lg3
inicio» lg3»  criticas» Narrativa 

CRÍTICAS SOBRE Narrativa / 128

SOBRE O LIBRO "RíOFERO"
Unha selva de novelas
As personaxes de Riofero, a última novela de Xelís de Toro, suben río arriba: fuxidas e búsquedas. Vidas fracasadas ou aventureiras, todo serve de alimento ao espírito voraz do río. Para Xavier Queipo trátase dunha "novela de selva" das que, segundo el "paga a pena ler neste verán á sombra dunha palmeira ou dun piñeiro manso".


SOBRE O LIBRO "O MUSEO DA INOCENCIA"
A faciana maniática do amor
A nova novela de Orhan Pamuk, Premio Nobel de Literatura, é o retrato fascinante dun mundo complexo entre Oriente e Occidente no que o escritor explora os incertos límites entre o sentimento amoroso apaixonado e a loucura e reflexiona ao mesmo tempo sobre os acontecementos da historia do seu país a carón da realidade cotiá dos distintos barrios da cidade e do seu tecido social, desde a alta burguesía de Nisantasi á bohemia artística e as clases populares de Çurcurcuma


SOBRE O LIBRO "ONDE O AIRE NON ERA BRISA"
As fotografías da caixa de madeira
Escrita en 1969, é a primeira novela de María Victoria Moreno, a única obra en castelán dunha escritora que logo había publicar en galego preto de corenta títulos. Malia ser unha literatura escrita en outros tempos a sensibilidade e a prosa da autora manteñen a vixencia das historias ben contadas. Neste caso o protagonismo cae nun abafante ambiente e nun lugar, unha paisaxe que non é marco de nada, senón corpo latexante como o das persoas ou o do tempo no que se moven.


SOBRE O LIBRO "MONBARS O EXTERMINADOR"
Singradura aventureira
Hixinio Puentes revélase como un narrador moi ben documentado sobre o tema da piratería que trata e os espazos xeográficos e históricos escollidos para a acción narrativa nesta obra que non decepcionará aos afeccionados á narrativa de aventuras. Intriga, evolución psicolóxica dos personaxes, audacias narrativas, documentación exhaustiva e ambientación impecábel.


SOBRE O LIBRO "A PRAIA DOS AFOGADOS"
O cubo de Rubik
Malia imaxe un tanto exótica e peculiar de Galicia que transmite, que pode afastar a lectores asíduos da literatura galega, Domingo Villar arma un complexo e entretido xogo cunha trama de misterio moi traballada e que resulta case prodixiosa. Despois do éxito colleitado polo autor con Ollos de auga (2007) a esta nova entrega da serie negra protagonizada polo inspector Leo Caldas augúraselle tamén un grande percorrido de vendas e de lectores.


SOBRE O LIBRO "PEAXES"
A banda sonora da autoestrada
O cobrador de peaxe dunha autoestrada decide escribir un caderno con hipóteses sobre a vida dalgúns condutores que pasan a cotío por ela. Coa imaxinación crea un universo ao ritmo da música que sae dos vehículos ao baixar a xanela para pagar, un planeta movido por anacos de conversas que desaparecen a cen quilómetros por hora. Un relato que engancha, inzado de cancións de moitos estilos, de diálogos intrascendentes, de reflexións sobre a sociedade contemporánea.


SOBRE O LIBRO "PARA SEGUIR BAILANDO"
As sombras do noso espello
Dez relatos constitúen este novo libro de Francisco X. Fernández Naval que se alimenta de temas moi presentes na actualidade do mundo que nos tocou vivir e no que o autor dá boa mostra da súa habilidade narrativa a través da multiplicidade de recursos utilizados e dunha pulcritude formal e lingüística digna de remarcar.


SOBRE O LIBRO "O TRADUTOR CLEPTóMANO"
Chegada e descubrimento de Kostolányi
Kosztolányi describe a vida centroeuropea de entreguerras, de burgueses e soñadores, cun filtro acedo, crítico e cruel pero tamén dun xeito atemporal, facendo das cousas máis cotiás e das historias máis incríbeis unha alegoría dos caracteres de todos os seres humanos. Relatos locais que conseguen a universalidade cunha escrita que mira á realidade directamente aos ollos e desvela os secretos íntimos miudos pero importantes das persoas.


SOBRE O LIBRO "O GLOBO DE SHAKESPEARE"
O limón da discordia
A obra gañadora do Premio Terra de Melide 2008, alén dunha homenaxe ao teatro shakespereano supón, tras unha trama de intriga, unha reflexión sobre o espectáculo, o escape das vidas, a soidade e unha sociedade onde non hai posibilidades para o amor. As pezas do quebracabezas van casando para que este globo se convirta nun Hamlet actualizado, esta vez en forma de novela e contarnos que os males do mundo non empezaron cunha mazá, senón cun limón.


SOBRE O LIBRO "A FADA DAS LAPAS"
Mitos para interpretar o mundo
Na súa segunda obra Manuel Janeiro ofrece unha narración que é asemade unha metáfora do noso tempo ao falar da sedución, do amor, da ruptura da parella e da perda dos fillos. Ao final da interpretación simbólica podemos ver neste relato unha alegoría da loita da cultura, representada polo mundo da sociedade humana, fronte á natureza, representada pola fada. Unha edición singular que destaca tamén polas fermosas ilustración e o coidado da súa materialización formal.


