Novas | 711 a 720 de 4159

<< Anterior Siguiente >>

09/07/2021
A cultura galega vira cara a sustentabilidade

Dous eventos onte confirmaron o interese de diferentes ámbitos do sector cultural galego en afrontar as cuestións de sustentabilidade expostas na Axenda 2030 da Organización das Nacións Unidas para acadar un desenvolvemento sustentable, comprometido co medio e cos valores do seu contorno. Por unha banda, o Consello da Cultura Galega presentou en Monterroso o informe Cultura e sustentabilidade, coordinado polo investigador Fran Quiroga, no que realizaba entrevistas a 10 proxectos empresariais, asociativos e creativos con base ou forte implantación no medio rural galego, para determinar estratexias e visións que permitan unha cultura galega con capacidade para vertebrar as comunidades rurais e contribuír ao seu desenvolvemento. O CCG demandou que as políticas orzamentarias de cultura teñan en conta o medio rural e sexan usadas para "reequilibrar" Galicia, botando man con especial atención das provincias de Lugo e Ourense.. Amplía a nova>>

08/07/2021
O Festival de Cans premia a traxectoria de Jorge Coira

A asemblea da Asociación Cultural Arela, que organiza o Festival de Cans, acordou conceder a distinción de Honra do certame o Premio Pedigree, ao director lucense Jorge Coira (Rábade, 1971). A organización do certame considera a Jorge Coira como "unha figura fundamental no desenvolvemento do audiovisual galego nos últimos vintecinco anos". Coira recibirá o Can de Pedra e colocará a súa estrela no Torreiro das estrelas no marco do XVIII Festival de Cans, que terá lugar entre o 1 e o 4 de Setembro. Con motivo da homenaxe ao realizador o certame organizará o xoves 2 de Setembro, no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño a chamada "Tarde Coira". Nela, o público poderá asistir á estrea absoluta da longametraxe documental Beiras, vivir dúas veces, sobre a poliédrica figura deste histórico político galego, codirixida por Jorge Coira, xunto co seu irmán Pepe Coira e Gaspar Broullón. Ademais o público tamén poderá asistir a un avance das primeiras imaxes inéditas da última película que o cineasta acaba de rodar hai só uns días: Proyecto Emperador, protagonizado por Luís Tosar, no que supón o seu reencontro profesional, e producido por Vaca Filmes. O filme terá un aforo limitado e a asistencia farase a través dunha inscrición previa on line que se abrirá nos vindeiros días na web do Festival de Cans.. Amplía a nova>>

07/07/2021
Unha escultura lembra en Forcarei o legado de Chano Piñeiro

Forcarei acolleu hoxe a inauguración dunha escultura dedicada ao cineasta Chano Piñeiro, un dos pioneiros do cinema galego moderno, nacido nesta vila en 1954 e morto en Vigo en 1995. A escultura, realizada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, representa unha bobina e filme dunha película, en recordo das súas producións máis coñecidas: a curtametraxe Mamasunción e o filme Sempre Xonxa. No acto participou a súa viúva, Mari Luz Montes, a actriz Uxía Blanco, protagonista de Sempre Xonxa e secretaría da Xunta Directiva da Academia Galega do Audiovisual, xunto coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e Verónica Pichel, alcaldesa de Forcarei.. Amplía a nova>>

06/07/2021
As primeiras axudas a salas de cine chegan ata 15 empresas en 13 localidades

A Xunta de Galicia acaba de facer pública a adxudicación de preto de 240.000 euros ao abeiro da primeira convocatoria de subvencións á exhibición cinematográfica, da que resultaron beneficiarias 15 empresas para o desenvolvemento de proxectos en 21 salas de cine de 13 localidades. Dáselle así resposta á totalidade das propostas e contías solicitadas no marco desta nova medida, consensuada co sector, que busca contribuír á viabilidade deste tipo de espazos e reducir o impacto da crise sanitaria na súa actividade. O orzamento total destas axudas era de 350.000 euros. . Amplía a nova>>

05/07/2021
Ugia Pedreira e Marina Oural exploran o universo poético da casa rural en Unha faba unha vida

"Despatriarcalizar o ecoloxismo e ecoloxizar o feminismo". Ese é o obxectivo da xornada "Ecofeminismos", celebrada hoxe no Consello da Cultura Galega e na que un grupo de expertas reflexionou sobre as proximidades éticas de dúas das principais loitas sociais de finais do século XX e principios do XXI: o ecoloxismo e o feminismo. "As loitas feministas e ecoloxistas, antes paralelas, son agora interdependentes: os seus avances e retrocesos inflúen mutuamente. Ambos concordan en que todas as formas de opresión se conectan co inimigo común: o capitalismo patriarcal", sinalan no programa do evento. Como colofón estreouse a peza audiovisual "Unha faba unha vida", que parte do espectáculo do mesmo nome de Ugía Pedreira e Marina Oural, na que se explora o territorio da casa aldeá na súa dimensión poética e musical. O vídeo foi realizado para a xornada e producido por Mialma Produciois. . Amplía a nova>>

