02/08/2021
As axudas ao talento audiovisual apoian dezanove proxectos
A Axencia Galega das Industrias Culturais publicou no seu web o pasado 28 de xullo a resolución das subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, dotadas com 194.000 euros. A listaxe de proxectos beneficiados desta convocatoria cubriu o total de dezanove adxudicacións previstas nas bases para as distintas categorías. .
Amplía a nova>>
02/08/2021
Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU
O actor arzuán Alfonso Agra recibirá o Premio Cinema Galego do FICBUEU 2021, galardón que recoñece a traxectoria de profesionais da industria audiovisual galega. Alfonso Agra é coñecido sobre todo polos seus papeis en series galegas como Pratos Combinados, Mareas Vivas ou Serramoura. O homenaxeado manterá un encontro co público no que se desvelarán algunhas das facetas máis descoñecidas da súa dilatada carreira o sábado 18 de setembro ás 11:30 horas no Punto de Encontro do FICBUEU, situado na sala multiusos do Centro Social do Mar.
.
Amplía a nova>>
02/08/2021
'Eles transportan a morte' competirá no festival de San Sebastián
A estrea en territorio español da ópera prima da cineasta galega Helena Girón e Samuel Delgado,
Eles transportan a morte, terá lugar no marco da 69ª edición do Festival Internacional de San Sebastián, entre o 17 e 25 de setembro. A longametraxe, rodada en galego no orixinal, está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films e competirá na sección oficial Zabaltegui-Tabakalera, a sección competitiva máis aberta e sen limitación de formatos do veterano festival, que dá cabida ao cine que busca novas miradas e formas. Previamente, como xa se anunciou fai uns días, terá lugar a súa estrea mundial en Venecia, dentro da la Settimana Internazionale della Critica..
Amplía a nova>>
28/07/2021
Xabier Díaz, Xabarín Club e Anxo Angueira premios Rebulir 2021
Mediante un comunicado deuse a coñecer a decisión do Xurado dos Premios Rebulir da Cultura Galega 2021, un recoñecemento creado desde a asociación cultural do mesmo nome, para sinalar persoas ou colectivos que contribúan á difusión e posta en valor da cultura autóctona nas súas diferentes manifestacións. Tres galardóns en tres categorías outorgou onte o xurado: Música galega, Artes escénicas e un premio de Homenaxe. Anxo Angueira, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro, foi o escollido pola comisión para recibir o premio Homenaxe, "pola súa contribución a literatura galega, e a súa vinculación persoal e profesional con Ramirás e a comarca de Terras de Celanova", segundo o fallo. Un dos aspectos que defende este galardón é a proxección do nome de Galicia alén das súas fronteiras, facendo fincapé no establecemento de vínculos interculturais e de raíz. O músico Xabier Díaz tamén resultou recoñecido co premio Rebulir, "pola súa dilatada traxectoria no eido da música tradicional tanto dentro como fora de Galicia". Na categoría de Artes escénicas o xurado decidiuse por galardoar ao espazo infantil da TVG, Xabarín Club, "por ter contribuído desde o audiovisual, e máis concretamente desde a animación, a normalización lingüística e difusión da cultura galega", di o xurado. O acto de entrega de ditos galardóns terá lugar o sábado 18 de Decembro de 2021, no marco da Gala Central do Festival Internacional Rebulir 2021, a cal se celebrará previsiblemente no Complexo Polideportivo de O Picouto (Concello de Ramirás)..
Amplía a nova>>
27/07/2021
Su Rider e Dana fanse cos premios do FanCine de Lemos
O xurado da VII Edición do FanCine de Lemos, o Festival de Cine Fantástico de Monforte, outorgoulle o galardón desta xeira a
Su rider do director Alberto Utrera. Canda a este "tenso relato que mestura o terror coa problemática social", recibiu unha mención especial a fotografía da curta
Dar-Dar de Paul Urkijo. O evento celebrouse na capital da Ribeira Sacra entre os pasados 21 e 25 de xullo..
