Ti estás aquí > Inicio / música en galego
Música en galego
A Estrada organiza un festival de pop-rock para os cativos
Xénero:
| 22 / 5 / 2025O Concello de A Estrada ven de presentar unha nova iniciativa no eido dos festivais enfocada no público máis novo. O Festival dos Arreiriños, a celebrar nunha única xornada o vindeiro 1 de xuño, preséntase coma o primeiro festival infantil de Pop-Rock de Galicia. O cartel reunirá tres das ofertas actuais da escena galega pensadas para o público máis novo ou familiar, ademais de ofrecer actividades complementarias. Pakolas, a banda de Uxía Lambona e os vigueses Broken Peach conforman a oferta musical neste caso.
The Killer Barbies celebran seu trinta aniversario cun novo álbum
Xénero:
| 16 / 5 / 2025Tras trinta anos en activo, Silvia Superstar e Billy King seguen a manter a esencia de The Killer Barbies, a banda coa que desde Vigo proxectáronse a todo o mundo. 'El Pop se autodestruirá en 4, 3, 2, 1..." (Subterfuge Records) é nome do seu novo disco, o sexto da súa longa carreira, que xa avanzaron en decembro co tema ' Quiero tu corazón y nada más', peosteriormente presentaron a que é unha versión propia dun coñecido tema de The Clash como 'Si me quieres o si no'. Guitarras potentes, teclados e a proposta dun son actualizado sen deixar de ser a banda de rock que sempre foron é a oferta deste novo traballo de dez temas que xa está dispoñible en plataformas dixitais. O vindeiro 20 de maio farán a presentación en directo na Sala El Sol de Madrid.
Premio Honorífico Martín Códax para Leilía
Xénero:
| 13 / 5 / 2025No ano no que o Día das Letras homenaxea á poesía oral popular e ás cantareiras, Músicas ao Vivo ven de anunciar a concesión do Premio Honorífico Martín Códax da Música 2025 a Leilía. Nome referente na música galega que transita do século vinte ao vinteún, o grupo nacido en 1989 en Santiago de Compostela, despedíase recentemente dos escenarios sendo as súas integrantes consideradas pioneiras na difusión da música e do canto tradicional. Músicas ao Vivo, entidade promotora dos Premios Martín Códax da Música, destaca como as Leilía abriron camiño a moitas artistas e agrupacións que viñeron detrás, e considera o recoñecemento a Leilía nesta 12ª edición dos premios como un tributo obrigado da comunidade artística no ano no que o 17 de maio, por segunda vez na súa historia, fai unha homenaxe colectiva, desta volta co recoñecemento ás cantareiras e á oralidade. O 28 de maio recollerán no Pazo da Cultura de Pontevedra o galardón honorifico dos Premios Martín Códax 2025, o recoñecemento da comunidade musical ao traballo feito, nun momento no que a oralidade e o canto tradicional, grazas en boa parte á andaina das Leilía, gozan de moi boa sáude entre as novas xeracións de artistas e públicos.
Falece o músico Xoán Eiriz aos 68 anos
Xénero:
| 12 / 5 / 2025O pasado sábado, 10 de maio, falecía na súa cidade A Coruña, o músico Xoán Eiriz (1956) aos 68 anos por unha enfermidade. O músico tivo unha longa carreira musical que comezou discográficamente nos anos 80 e na que hai ata 14 discos publicados, cun repertorio variado no que musicou poemas dalgúns dos máis coñecidos escritores en galego e trouxo para o galego pezas doutros autores, en claro compromiso coa súa lingua e a súa terra. Exercía actividade como profesor de música.
Cincuenta e sete proxectos na fase final dos Premios Martín Códax
Xénero:
| 8 / 5 / 2025As portas das Bodegas Martín Códax, en Cambados, abríronse este mércores para celebrar a festa de finalistas dos 12º Premios Martín Códax da Música, promovidos por Músicas ao Vivo. Tras a votación do xurado profesional, corenta e cinco bandas e artistas, tres por categoría, son os proxectos que pasan á segunda fase da edición. Foron desvelados ademais os nove proxectos finalistas nos tres Premios Organistrum: Salas, Festivais, e Comunicación e Difusión Musical. Tamén, os artistas emerxentes, na categoría de mesmo nome na que este ano son finalistas Ash Diz, Paracetafolk e Ulex. Cincuenta e sete proxectos recolleron o seu agasallo das Bodegas Martín Códax en recoñecemento pola súa inclusión na fase final de votación. A partir do 8 e ata o 25 de maio, as socias e socios de Músicas ao Vivo poden votar os seus favoritos e, como xa aconteceu o pasado ano, o público xeral; o 28 de maio, a gala, no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Mondra publica o seu agardado novo álbum
Xénero:
| 6 / 5 / 2025Desde hoxe xa está dispoñible en plataformas dixitais 'De ronda', o segundo traballo discográfico de Mondra. O novo disco do cantareiro e bailador chega dous anos despois do seu debut con 'ARDĒN' (Altafonte, 2023), un traballo que recibiu numerosos recoñecementos e que impulsou ao artista á primeira liña da escena musical galega, sendo quen de recibir o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024, ou o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por 'MARIMONDRA'. A sexualidade, o amor propio, a celebración, a comunidade e o valor da mocidade son os temas que atravesan as 11 cancións cheas de irreverencia e desenfado. Segundo a proposta trátase de "11 estados do corpo" nos que aborda "a sedución, seducir ou ser seducido", e nos que Mondra presenta un novo son, orgánico e fresco da man da produción musical de Hevi en Laboratorio Soyuz sen perder o seu diálogo constante con elementos propios da tradición oral galega.
