O Festival Internacional de Curtas FIC Vía XIV de Verín anunciou a programación completa da súa sexta edición, que terá lugar do 4 ao 12 de setembro no Auditorio Municipal. Máis de 30 curtametraxes dunha ducia de países competirán este ano no concurso oficial do encontro, que acollerá tamén outra serie de proxeccións paralelas, así como unha homenaxe ao actor e comunicador ourensán Sergio Pazos. O FIC de Verín exhibirá por vez primeira en liña as curtametraxes seleccionadas a través da plataforma Festhome. Xunto ao concurso nas súas categorías habituais (Horizontes, Outra Mirada, A Raia e Nova), tamén poderá verse unha selección procedente do Tempo Documentary Festival, un foro cinematográfico sueco que é o festival convidado nesta sexta edición. Entre as actividades paralelas deste ano, destaca así mesmo a proxección para o público infantil da película 'Fantasía' de Disney ou a preestrea en Galicia do documental 'Tierra de leche y miel', dirixido polo verinés Héctor Domínguez-Viguera xunto a Gonzalo Recio e Carlos Mora, e gañador da sección DOC na 65ª Seminci de Valladolid.