SOBRE O LIBRO "A ELEGANCIA DO OURIZO"
Das belezas latentes
Coa súa segunda novela, Muriel Barbery converteuse en pouco tempo nunha revelación literaria, primeiro en Francia e logo en toda Europa. Unha novela que fai pensar, entre outras cousas, na función social da Arte, nas realidades ocultas á nosa vista e na xente que vive ao noso carón. O relato constrúese, segundo Lorena Domínguez, cunha “perfecta ensamblaxe de estratos máis e menos profundos, de referencias culturais habitualmente restrinxidas a un ámbito erudito imbricadas agora na existencia cotiá das personaxes”.


SOBRE O LIBRO "COSTA NORTE/ZFK"
Arredor do Borrazás style
Un acontecemento traumático na costa de Galiza dá paso a unha narración que revela unha sociedade que vive nun pesadelo contínuo, unha anti-utopía perversa. Xurxo Borrazás fai unha incursión nas zonas escuras de outras realidades alternativas. O texto mestura tempo presente e tempo pasado coma as pezas dun puzzle que o receptor se ve obrigado a reconstruír. Postmodernismo en estado puro segundo a crítica de Montse Pena.


SOBRE O LIBRO "O XARDíN DAS PEDRAS FLOTANTES"
A imaxinación contra a lei da gravidade
Lorena Domínguez Mallo comenta as virtudes da obra de Manuel Lourenzo González, gañadora do XXV Premio Xerais de Novela. Un relato que seduce pola forza da historia que conta, unha historia de historias cun microcosmos de imaxinarios agochado nas súas páxinas e co que podemos viaxar a través do tempo e do espazo ata límites insospeitados.


SOBRE O LIBRO "UN HOME NA ESCURIDADE"
As múltiples realidades de Auster
A nova novela de Paul Auster enfróntase ás pantasmas da sociedade contemporánea a través dunha historia-marco, protagonizada por un escritor ou un crítico literario, dentro da que se desenvolven outras en paralelo, normalmente maxinadas por este. Un paso máis na mesma dirección do resto das súas novelas, que amosa de novo que a obra de Auster só pode lerse, só adquire verdadeira significación cando a contemplamos como un macrotexto.


SOBRE O LIBRO "A CHOIVA DO MUNDO"
A fortuna axuda aos audaces
Obra gañadora do Premio Torrente Ballester 2007. Nela Xosé M. Pacho Blanco revélase como narrador cun mosaico feito con anacos da vida no que o amor e o desamor, a loucura, a soidade e a terra se encarnan en máis dun cento de personaxes de lugares e tempos dispares. A habilidade para integrar materiais e técnicas moi heteroxéneas resulta unha das principais bazas deste autor para situarse nunha posición de vangarda dentro do panorama narrativo galego actual.


SOBRE O LIBRO "ATRACCIóN TOTAL"
Ollada libre e de muller
Unha sorte de caixa de Pandora da que non deixan de saír historias da xénese máis diversa para quen goce coas tramas que se perden e se reencontran, para quen ature o caos e, moi especialmente, para quen saiba remexer, paciente, nun baúl de palabras, ata quedar coas que debe gardar. Carmen Blanco tece a súas redes con dúas premisas: a defensa da liberdade e o feminismo activo.


SOBRE O LIBRO "FESTINA LENTE"
Os misteriosos destinos da palabra escrita
Primeira novela dirixida directamente ao público adulto de Marcos S. Calveiro. Novela histórica, ambientada na Compostela do século dezasete, propón ao lector unha intrigante viaxe polo mundo dos libros e o coñecemento nun tempo de intolerancia. Calveiro demostra nesta novela ser un hábil narrador que sabe combinar os acontecementos e datos históricos co desenvolvemento novelesco, administrando dunha maneira moi adecuada diferentes recursos narrativos.


SOBRE O LIBRO "PAN E COITELO"
Un folletín detectivesco nada sentimental
Un relato policial (con crime perfecto), estampas políticas do fraguismo terminal, varios sketchs costumistas que declinan a xovialidade do folclore actual, un retrato de familia, dúas crónicas de viaxes (a Suiza e Oriente Medio) e outras tantas historias de amor. O narrador retrata a corrupción do campo da política en perigosa danza co campo económico (xuntos coma o pan e o coitelo) e a degradación moral resultante de antepoñer os intereses privados aos públicos.


SOBRE O LIBRO "O PROFESOR DE VEGLIOTA"
Minorías lingüísticas: claustrofobia e exilio interior
Veiga escribe un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita. Novela comprometida para pensar, deitarnos no diván e someternos a unha psicanálise colectiva.


SOBRE O LIBRO "AS PALABRAS DA NéBOA"
Historia e posmodernidade
Francisco Castro achégase nesta obra, gañadora do Premio García barros 2007, á novela histórica participando nas marcas de identidade propias do xénero. Maxia, libros prohibidos e unha revolta campesiña na Galicia do século XVI forman o pano de fondo do relato. A recensión subliña a valentía da proposta superando o conservadorismo formal malia que o pacto da verosimilitude semelle non funcionar como sería desexable.


CRÍTICAS POR XÉNERO


Acerca de Lg3
Que é LG3
Créditos
Correo
culturagalega.org | RSS | Aviso legal | Contacto | O equipo do portal | Licenza de uso | Contactar coa redacción: redaccion@culturagalega.org I T: +34 981 957202 | F: +34 981957205 |
Logo do Consello da Cultura Galega
Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.gal
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.gal