Guadi Galego aparece como favorita nos Premios Opinión
marzo 13, 2015
Cunha candidatura en cada unha das tres categorías do certame, Guadi Galego e o seu Lúas de agosto aparecen como favoritas nos Premios Opinión de Música de Raíz. A XIV edición destes galardóns amosa unha importante concentración de nomeados, xa que outros tres artistas compiten en cadansúas dúas categorías. Trim, o proxecto de Luís Peixoto e Fernando Barroso aspira aos premios a mellor tema orixinal e mellor disco, mentres Germán Díaz e o seu Método Cardiofónico e Magín Blanco con Gatuxo enfróntanse polo galardón a mellor artista e mellor disco. Precisamente é a primeira vez que un disco de música para os máis novos, como é o de Blanco, aparece na listaxe de candidatos á mellor obra do ano.
Pablo Rial completa a lista de aspirantes a mellor artista co seu traballo á fronte do Coro Tradicional Cantares do Brión, mentres nos candidatos ao mellor tema atopamos Meniña de auga de Lulavai e mais Confuxon de Anxo Lorenzo.