10/03/2021
Os Mestre Mateo 2021 miran cara o mar
A película
Ons, de Alfonso Zarauza, parte como favorita cara á XIXª edición dos Premios Mestre Mateo do Audiovisual, acaparando trece candidaturas finalistas. Seguindo o mesmo criterio
A illa das mentiras, dirixida por Paula Cons acada doce postos finalistas e tamén coincide co de Mellor Longametraxe, galardón ao que opta
Lúa Vermella de Lois Patiño e
Arima, de Jaione Camborda. Destas catro, tres están ambientadas en paraxes mariñas, ao igual que a serie
Néboa que ten ata seis candidaturas finalistas. A listaxe de obras con máis candidaturas finalistas complétano tres longametraxes:
Arima, a ópera prima de Jaione Camborda, con sete,
Lúa Vermella, dirixida por Lois Patiño con catro e
9 Fugas de Fon Cortizo, tamén con catro. Marta Doviro e Amador Arias foron os encargados pola Academia Galega do Audiovisual de dar a coñecer hoxe a listaxe das obras e profesionais finalistas nas 25 categorías dos premios de entre as 146 obras e 424 candidaturas profesionais presentadas..
Amplía a nova>>
08/03/2021
Un Goya para a animación con participación galega 'La gallina Turuleca'
A trixésima quinta edición dos Premios Goya da cinematografía española estará sempre marcada polas características especiales de celbrarse no contexto desta pandemia. Para o audiovisual galego non todas as producións que aspiraban a un galardón puideron acadalo e a colleita propia está sobre todo representada polo premio acadado pola película de animación
La gallina Turuleca na que están presentes na produción as empresas galegas Brown Films e Producións A Fonsagrada e que admais contou con axudas á produción por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais . Ademais desta longametraxe, o actor de orixe coruñesa Mario Casas (A Coruña, 1986) acadou tamén un galardón nesta edición. O intérprete acadou o Goya a Mellor actor protagonista na que é a súa primeira vez como finalista do premio grazas ou seu papel de Dani na película
No matarás (David Victori). O actor viviu o momento rodeado da súa familia, na distancia obrigada pola pandemia, agradecendo o apopio do público na súa traxectoria..
Amplía a nova>>
08/03/2021
A Xunta mercará produtos culturais por 3 millóns de euros para dar liquidez ao sector
Co obxectivo de aumentar a liquidez e manter as estruturas empresariais e os empregos no sector cultural a Xunta ven de presentar a segunda edición do seu Fondo de proxectos culturais en lingua galega Xacobeo 2021, unha liña de compra de produtos culturais que se abre este martes dirixida a profesionais autónomos, empresas e entidades sen ánimo de lucro que teñan traballadores contratados. Co Fondo, enmarcado no Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, disporá de ata 3 millóns de euros (500.000 máis que na anterior edición) para mercar produtos culturais directamente e difundilos ao público. A primeira edición chegou a apoiar 353 proxectos, nesta segunda aumnéntnse os máximos porpoxecto, pasando de 4.000 euros a 6.000 aqueles dedicados aos ofertados por profesionais autónomos sen persoal asalariado e ata 15.000 euros (10.000 en 2020) para empresas, cooperativas e entidades con persoal contratado..
Amplía a nova>>
05/03/2021
O sector cultural chegou a xaneiro mellor do que se prevía no verán de 2020
O Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, ven de facer público o
Barómetro da Cultura Galega II. Xaneiro de 2021, no que ofrece unha radiografía clave do sector e o compara cos primeiros resultados tras a primeira vaga da crise sanitaria. O novo informe constata que o ano 2021 comezou para o sector cultural cunha maior adaptación á situación actual e que as cifras de facturación foron menos negativas do que se agardaba inicialmente. Así o sosteñen neste documento as cifras que xorden dun estudo realizado en xaneiro e no que repetiron a súa participación 237 das 303 empresas que conformaron a mostra anterior, de xullo de 2020. O estudo revela asemade que as empresas dedicadas ás artes escénicas son as que teñen máis problemas derivados da restrición da capacidade dos recintos, as que máis tiveron que pechar, as que aplicaron máis ERTE e as que teñen unhas maiores dificultades á hora de desenvolver a súa actividade. Os efectos da terceira vaga desde xaneiro e as restricións derivadas desta sobre as industrias culturais quedan fóra do ámbito temporal deste estudo..
Amplía a nova>>
05/03/2021
Un documental repasa a historia do Centro Galego da Habana
O Centro Galego da Habana, unha das institucións máis importantes da diáspora, é o protagonista dun documental dirixido polo xornalista Pablo López, codirector de Gciencia, e que foi gravado a finais de 2020 nas propias rúas da Habana. O documental explora a traxectoria desta histórica institución, determinante para o nacemento de entidades de simbolismo tan relevante como a Real Academia Galega ou para a promoción e creación do Himno de Galicia, así como para a xestión da importante comunidade galega de Cuba, e conta con testemuñas que falan sobre este espazo, que estaba ubicado no que hoxe é o Gran Teatro da Habana Alicia Alonso. O documental foi elaborado ao abeiro do Fondo de proxectos culturais Xacobeo 2021.