02/07/2021
Vinte e dous proxectos reparten as axudas á produción audiovisual da Agadic

A Axencia Galega das Industrias Culturais facía pública este 1 de xullo a resolución de subvencións para producións e coproducións audiovisuais, a liña de maior dotación das que a Xunta destina ao sector. Dotadas con 2,5 millóns de euros, estas axudas apoiarán o desenvolvemento de trece longametraxes (cinco de ficción en imaxe real, unha de animación e sete documentais), seis curtas e tres series de televisión (unha en imaxe real e dúas de animación).. Amplía a nova>>

01/07/2021
Catro cineastas para revelar o capital simbólico e inmaterial de Galicia

A Fundación DIDAC estrea hoxe na súa sede en Santiago, 'Visións inéditas', un proxecto multimedia comisariado por Performa S.Coop. Galega realizado a partir de catro pezas, conformadas a modo de capítulos, que compoñen un documental a través do cal asomarse a algunhas das persoas, lugares e experiencias que axudan a definir e revalorizar o patrimonio natural e cultural galego. As pezas, ideadas especificamente para o proxecto, contan coa dirección artística de Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza, figuras recoñecidas do audiovisual galego contemporáneo. . Amplía a nova>>

29/06/2021
Entregados os V Premios Maria Luz Morales da Academia do Audiovisual

A Academia Galega do Audiovisual entregou os premios María Luz Morales, que promoven a investigación científica no ámbito audiovisual nunha gala celebrada en liña, na que se fixeron públicos os traballos gañadores. Nesta quinta edición, por primeira vez na historia destes galardóns, o xurado declarou deserta unha categoría, a de Mellor videoensaio sobre audiovisual galego. Repartíronse os premios correspondentes ás dos ensaios escritos sobre audiovisual galego e internacional e a de videoensaio sobre audiovisual internacional ademais de dous accésit. Unha das novidades deste ano foi a retransmisión do evento en liña, a través da canle de YouTube da Academia, desde a sede da Deputación da Coruña, como anfitrioa este ano.. Amplía a nova>>

28/06/2021
Brandán Cerviño colleita recoñecementos coa súa curta A comuñón da miña prima Andrea

O Premio do Público do festival Tenerife Shorts, obtido este 26 de xuño, é o máis recente galardón na listaxe de recoñecementos que está a obter A comuñón da miña prima Andrea. A curtametraxe documental de Brandán Cerviño chegou ao festival canario logo de percorrer citas de grande importancia como o Festival Internacional de Cinema d'Autor de Barcelona, o noruegués Kortfilmfestivalen, o AFI DOCOS e o festival de Palm Springs en Estados Unidos, o israelí DOCAVIV ou o Festival de Málaga, onde obtivo unha mención especial do xurado. . Amplía a nova>>

25/06/2021
Agadic aumenta as axudas ao sector audiovisual

A Axencia Galega de Industrias Culturais ven de reforzar a súa liña de subvencións ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais. O Diario oficial de Galicia publica hoxe as bases dunha nova convocatoria desta liña de acción que estará dotada con ata 300.000 euros, arredor dun 15 por cento máis que en 2020, mentres que mantén as contías máxima a percibir por proxecto e as modalidades destes, o que supón aumentar o alcance en número de proxectos como ambición última. O pasado ano estas axudas chegaron a quince producións en fase de inicio. A finalidade das subvencións é o fomento dos traballos previos á produción audiovisual, nas modalidades estipuladas, que seguen a manter unha decidida aposta diferenciada pola animación: longametraxe cinematográfica de ficción, serie ou miniserie de ficción para TV (ata 20.000 euros por proxecto); longametraxe cinematográfica de animación ou serie de animación (ata 20.000 euros); longametraxe de ficción para TV, longametraxe documental cinematográfica para TV e piloto de programa para TV (máximo de 10.000 euros por axuda a este proxectos).. Amplía a nova>>

<< Anterior Siguiente >>

Noticias|Reportaxes|Historia|Documentos|Certames|Boletíns|Como estar en AVG |Vantaxes de AVG |Avísanos

AVG | O soportal do audiovisual galego | culturagalega.org


Consello da Cultura Galega
Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia)
Tfno: 981957202 / Fax : 981957205 / e-mail: redaccion@culturagalega.org