Amplía a nova>>
26/07/2021
O antigo IGI de Díaz Pardo podería acoller o Polo Audiovisual de Galicia
A posibilidade da rehabilitación do edificio do antigo IGI - Instituto Galego de Información, vencellado á empresa Sargadelos e que foi incluso residencia de Isaac Díaz Pardo contémplase dentro da "Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 'Camiño de Compostela 2032'" presentada onte na reunión do Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela. Un dos tres eixos fundamentais desta proposta é o relativo a Cultura e Sociedade, que conta cun orzamento xeral de 78.840.000 euros; á súa vez dentro deste apartado insírese o proxecto "COMPOSTELA CULTURAL AREA", que pretende utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, "xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de novos intercambios culturais. O documento, aprobado, propón a recuperación deste inmoble situado na periferia de Santiago, cerca do Monte do Gozo, para a creación dun "Polo Audiovisual de Galicia" que funcione en coordinación co vindeiro Hub Audiovisual, previsto pola Xunta, "facilitándose as instalacións para o desenvolvemento de rodaxes, coa finalidade de mellorar a competitividade empresarial" no obxectivo de ampliar estratexicamente o arrastre económico de actividade audiovisual na cidade. O documento insta a proceder á adquisición e rehabilitación do edificio..
Amplía a nova>>
23/07/2021
'Eles transportan a morte' seleccionada para a Semana da Crítica de Venecia
A longametraxe
Eles transportan a morte, dirixida polo tándem formado pola cineasta santiaguesa Helena Girón (1988) e o tinerfeño Samuel M. Delgado (1987), ven de ser seleccionada para competir na 36ª Semana da Crítica de Venecia, un certame paralelo á 78ª edición do Festival de Cine de Venecia. A película está producida por Filmika Galaika (Beli Martínez ao cargo da produción), xunto con El Viaje Films, La Banda Negra e a colombiana Blond Indian Films. O filme competirá entre o 1 e o 11 de setembro con outras seis producións dentro da Semana da Crítica, un apartado independente do festival italiano, organizado pola Unió de Crítics de Cinema Italià (SNCCI). Todas as películas deste concurso son estreas mundiais e óperas primas (no formato longametraxe) dos seus directores. .
Amplía a nova>>
15/07/2021
Un filme sobre Ian Gibson abrirá o XVIII Festival de Cans
Desde este 15 de xullo están dispoñibles na web as primeiras entradas para asistir á XVIII edición do Festival de Cans. A longametraxe
Donde acaba la memoria, debut na dirección do vigués Pablo Romero-Fresco arredor da figura do hipansita Ian Gibson abre o programa da nova xeira. O propio Gibson participará no evento, que por segundo ano consecutivo se traslada ao mes de setembro, entre os días 1 e o 4. Segundo destaca a organización, ao igual que na anterior edición "as medidas de distancia, seguridade, e sobre todo protección dos veciños serán fundamentais" por mor da pandemia de Covid-19 con ocupacións limitadas e distancia social..
Amplía a nova>>
14/07/2021
Portocabo e Movistar+ rodarán en Galicia a serie 'Rapa'
A produtora galega Portocabo (
Hierro, Auga Seca, Cuñados, Vidago Palace) desenvolverá con Movistar+ unha nova serie televisiva de ficción de xénero negro ambientada integramente en Galicia.
Rapa contará con Jorge Coira na dirección, Javier Cámara como protagonista e guión a cargo de Pepe Coira e Fran Araújo. Os escenarios desta ficción estarán desde a Serra da Capelada e Cedeira ata Ferrol nos seis episodios da serie, de 50 minutos cada un. A rodaxe comezará o vindeiro setembro e ten prevista a estrea en 2022. A trama comeza na Rapa das Bestas co asasinato da alcaldesa dun pobo e o comezo da investigación, sendo Tomás, o personaxe interpretado por Javier Cámara, a única testemuña dos feitos. El xunto cunha sarxento da Garda Civil buscarán ao asasino da alcaldesa. O resto dos intérpretes deste produción aínda non daranse a coñecer proximamente..
Amplía a nova>>
13/07/2021
Culturgal celebrará a súa XIV Edición baixo o lema "A cultura que toca"
A recuperar a actividade presencial logo dunha xeira marcada polas propostas virtuais, a XIV Edición de Culturgal celebrarase en Pontevedra entre os vindeiros 26 e 28 de novembro. O presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, explicaba durante a presentación do evento, na mañá deste 13 de xullo en Pontevedra, que "a cultura que toca é o lema que escollemos este ano e que queremos que teña un amplo significado, por unha banda, o relativo a fomentar o contacto entre a acción cultural ao vivo e o público, entre as empresas e axentes culturais, coa previsión de que esta Culturgal será a do reencontro, a da recuperación, a do contacto directo coa cultura"..
Amplía a nova>>