.
Amplía a nova>>
04/03/2021
O CGAI programa o ciclo Olladas de Muller en clave de reflexión feminina a través de seis filmes
A nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega abre este venres na Coruña coa preestrea en sala do filme
Nación, da directora Margarita Ledo Andión. Dentro deste ciclo enmarcado no Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. Será a propia autora e membro da Real Academia Galega quen presente a película de apertura o venres ás 19,00 h. na sede do CGAI e protagonice o coloquio posterior.
Nación é un relato que usa imaxes de arquivo, testemuñas, reconstrucións ficcionadas e elementos da cultura popular para contar a historia das galegas traballadoras da fábrica de porcelanas Pontesa, que converteron a factoría nun referente para a reivindicación dos dereitos femininos. No seu percorrido por festivais acadou o Premio Especial á mellor dirección de película española no Festival de Cine europeo de Sevilla en 2020. Ten prevista a súa estrea en cines comerciais o 26 deste mes..
Amplía a nova>>
03/03/2021
Duplícase a participación no Concurso de Microrrelatos da RAG
O IVº Concurso de Microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal ven de dar un salto cuantitativo importante ao recibir na fin do prazo de presentación máis do dobre de relatos que na pasada edición. Co reconto xa feito tras do remate da convocatoria este domingo 28 de febreiro a Academia sinala ter recibido máis de 1.500 pezas entre as tres modalidades, o dobre có ano pasado no que se presentaron 750 relatos. En concreto, segundo a RAG, na categoría de adultos recibíronse máis de 700 contos; na xuvenil, preto de 500 e na infantil, uns 300. Os xurados, que están constituídos por membros propostos polas tres entidades que participan na creación deste certame,RAG, PuntoGal e a revista Luzes, elixirá os tres mellores textos de cada categoría que serán públicos despois de Semana Santa. .
Amplía a nova>>
26/02/2021
O proxecto Artesanías dixitais dá a coñecer a creatividade máis actual do país
"Un percorrido polo espazo dixital galego da man de doce creadoras e creadores procedentes de áreas moi diversas: programación creativa, docencia, recreación histórica, deseño, arte, videoxogos…". Así se presenta
Artesanías Dixitais, o webdoc que desenvolveu a firma Bencuriosa ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21. O proxecto, que pretende "ofrecer unha panorámica sobre as profesións ou áreas de traballo emerxentes vinculadas á creación dixital e que teñen un vínculo real con profesionais, empresas e itinerarios educativos de Galicia" preséntase nun formato de documental convencional, dispoñible na rede, e nun formato web interactivo. .
Amplía a nova>>
22/02/2021
Santiago reparte a metade do orzamento das axudas ao sector cultural
A falta dun trámite de presentación final de documentación as axudas de rescate ao sector cultural do Concello de Santiago chegarán finalmente a repartirse só na metade no orzamento asignado. O consistorio publicou a resolución da convocatoria coa lista de solicitudes admitidas e rexeitadas de entre as 77 que se presentaron, cun resultado que, provisionalmente deixa 49 beneficiarios e 18 rexeitados nesta liña de axudas. Dos 300.000 euros cos que contaba a partida repartiranse, segundo esta resolución algo menos da metade, 145.000 en total con subvencións que van dos 3.000 (o máximo posible) aos 1.110 euros. Empresas e autónomos do eido cultural, entre as que hay editoriais, empresas gráficas, compañías teatrais e audiovisuais, autores e artistas plásticas, empresas de comunicación ou de produción e loxística de espectáculos están entre os beneficiarios das axudas locais. Coñecidos axentes culturais da cidade coma a Sociedade Cooperativa NUMAX e a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI) viron rexeitada a solicitude. As persoas e/ou empresas excluídas teñen un prazo dun mes para interpor un recurso de reposición..
Amplía a nova>>
19/02/2021
A Deputación da Coruña convoca axudas para empresas culturais por 275.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia da Coruña publicaba este 19 de febreiro a convocatoria de axudas para proxectos culturais singulares, que conta con 275.000 euros de orzamento. A liña está destinada a empresas e quere "apoiar producións singulares de especial interese social e cultural e, a través dela desenvolvéronse en anteriores edicións iniciativas que, se non existir, non terían visto a luz nun momento de crise para o sector como é este co cal agardamos que este ano se continúen a sumar proxectos que teñan alcance e repercusión para a sociedade", sinalou o deputado de Cultura, Xurxo Couto. .
Amplía a nova>>