante plataformas dixitais e mediante compra directa aos artisas. O disco terá a súa presentación oficial o vindeiro 19 de decembro às sete da tarde no local A Regueifa, de Vigo.
O dúo anuncia tamén que aínda quedan prazas para os concertos privados para mecenas, que se celebrarán na Coruña, o vindeiro 28 de decembro, e mais en Vigo, o 12 de xaneiro.