FAIA presenta o seu segundo disco 'Alvela'
Xénero:
| 24 / 4 / 2025FAIA presenta o seu segundo disco en solitario, 'Alvela', un traballo complexo e sutil, como xa fora 'Ao cabo leirín' (2019), con dez temas que transitan pola experiencia da maternidade, a memoria do corpo e as violencias que o atravesan, mais tamén sobre a forza que reside no íntimo, no desexo e no pracer. A artista, membro da formación De Vacas, o Coro Encaixe ou Apatacón revisa neste proxecto persoal arrolos, romances e outras cantigas tradicionais acompañada unicamente por instrumentos de corda e gravacións de campo manipuladas, unha constrición creativa que lle confire a Alvela unha coherencia sónica e unha organicidade singular.
O Museo do Pobo presenta a súa programación sobre as Cantareiras
Xénero:
| 9 / 4 / 2025Este venres, 11 de abril, o Museo do Pobo Galego inaugurará a exposición 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión', producida co gallo da homenaxe das Letras Galegas 2025 ás creadoras e transmisoras da poesía popular oral. Trátase dunha mostra que recompila materiais sonoros, procedentes dos fondos do proxecto de recuperación, catalogación e dixitalización do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego e o arquivo gráfico e documental, así como pezas pertencentes á colección do Museo ou cedidas por particulares para a ocasión, ademais de material audiovisual realizado expresamente para o proxecto. Alén diso o Museo presentou o resto das actividades programadas ata finais de setembro que tamén irán na liña de poñer en valor a transmisión oral e ás cantareiras en particular. Comprende actividadsn sobre baile, charlas, concertos e accións didácticas,
Los Eternos presentan o seu novo disco 'San Antonio'
Xénero:
| 4 / 4 / 2025A banda Los Eternos ven de presentar o seu terceiro disco longo 'San Antonio' (Ferror Records/ Milana Música, 2025), o primeiro que gravan integramente en galego mantendo o seu característico son de americana. Tras "Vientos Solitarios" (Ferror Records / Cascaballo Records, 2019) e o remarcable "Sonora" (Ferror Records / Milana Música, 2021) a banda presenta un novo traballo intenso e emotivo que, talvez pola escolla lingüística, fáisenos aínda máis íntimo e achegado, pero que tamén é especial porque nel recolle unha dolorosa perda real, a de Arantza Navarrete, parella de Chewis e autora da maioría das letras do grupo, cuxa enfermidade marca este álbum.
Sofía Espiñeira presenta o seu segundo álbum 'Xeografías'
Xénero:
| 3 / 4 / 2025As "paisaxes internas e externas, os territorios que habitan dentro e fóra da pel" son a base sobre a que a mugardesa Sofía Espiñeira compuxo os 12 temas que conforman o su segundo disco 'Xeografías' (Autoeditado, 2025). O disco, que xa está dispoñible nas plataformas dixitais foi gravado en Abrigueiro Estudios contando coa produción musical de Arturo Vaquero. A compositora, ganadora do Premio Martín Códax da Música na categoría de Canción de autora en 2022 presenta aquí temas nos que afonda na súa mestura de músicas de raíz con resonancias de diversas culturas e coa canción de autora máis íntima y crúa. O videoclip do tema que dá nome ao álbum, publicado como adianto, dirixido por Lucía Estévez, foi finalista na pasada edición do Festival de Cans. O concerto de presentación será o vindeiro 25 de abril ás 22.00 horas na Sala Rebullón, en Mos. Espiñeira presentará as novas cancións en formato trío, acompañada por Yudit Almeida ao contrabaixo e Ailén Kendelman na percusión.